Restrición e responsabilidade

Todo o que non está expresamente prohibido está permitido. Se non saímos dos marcos, se non empuxamos un pouco, non imos poder cambiar nada.

Nélida Zaitegi de Miguel. Entrevista para EDUGA núm. 72

 

Vallan as palabras da nosa experta en educación entrevistada para este número 72 de EDUGA para poñer enriba da mesa o apaixonante debate entre os conceptos de restrición e responsabilidade aplicados ao ámbito educativo. Inmediatamente, acoden á mente fitos epistemolóxicos das ciencias sociais, que, seguramente, están xa na mente de todos.

Como non lembrar, entón, un dos máis visibles: en 1940, o Premio Pulitzer e profesor de historia constitucional, Charles Howard McIlwain, deu á imprenta a súa obra definitiva, construída pacientemente coas miles de notas acumuladas ao longo dos anos no seu pequeno despacho de Harvard. Chamouna  Constitucionalismo antigo e moderno, apenas 160 páxinas na súa edición orixinal da Cornell University Press, que exerceron unha extraordinaria influencia en todos os que con posterioridade se ocuparon de analizar os recantos da relación latente entre a cidadanía e “os poderes” que, mal que ben, a gobernan. Descubriu entón McIlwain unha vella dicotomía que aparecía reiterada e insistentemente en calquera texto que tivese que ver co pacto entre gobernantes e gobernados, desde as categorías xurídicas medievais, ata as constitucións modernas. Tal dicotomía referíase, en esencia, ao difícil equilibrio que se apreciaba entre o que precisaba regularse, incluso prohibirse, e o que debería, en pura xustiza, deixarse ao bo criterio e á recta razón do cidadán. Falou entón de restrición fronte a responsabilidade, contemplando os múltiples matices que tiñan cabida entre tales límites, concluíndo que a experiencia aconsellaba restrinxir só o inevitable e confiar nos altos niveis de responsabilidade que podían apreciarse sen dificultade ningunha nas sociedades onde a educación alcanzara un certo grao de extensión e calidade.

Non parece que as conclusións de McIlwain perdesen a súa dose de frescura desde entón. Ao contrario, segue facéndose evidente que canto máis restritivo é un modo de gobernar e, polo tanto, de ensinar, menores posibilidades ten a cidadanía para o seu desenvolvemento e prosperidade. Nunca foi máis  necesario para a escola a liberación de clixés e ideas preconcibidas co fin de poder encarar unha realidade social e laboral en permanente mudanza, de cuxo futuro aínda máis próximo apenas podemos saber nada. Só algunhas certezas nos poden acompañar no camiño; precisamos dinamismo nos  equipos docentes, creatividade, formación e moita desta nos propios centros, empatía entre os diversos axentes educativos e acerto no diagnóstico da mudable realidade. Retos tan esixentes coma motivadores, que explican por si mesmos a grandeza e transcendencia da nosa profesión.

Coma cada decembro, o equipo que formamos EDUGA desexámosvos unhas moi felices vacacións e un novo ano cheo de éxitos.

Juan Granados
Director da Revista Galega do Ensino, EDUGA
 

 

 

Sección: