Ciencia cidadá. A ciencia que podemos facer xuntos

José Manuel Viñas Diéguez
jvinas@edu.xunta.es
IES David Buján (Cambre-A Coruña)

Que é?

A ciencia cidadá ou ciencia voluntaria é un movemento global polo cal calquera persoa, empregando tecnoloxía accesible, traballa con investigadores profesionais para aprender sobre o mundo dunha forma que nunca antes se fixera.

 


 

Diapositiva pertencente á presentación do proxecto Ciencia cidadá na escola do IES David Buján na III Convocatoria de Proxectos escolares

 

Quen pode participar?

Pode participar calquera persoa. Calquera cidadán é quen de participar nun experimento de ciencia cidadá. A ciencia cidadá crea unha canle entre os científicos e a sociedade para que ambos poidan aproveitar o seu potencial. Por unha banda, a sociedade pode aprender e valorar o que están a facer os seus científicos e, por outra, os científicos poden atopar colaboradores interesados no seu traballo ao tempo que se divulga a súa investigación. Ambos poden participar conxuntamente para solucionar un problema.

A ciencia cidadá engancha os alumnos na ciencia auténtica e con significado. Os modelos de participación en ciencia cidadá son variados.

  • Compartir recursos. Os investigadores utilizan os procesadores dos computadores dos voluntarios cando estes non os están a utilizar. Desta maneira conseguimos un potencial de procesado de datos difícil de manter para un laboratorio de investigación.
  • Recoller datos. Cando paseamos pola rúa, podemos estar a recoller datos cos sensores do noso móbil. Por exemplo, no proxecto Noise Tube, o micrófono do noso móbil pode recoller niveis de ruído para posteriormente elaborar un mapa de contaminación acústica na nosa cidade.
  • Analizar datos. Cando os datos están recollidos polo científico e obtemos unha cantidade moi elevada, somos os cidadáns os que podemos colaborar no proceso de investigación. É o caso do proxecto Dixital Fishers, que se leva a cabo desde Canadá para todo o mundo. Os científicos deste proxecto recollen horas de gravación no fondo do Pacífico Norte para despois presentalas en tramos dun minuto a modo de videoxogo. Así, os alumnos identifican as especies mariñas que ven, o cal lles dá puntos para pasar a niveis superiores no videoxogo.
  • Xogos con sentido. A visión tridimensional que adquiren os mozos ao xogar con videoxogos non pode ser superada aínda polos computadores. Por iso, o proxecto Eyewire, que obtén imaxes de redes nerviosas, utiliza xogadores de videoxogos para poder diferenciar cada unha das células nerviosas que se interconectan no noso ollo.
  • Participación en experimentos. Experiencias como Gripenet, na que se comunica o momento no que colles a gripe, permítelles aos investigadores coñecer o avance da enfermidade. No proxecto Mind Paths, a modo de xogo, créase un mapa semántico das palabras desde o punto de vista da sociedade.
  • Actividades colaborativas. A cidadanía pode colaborar para realizar unha experiencia entre todos. A suma de percepcións, nun momento dado, pode proporcionar información moi útil.
  • Intelixencia colectiva. A valoración do traballo en grupo para resolver problemas está moi aceptado na sociedade. Con todo, o mundo académico adoita ser reticente a aplicalo con total garantía para o individuo. Demostracións deste tipo axúdannos a percibir o valor desta estratexia.

Os modelos de participación cidadá na ciencia teñen un simil coa lectura. Do mesmo xeito que empezamos a coller o gusto pola lectura con libros sinxelos, para pasar a libros máis complexos pasado o tempo, comezamos por experiencias sinxelas de tomas de datos ou clasificacións de imaxes para pasar a experiencias máis complexas.

Entre as finalidades deste proxecto atópanse as seguintes:

  • Promover a aprendizaxe colaborativa.

  • Satisfacer o desexo innato de xogar, construír e explorar.

  • Inspirar un maior aprecio e promover unha mellor comprensión da ciencia e da tecnoloxía entre o público en xeral.

  • Crear un espazo compartido onde científicos e alumnos poden traballar conxuntamente nun proxecto de investigación.

  • Animar os alumnos a aprender, participar e contribuír ao desenvolvemento da ciencia mediante actividades recreativas.

  • En definitiva Conectar a escola co seu contorno.

Pode encaixar no currículo?

A competencia científico-tecnolóxica e matemática comprende unha serie de coñecementos (saber), habilidades (saber facer) e actitudes (saber ser) que os alumnado debería desenvolver durante o seu proceso formativo. A ciencia cidadá proporciona, nunha soa actividade, coñecementos do tema que se está a tratar, habilidades propias dun alumno dunha clase de ciencias (observar, tomar e analizar datos, elaborar presentacións ou extraer conclusións) e, por suposto, actitudes (apoio á investigación científica e respecto polos datos e a súa veracidade).

Algúns exemplos de actividades aconsellables para introducir os alumnos na ciencia cidadá:

Nome da experiencia

Ligazón á plataforma

Habilidades científicas para desenvolver

Digital Fishers

http://www.oceannetworks.ca

Observar, avaliar, tomar decisións

AQUA

http://aqua.ibercivis.es/

Preguntar, elaborar hipóteses, tomar datos, analizar datos, extraer conclusións

Noise Tube

http://www.noisetube.net/#&panel1-1

Tomar datos, enviar datos, analizar propios datos

Globe at Night

http://www.globeatnight.org/

Preguntar, elaborar hipóteses, tomar datos, analizar datos, extraer conclusións

Monzoo

https://www.moonzoo.org/

Observar e medir

HHMI Gorongosa

http://www.wildcamgorongosa.org/#/classify

Observar e clasificar

Proxectos de ciencia cidadá deseñados por alumnos do IES David Buján

http://www.citizenscienceclub.com/proyectos-de-ciencia-ciudadana/

 

 

 As posibilidades da ciencia cidadá son infinitas. A inclusión dos nosos alumnos nalgún destes proxectos implica un compromiso temporal co investigador, xa que o profesor é quen marca os tempos e adapta este proceso ao ritmo da aula.

Un dos obxectivos deste artigo é dar a coñecer o tipo de actividade científica que xera a ciencia cidadá nas escolas e os centros de investigación. Crear sinerxías entre ambos permitirá poñer en contacto a profesores-alumnos e científicos. A nosa sociedade non ten tradición no traballo voluntario, por iso é tan importante darlles a coñecer ás seguintes xeracións as bondades do voluntariado, neste caso científico. Sociedades como a australiana, a canadense ou a americana, con máis tradición, xeran páxinas web como Zooniverse cunha variedade de proxectos que inclúen desde as artes á historia, pasando polo cambio climático, ou Scistarter con máis de 500 proxectos nos que podemos participar. No ámbito europeo, e en España en particular, a ciencia cidadá ten moito percorrido por facer para chegar ao nivel dos anteriores países.

Algúns exemplos do IES David Buján

Cando deseñamos unha práctica de laboratorio, queremos ir más alá do seguimento dunha serie de pasos, xa que desexamos ver o alumnado observar, planificar, elaborar gráficas ou sacar conclusións. Para iso necesitamos ensinar cada unha destas habilidades por separado, de forma que pouco a pouco os alumnos as vaian integrando na súa educación científica. Unha forma de levar a cabo esta aprendizaxe pode ser a participación en proxectos de ciencia cidadá dentro do ámbito escolar, como se fai no IES David Buján con experiencias coma estas:

Digital Fishers. É unha plataforma con formato de videoxogo. A fundación Ocean Networks Canadá grava en vídeo, con axuda de robots submarinos, os fondos do Pacífico Norte. Todas esas horas de gravación recórtanse en tramos dun minuto  de duración e inclúense no videoxogo para lle permitir ao alumno identificar as especies subacuáticas que atopou. O alumno sobe de nivel tras o procesamento de varios vídeos e así alcanza vídeos con especies máis complexas. Por unha banda, os alumnos de primeiro da ESO realizan unha experiencia de identificación de especies no seu hábitat, potencian a observación, a toma de decisións e xogan. Por outra banda, os investigadores, tras compartir o mesmo vídeo cun número elevado de voluntarios, obterán resultados que lles permitirán dedicar o seu tempo a labores investigadores máis complexos.

HHMI Gorongosa. É unha plataforma pertencente ao Howard Hughes Medical Institute, que realiza fototrampeo no Parque Nacional de Gorongosa (Mozambique). Desde o computador da casa ou o do instituto, os nosos alumnos de primeiro da ESO poden realizar unha práctica de identificación de macroinvertebrados no seu hábitat natural. Traballar de forma práctica entusiasma o alumnado, pero participar nunha investigación real faino tomar conciencia da importancia dos seus novos coñecementos no mundo real.

AQUA. É un proxecto de ciencia cidadá creado pola fundación Ibercivis que ten como propósito avaliar dous parámetros da auga da billa: cantidade de cloro e pH. Mediante un kit enviado por Ibercivis, o alumno pode valorar a calidade da auga da súa billa seguindo as instrucións do videotitorial (http://aqua.ibercivis.es/information/video02). Nun primeiro momento, o alumnado de terceiro da ESO realiza unha práctica de laboratorio. Pero no noso instituto, grazas ás habilidades científicas adquiridas polos alumnos, demos un paso máis e propuxemos a toma de 80 datos de auga da billa no noso concello para realizar unha investigación científica e, como os datos son públicos, comparámolos coa calidade da auga de Zaragoza (cidade onde se comezou o proxecto AQUA). O devandito traballo de investigación foi seleccionado para a fase final de Galiciencia 2015. Con esta metodoloxía podemos imaxinar a posibilidade de avaliar a calidade da auga da billa en todos os concellos con ensino secundario.

Globe at Night. É un proxecto de ciencia cidadá de ámbito mundial, que axuda a medir a contaminación lumínica do noso barrio. A aplicación propón a medida da contaminación lumínica en cada hemisferio, atendendo a unha constelación e ao número de estrelas que podemos observar nela. No noso centro fixemos as medidas con alumnado de primeiro da ESO que estuda o Universo. A práctica de identificación de constelacións ten máis sentido ao achegar datos da nosa comunidade ao resto do mundo. Unha vez recompilados todos os datos, propuxemos unha investigación que compare a contaminación lumínica da nosa vila cunha gran cidade ou ben localice puntos de contaminación na nosa contorna. Este traballo foi seleccionado para participar na fase final Galiciencia 2016. Con esta metodoloxía podemos imaxinar tamén a repercusión da medida de contaminación lumínica en todos os lugares de Galicia con ensino secundario.
Pero o noso alumnado non se conformou con participar nunha investigación xa creada ou con adaptala ás súas necesidades. Os nosos alumnos deseñaron as súas propias investigacións dentro do proxecto Erasmus+ STEM Clubs & Citizen Science e crearon apps de móbil útiles para responder ás súas propias cuestións ou retos (http://www.citizenscienceclub.com/proyectos-de-ciencia-cidadá/).
Urtica. Proxecto elaborado en Epicollet + por dúas alumnas de terceiro da ESO para desterrar lendas urbanas como a de que as ortigas non pican se deixas de respirar. Se queres participar no proxecto, sigue a información dada na nosa páxina web.

Species Calendar. Proxecto que pretende estudar, mediante ciencia cidadá, o avance das estacións nos distintos lugares de Galicia. Grazas a unha práctica de identificación de especies comúns na nosa comunidade, pódese comprobar o momento de floración, aparición ou caída de folla e con iso o avance das estacións. Premio Agora do concurso de ciencia xuvenil Ciencia en Acción 2016, en Algeciras.
Avespa asiática. A xeolocalización de niños de avespa asiática ten un interese primordial no deseño da estratexia de exterminación do ano seguinte. Dous alumnos de cuarto da ESO elaboraron unha app de móbil con App Inventor para compartir estes datos e poder coñecer o avance desta especie invasora ao longo dos anos. Traballo seleccionado para a fase final de Galiciencia 2016.

E en Galicia?

Galicia é unha das primeiras comunidades que está a ser sensible ao fenómeno da ciencia cidadá na escola en España. Xa no 2013 lle foi concedido ao IES David Buján un proxecto chamado Ciencia cidadá na escola  financiado pola Fundación Barrié, o ano seguinte, este mesmo centro liderou un proxecto Erasmus+ coa Loreto Grammar School de Manchester (UK). Este curso (2016/17), o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) está a promover a inclusión da ciencia cidadá na escola a través do curso de formación Ciencia cidadá na escola ou Indagación na aula. Ademais, diferentes departamentos da universidade e o Parque Natural das Illas Atlánticas están a interesarse na ciencia cidadá e a súa posible inclusión en proxectos escolares.

A capacidade de innovación e versatilidade das escolas e profesores galegos para incluír este tipo de actividades científicas tan próximas á sociedade permitiranos estar en contacto cos nosos investigadores, ofrecerlle ao noso alumnado prácticas científicas de calidade, aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías e así poñer unha rexión periférica, como Galicia, no mapa da ciencia cidadá europea.

 

Para saber máis:

- Club de Ciencia do IES David Buján de Cambre
- Proxectos de ciencia cidadá na escola
- Fundación Ibercivis.
- Scistarter
- Observatorio Nacional para a Ciencia Cidadá
- Zooniverse
- Socientize.
- Libro blanco de la ciencia ciudadana

Síguenos en

- Pinterest. https://es.pinterest.com/clubciencia/
- Twitter. https://twitter.com/Club100cia?lang=es
- Facebook. https://www.facebook.com/XentD100cia/
- Instagram. https://www.instagram.com/citizen_science_now/

 

 

Sección: