UDI, UDI, UDI… en calquera momento entramos na UVI! Que se necesita?

Reflexións feitas nun descanso dunha sesión do curso "Elaborando materiais didácticos para traballar competencias clave", en Pontevedra, a escasos días das eleccións xerais do 2015

Susi Arca Camba

Mestra de infantil nunha unitaria, modelo de escola que defendo e quero por riba de todo

 

Partindo dos estándares establecidos dáste de conta de que, se nun primeiro momento fixesen unha rúbrica, estarías no apartado C, normal, coma os outros compañeiros, facendo o que podes, dás o básico e esfórzaste vindo aos cursos do CFR para poder avanzar ata o apartado A.


Ben, sigamos atendendo ás competencias, competencias non entendidas entre coles distintos, nin entre nenos diferentes, nin do rural fronte aos das cidades, non! As competencias abranguen desde aprender a aprender, pasando pola CCL, CSC, CCEC, CSIE, CMCT… sen esquecer a CD (non confundir a estas alturas preelectorais con PSOE, nin UPyD, nin PP etc.).


Non podemos esquecernos logo dos contidos que xa non fai falta que lembremos que son “o obxecto directo” na formulación dos obxectivos. Iso xa o sabiamos de antes, agora centrémonos no produto final, pero, iso si, avaliémolo con listas, con rúbricas… pero non confundamos as tarefas coas actividades e moito menos cos exercicios. Ah! Se ademais es de infantil, cambia estándares por indicadores de logro e algunha cousiña máis.


Se ao final a saba que imprimes do ordenador non che chega para tirar para diante, pensa: “todo isto xa o facía eu pero non sabía que se chamaba así”. Engade grupos cooperativos; atende á filosofía para nenos; procura sacar o carné de manipulador de alimentos; esquécete da familia, da túa, non da das criaturas; non esperes que che reintegren a extra de hai mil anos; convence os papás de que a túa xornada laboral non é só de cinco horas lectivas; cambia pantalóns de “pises” e caquiñas; aplaca caprichiños que veñen acabados de estrear cada mañá; descifra os incipientes “balbucidos” dos de tres anos; arríscate nas saídas e nas excursións… e párate a pensar:


Estou nesta profesión porque me gusta, porque a escola me engaiola, porque non hai cartos que paguen ver esas cariñas ansiosas por saber como remata o conto ou ver como lles brillan os olliños despois dun descubrimento, porque levamos dentro o neno ou nena que fomos non hai tanto!, porque os nenos son o mellor que ten esta sociedade, porque…

Pi… Pi... Pi,i,i,i...

Hoxe debería desconectar. Tiña día non lectivo por festivo local, pero só pola mañá, xa que aquí estou, nun curso a trinta e cinco quilómetros da casa, un día de novembro radiante. Rizando o rizo… para obter un produto social relevante.


O produto será relevante pero eu acabo medio depre, cansa e farta de tanto cambio, tanta lei, tanta informática, tanta…

Palabras clave: 
Sección: