Aulas de lingua ou obradoiros de lectoescritura?

María José Pintos González
mpintos@edu.xunta.es

Rosa Fuentes Gil
rosafuentes@edu.xunta.es

CEIP Froebel, Pontevedra

 

QUE OBSERVA ESTE HOME?
Esta foi a pregunta que deu inicio a un dos proxectos de lectura e escritura do presente curso escolar. Traballamos a partir dun relato, A illa do tesouro, de R. L. Stevenson. E os nenos e nenas comenzaron con esta pregunta, traballando coa portada do libro (con parte desa portada), una pregunta que os instaba a pensar, a imaxinar, a adiviñar…

Estas reflexións leváronos a traballar un xénero textual: a biografía. O alumnado investigou e escribiu sobre a vida e as aventuras deste xenial escritor. Pero este proxecto de escritura levounos de viaxe polo mar e por outras lecturas. Aprendemos moito vocabulario mariñeiro, fixemos presentacións, carteis e relatos, poemas e cancións e tamén preparamos unha entrevista para unha invitada especial. Fixémoslle unha entrevista moi interesante a unha mariscadora e publicámola na revista escolar. Foi un proxecto fermoso e fértil, un percorrido por textos de moitos tipos, cheos de contidos interesantes.

Xa no pasado curso vivimos unha fermosa experiencia co noso proxecto de escrita. Daquela tratábase de Julio Verne e da súa Viaxe ao centro da terra. Canto escribimos! Houbo textos de todos os tipos: narrativos, expositivos, argumentativos… a verdade é que tamén viaxamos, a través da lectura e da escritura. Unha das máis divertidas propostas foi aquela pregunta que lle propuxemos ao alumnado: que catro cousas levarías na túa maleta para a viaxe ao centro da terra?

 

 

Pero non sempre traballamos deste xeito. Hai pouco tempo, aínda as nosas aulas de linguas estaban bastante ligadas ao traballo cun libro de texto e os seus exercicios. Hai pouco que nos decidimos a cambiar e apostar por experiencias coma estas.

Son experiencias que responden aos seguintes aspectos clave:

a)    A biblioteca escolar é o centro de recursos para a aprendizaxe.
b)    A principios de curso establécese un tema arredor do que se van deseñar tarefas e actividades para todo o centro.
c)   Escóllense as lecturas que servirán de pretexto para dar a coñecer diferentes tipoloxías textuais e a proposta de obradoiros de escrita que nos permitirán abarcar os bloques e estándares de aprendizaxe propios de cada curso.

O TRABALLO NA AULA
Partindo da lectura dun pequeno fragmento, dun audio, dun vídeo, dunha imaxe... a aula ten a información do que pretendemos traballar. Previamente o equipo de linguas elabora material concreto para adaptalo a cada nivel e o titor proporcionarallo ao alumnado, para aproximalo ao tipo de texto que interese traballar.
Sempre se farán prácticas previas, distintos borradores se fose preciso, que se mellorarán ata conseguir o resultado desexado e que constitúen a base da aprendizaxe significativa do propio alumno. Os agrupamentos varían en cada proposta, pero sempre se recomenda iniciar no ámbito de gran grupo, sobre todo para fomentar a oralidade, integración, participación de todos, facilitando o coñecemento do esquema ou modelo do tipo de texto que despois se traballa en equipos (onde cada membro terá un rol) ou de xeito individual.

Cada alumno ten un cartafol onde vai gardando o material, documentación, esquemas de cada tipoloxía textual, conectores dos que pode facer uso en calquera situación.

É importante a utilización habitual por parte dos alumnado de dicionarios de sinónimos que faciliten a súa expresión e enriquezan e amplíen o seu vocabulario.

Organízanse encontros entre alumnos de diferentes cursos para expoñer as súas producións, empregando diferentes soportes impresos ou dixitais para mellorar o discurso, a oratoria e o enriquecemento mutuo.

As propostas inclúen preguntas ás que deben dar resposta, buscando información, seleccionándoa, clasificándoa e avaliando se realmente a información conseguida é válida para a pregunta realizada.

NIVEL DE CENTRO
Claro que si. Foi preciso facer uns cambios organizativos:

  1. Un cambio no ámbito da organización horaria semanal nos grupos, establecemento de dúas sesións consecutivas para poñer en funcionamento obradoiros de escrita en todos os cursos. Seguindo as obras de Anna Camps, Marta Milian e Daniel Cassany tomamos como punto de partida os parámetros da situación comunicativa e, a partir de aquí, realizar tres procesos inevitables: planificar, textualizar e revisar. Dámoslle moita importancia ao coñecemento sobre as tipoloxías textuais na medida en que axudan a organizar os textos, pensar entre todos a quen vai dirixido o noso texto, por que motivo, é dicir, que cumpre unha finalidade, e no contexto no que se escribe.
  2. O deseño e coordinación de tarefas que despois se trasladan ás aulas. Creouse un equipo de linguas que ten a función de elaborar propostas de traballo e de suxerir diferentes aspectos que se poden traballar de gramática, ortografía…, que permiten o desenvolvemento de habilidades e destrezas en comunicación lingüística, a intertextualidade e a busca e clasificación de información.
  3. Desaparición dun dos libros de texto de lingua en cada curso, porque entendemos que se repiten os aspectos que se van traballar e non enriquecen porque condicionan o traballo na aula fixando uns contidos, estruturándoos dun xeito moi ríxido, é un recurso destinado á transmisión de coñecementos e non favorece a construción da aprendizaxe do alumnado. Deste xeito apostamos por organizar nas programacións o tratamento das linguas coa produción de textos. Se en primeiro de educación primaria hai libro de texto en Lingua Castelá, non existirá o de Lingua Galega. No curso seguinte faise á inversa, está presente o de Lingua Galega e non o de Lingua Castelá . Este sistema implántase en toda a primaria.

E, de certo, que estas medidas foron aprobadas no claustro e forman parte xa do proxecto educativo do noso centro.

FORMACIÓN E CAMBIO
A nosa reflexión sobre a necesidade de cambio iníciase no curso 2009/10 polas preocupacións e inquedanzas manifestadas por todos os membros do claustro despois das avaliacións internas, así como dos resultados das probas de diagnóstico. Comprobamos que os resultados obtidos en relación coa adquisición da competencia lingüística non eran os esperados e que se precisa un cambio de estratexias e metodoloxía que motiven tanto o profesorado como o alumnado.

Despois das postas en común, decidimos partir como primeiro paso do traballo nas aulas en comprensión e expresión oral co noso alumnado e mellorar a competencia profesional do profesorado como obxectivo prioritario na PXA, iniciando un proxecto de mellora no curso escolar 2010/11 e 2011/12. Practicamente a totalidade do profesorado participou neste plan de mellora.

Nese momento asentáronse unha serie de medidas en relación con:

  • Intervencións educativas que implicasen secuencias, hipóteses, inferencias, deducións...
  • Nos documentos de centro revisáronse e adecuáronse os criterios de promoción por ciclos da competencia lingüística.
  • En relación coas programacións, tívose en conta o deseño de tarefas que incidisen directamente na adquisición da comprensión e expresión oral en todas as áreas.
  • O proxecto lector.
  • O proxecto lingüístico.

As nais e pais foron informados desta actividade e participan apoiando o noso traballo desde as súas casas. Un equipo de nais/pais apoia especialmente o fomento da lectura participando en diferentes actividades do centro no horario de mañá.

Como todo é empezar... melloran os resultados en canto a comprensión e expresión oral, pero seguen a manifestarse importantes carencias no ámbito da escrita e consideramos necesario continuar a nosa formación.

Nos cursos 2012/13 e 2013/14 lévanse a cabo proxectos de formación para mellorar:

  • A formación do profesorado nunha base teórica e recursos que nos axudasen  a innovar dentro da aula as producións escritas a partir da lectura, sen ter que depender de libros de texto de lingua, mellorando as competencias profesionais en canto a metodoloxía axeitada para atender este proceso.
  • A consecución do coñecemento e produción de diferentes tipoloxías textuais por parte de todo o alumnado.

No curso 2014/15 e no curso actual, o proxecto de formación xira arredor de proxectos documentais, e a biblioteca é o centro dinamizador de todas as actividades do centro.

O cambio metodolóxico e organizativo realizado no noso centro foi froito dun proceso lento, intentando que ano a ano se fosen integrando as novidades e os cambios na práctica docente de xeito natural, dándolle seguridade ao profesorado para que non fosen unha barreira os medos que normalmente aparecen cando de súpeto cambalean as bases nas que asentaron durante moitos anos a súa práctica docente.

Pensamos que os cambios son reais cando suceden paulatinamente, e dan tempo de integralos, traballalos pouco a pouco ata que forman parte da rutina diaria. O noso proceso é moi satisfactorio e ilusionante. O eido da lectura e da escrita está asentado. Estamos xa empezando —a través do noso PFPP— a mirar con detemento cara ás Matemáticas e as Ciencias. De feito estamos empezando a probar novas estratexias. Velaí temos o noso seguinte reto.

 

Sección: