Itinerarios lectores.

Que queres ler agora?: un camiño personalizado cara a competencia lectora
Co comezo do curso no mes de setembro, o noso alumnado enfróntase con moitas reticencias á temida listaxe de lecturas obrigatorias que lles presentan os distintos profesores. O que eles non saben é que tamén para o profesorado esta elección representa un dos principais quebracabezas. Poucas cousas reconfortan tanto a un profesor como escoitar a opinión sincera dos seus alumnos cando manifestan que gozaron dunha lectura recomendada por el.

José Luis Álvarez Pérez

josel@edu.xunta.es

IES Álvaro Cunqueiro (Vigo)


Leonor Giménez Fernández

leo_gf@edu.xunta.es

IES Ricardo Mella (Vigo)


Francisco Zea Álvarez

curro@edu.xunta.es

IES A Paralaia (Moaña)

 

 

Para confeccionar esta listaxe de obras atopamos múltiples dificultades, tales como o obxectivo destas propostas dentro do currículo, a heteroxeneidade nos niveis de comprensión lectora e intereses persoais do alumnado, a difícil elección entre best-seller e literatura canónica, nalgúns casos a falta de adaptación das lecturas oficias á competencia o aos intereses do alumnado que nos obrigan a navegar entre clásicos adaptados ou literatura xuvenil e, finalmente, a continua renovación e descatalogación de títulos.

Despois de moitos anos analizando estas dificultades, no IES Álvaro Cunqueiro (Vigo) naceu o GT Creación dun itinerario lector para ESO (CFR de Vigo), cuxo resultado foi a creación de Itinerarios lectores.

Un itinerario lector é unha ferramenta didáctica pensada para que o alumnado adquira competencia lectora. Non é un termo novo, senón que se emprega dese hai algún tempo, ao igual ca o de “constelacións literarias”, “pasarelas” ou outros semellantes. A diferenza de todas estas propostas, a nosa web propón unha organización xerarquizada por complexidade da lectura, con máis de trescentos cincuenta títulos interrelacionados entre si, así como a liberdade de cada usuario para adaptar os seus gustos e capacidades dentro da ampla proposta.

A ler apréndese lendo. Por esa razón xerarquizamos os libros por niveis, que non son niveis de calidade literaria, senón de dificultade de comprensión. A medida que os nosos alumnos soben de nivel, adquiren máis e máis destrezas ata que, ao chegar ao derradeiro, xa demostran unha competencia lectora plena.

Interpretar o libro máis aló do narrado non é unha tarefa doada e require certa práctica. Graduar as lecturas en niveis é un instrumento que empregamos para que os alumnos adquiran as destrezas precisas para ser quen de comprender e gozar de calquera obra. Isto non é sinónimo de gustos nin de calidade literaria. Se un alumno, unha vez percorrido o itinerario, decide ler unicamente libros de niveis inferiores —ou best-seller—, que sexa por unha inclinación persoal cara a ese tipo de literatura e non porque non posúe a competencia suficiente para comprender unha lectura complexa.

A nosa experiencia docente demostra que ofrecerlle un único libro de lectura a un grupo deriva inevitablemente no seu rexeitamento por parte dunha porcentaxe do noso alumnado. Dificilmente poderemos dar cun libro que dea resposta á disparidade de gustos e niveis. Como expón Emili Teixidor: “Existen listas de obras de calidade literaria acreditada, pero non existe unha lista de obras de eficacia para enganchar á lectura, porque non existe un gusto único, nin un único nivel de lectura, nin un interese universal que mova a curiosidade de todo o mundo”. Cremos que unha oferta ampla de lecturas é a resposta axeitada á heteroxeneidade de sensibilidades.

Resulta máis cómodo limitarse a ler unha e outra vez o que é evidente que vai gustar, pero non é unha opción didáctica a longo prazo e remata derivando en falta de motivación, xa que o interese polo mesmo repetido unha e outra vez acabará esgotándose.

Debemos aclarar que todos os libros que forman parte de www.itinerariolectores.com foron lidos por nós e forman parte das listaxes ofertadas ao noso alumnado dos distintos centros nos que traballamos.

Consideramos que non hai que lle ter medo á lectura adulta. Os alumnos forman parte doutras realidades culturais adultas (televisión, cine, internet), polo que, malia que non abdicamos da literatura xuvenil, consideramos que poden (e deben) dar o salto a unha lectura de ton máis adulto nas súas formas e contido. O adolescente quere ser maior e o bo lector adolescente posúe unha madurez suficiente para afrontar lecturas máis complexas. Aproveitemos esa conduta e intereses para incitalo a dar ese paso natural cara a unha lectura adulta.

A industria editorial condiciona tamén a nosa actividade ao editar de forma desproporcionada e retirar do mercado edicións e títulos que consideran menos rendibles, polo que atopamos dous problemas evidentes. O primeiro é manter o ritmo de lectura, sobre todo nos niveis máis baixos que deben ser renovados (non hai que esquecer que o adolescente pretende estar perpetuamente ao día). O segundo é que algúns títulos, ás veces esa obra coa que estabamos encantados, poden estar descatalogados por motivos puramente editoriais.

Ao longo deste curso 2015/16 puxemos en práctica os Itinerarios lectores nos distintos centros nos que traballamos (IES Álvaro Cunqueiro, IES A Paralaia, IES Ricardo Mella), malia que a páxina aínda está en construción.

A disposición da páxina é moi sinxela e o seu elemento central é a base de datos que organiza e relaciona os distintos títulos a partir dos niveis de dificultade e enlaces xenéricos, temáticos, por autor… O primeiro paso consistiu en explicarlles aos usuarios a distribución e funcionamento da páxina e da súa ferramenta máis importante: o “buscador”. A actividade levámola a cabo nas aulas de informática para, a partir dunha rápida introdución, permitirlles aos alumnos facer as buscas que desexasen de xeito privado ou, nalgúns casos, de xeito público para compartir ese proceso e, comprobar, asemade, que todos comprendían como debían traballar. De todos os xeitos, o seu funcionamento é moi intuitivo polo que apenas houbo complicacións.

Como funciona a web www.itinerarioslectores.com?.
Con esta introdución o alumnado xa ten claros os conceptos básicos de funcionamento da base de datos e ten un punto de partida para as súas futuras lecturas. Cada vez que deba escoller un título (un ou dous por avaliación, segundo a organización do seu profesor), o seu único traballo consiste en informar o profesor da súa elección e este unicamente ten que comprobar que non dá un salto excesivo cara aos niveis máis complexos nin baixa más aló de onde estaba na lectura anterior; o cal non resulta moi difícil unha vez que traballas cos itinerarios.



A liberdade de elección permite tamén abandonar un título que non lles guste sen que este feito represente ningún problema xa que é a súa elección, e contar coa información básica nun clic evita as habituais, e incómodas, en ocasións, preguntas de cantas páxinas ten, hai moita acción, que temas trata… Do mesmo xeito que tranquiliza os pais interesados no tocante a certos contidos (sexo, violencia, temas), ademais de ofrecerlles a mesma información ca aos seus fillos e, por que non, permitirlles organizar o seu propio itinerario lector.

Que queres ler agora? Outro dos obxectivos de Itinerarios lectores é converter o profesor nun bibliotecario ideal, capacitalo para recomendar o libro axeitado á multiplicidade de intereses de calquera usuario, procurar a próxima lectura partindo dunha referencia previa e ofertar unha nova opción axustada aos gustos dos nosos alumnos/usuarios.

No noso labor docente e mesmo nos espazos bibliotecarios botabamos en falta unha ferramenta que cubrise este baleiro. Agora compre mellorala, enriquecela, compartila e multiplicala.

Sección: