A torre dos sons

Unha mensaxe nunha botella de cor laranxa atopada nunha praia e a creatividade dunha profesora permiten afrontar a integración de alumnos con necesidades educativa específicas. A implicación do profesorado do centro e a colaboración de outras persoas fan posible esta historia.

Arantxa Vera Beltrán
Profesora de Viola no Conservatorio Profesional de Música da Coruña
arantxa_vera_beltran@edu.xunta.es
 

Un día chegou o autismo á miña vida e cambioume as prioridades, o xeito de ver e entender o mundo e mesmo o xeito de exercer a docencia. Comprendín que as diferenzas son enriquecedoras, non coma unha mera frase feita, senón coma unha experiencia que vivía no meu día a día.

Puiden comprobar que os alumnos das escolas públicas están familiarizados coa presenza de alumnos con necesidades especiais, mais, a pesar dos esforzos que me consta que fan os profesores por informalos, a moitos deles faltáballes o entendemento de como son eses compañeiros “especiais”, por que actúan como actúan, como se senten, que pensan... Precisabamos algo distinto dunha clase teórica. Requiriamos dunha ferramenta de aprendizaxe que involucrase os sentidos, as emocións, as ideas... Así xurdiu a idea de facer un conto, titulado A torre dos sons, unha historia en clave de fantasía e coa técnica do conto dentro do conto, posto que narro unha ficticia historia real que me sucedeu de pequena cando atopei na praia unha botella de cor laranxa cunha mensaxe proveniente do Reino.

No pergameo presentásenos a Belulo, un pequeno xograr que por causa dunha beberaxe que lle deu o trasno Tismo empeza a percibir o mundo dun xeito distinto. Todo ao seu arredor é máis agresivo ca antes, as luces cegan os seus ollos, os sons que nós ouvimos como normais a el resúltanlle enxordecedores, os olores máis deliciosos tórnanse noxentos... A súa familia e amigos emprenden unha busca de solucións para o seu “problema” por todas as terras coñecidas, e reciben as experiencias e propostas de moitas persoas e pobos. Finalmente comprenden que son todos os que teñen que adaptarse á situación de Belulo con doses de ledicia, esforzo, empatía e paciencia, e ese cambio neles empeza a producir cambios no propio Belulo.

O xerme da actividade estaba preparado, agora tiñamos que sementalo e facer medrar a planta. A proposta era engadirlle á historia imaxes e música en primeiro lugar. Para iso dispuñamos dun contorno privilexiado, posto que no noso centro contamos con multitude de agrupacións instrumentais, e asemade somos o único conservatorio galego que sustenta un proxecto formativo específico para alumnos de necesidades especiais (e un dos poucos en España). Consideramos que era unha boa oportunidade para integrar os alumnos de necesidades especiais cos alumnos da quenda normal.

Precisabamos un soporte para a coordinación de todo o traballo que tiñamos por diante, así que os profesores interesados fixemos unha proposta de grupo de traballo a través do CFR para levar adiante o noso proxecto, grazas ao cal puidemos contar co compositor e contrabaixista mugardés de proxección internacional Simón García. Asemade, no grupo de traballo colaborou desinteresadamente a mestra de infantil do CRA de Bergondo e ilustradora Silvia Montes, que lle deu cara e cor ás personaxes (máis información no seu blog  e un vídeo onde explica algún dos seus proxectos).

Neste grupo de traballo participaron membros da directiva do noso centro, que estiveron involucrados no proxecto desde o primeiro momento, e os profesores dos alumnos de necesidades especiais, así como a coordinadora de grao elemental e o director da orquestra sinfónica do conservatorio.

Tiveron lugar as primeiras reunións, onde se falou de que nivel académico do alumnado partiamos, para poder articular a música. Preparamos uns formularios de avaliación interna, onde cada profesor detallaba a tesitura que podía acadar o seu alumno co instrumento, a figuración e velocidades, a lonxitude das frases non só pola respiración senón tamén por factores coma a concentración... Eses formularios foron homoxeneizados e enviados ao relator do grupo para que os estudase antes de reunirnos por primeira vez. Nas sesións de docencia co relator Simón García estableceuse unha colaboración imprescindible para a boa marcha do proxecto, creando pouco a pouco a estrutura musical, decidindo cantos números musicais se ían compoñer (finalmente oito), en que momentos do conto, cal era o seu cometido... Decidiuse non superpoñer texto con música, de xeito que se outorgase importancia e ámbito de atención a cada unha das linguaxes por separado, establecendo unha alternancia entre momento narrado con palabras e momento narrado con melodías. Asemade, a ilustradora empezou a traballar nos bosquexos, coordinados tamén co conto e coa música, para tratar de lle dar homoxeneidade á historia. Decidiuse que as imaxes ían estar presentes durante todo o evento, servindo de pano de fondo tanto para a música como para o texto. Foron moitas as reunións para falar das personaxes do conto, das súas características, aspecto físico e personalidade, e moitas das contribucións da ilustradora serviron para pulir e mellorar o texto.

Coa chegada das primeiras partituras comezaron as sesións de coordinación para organizar os variados e numerosos ensaios que tiveron lugar nos seguintes meses. Probar as pezas cos alumnos, primeiro traballándoas nas clases individuais coa axuda dos mestres, permitiunos avalialas e propor cambios ou adaptacións onde era preciso antes de pasar á fase de ensaio conxunto. Foi un traballo apaixonante e produtivo, onde a mestría do compositor foi posta a proba en varias ocasións. Decidiuse que unha das pezas chamada “A torre dos sabios” sería interpretada exclusivamente por unha ampla representación dos alumnos da aula de necesidades especiais, e a preparación deste número requiriu moitos encontros onde os profesores de instrumento especificaron que cambios se produciran neses meses nos recursos técnicos e expresivos que avaliaran ao principio do proxecto nos seus alumnos, e o compositor foi quen de xuntar toda esa información e crear unha peza fermosa e adaptada a eles. O seus ensaios foron unha oportunidade para moitos alumnos de tocar por primeira vez nunha agrupación e como solistas.

A presenza dos profesores de Linguaxe Musical, Piano, Clarinete, Trompeta, Percusión, Tuba e Saxofón nestes ensaios dáballes aos alumnos tranquilidade e unha guía cando se trabucaban ou despistaban moi necesaria para, finalmente, seren quen de tocar todos xuntos. Incluso nun ensaio foi preciso que o mestre arranxase unha trompeta que se estragara e non soaba correctamente. Xa na primeira xuntanza e a pesar das dificultades que xurdiron, posto que había que coordinar distintos alumnos con diferentes circunstancias, se viu que a peza se ía poder montar con solvencia. A profesora de Linguaxe Musical, Isabel Gómez, foi a encargada de dirixir os alumnos nos ensaios, axudándolles a manter o pulso, saber cando tiñan que entrar ou calar durante a peza, con que outro compañeiro estaban a tocar... O feito de estudar previamente a peza nas clases individuais axilizou moito o proceso, de xeito que con poucos ensaios se montou a peza totalmente.

Pola súa banda, o coro infantil tamén empezou cos ensaios das pezas nas que participaba, acompañado por un piano para que servise de guía harmónica en substitución do que soaría despois coa orquestra. Esta agrupación, a orquestra sinfónica do conservatorio, que levaba o peso das oito pezas instrumentais, incluíu esta música de Simón García no material da terceira avaliación; dese xeito puideron dedicarlle o tempo requirido para ensaiar todos os números correctamente.

Finalmente, cando todas as pezas do quebracabezas estaban preparadas, e tras un ensaio xeral que durou varias horas e onde xuntamos a todos os alumnos, puidemos poñelas en común nun concerto que tivo ademais un marcado carácter solidario, posto que se dedicou a recadar doazóns para a ONG coruñesa Dididai, que traballa con nenos de necesidades especiais en Nepal e precisaban axuda para poder resituar a escoliña que tiñan en Bal Madir despois dos tremores de terra que devastaron o país. Contamos co apoio da nosa coordinadora do CFR, que non se limitou a asesorarnos durante todo o proceso, senón que tamén asistiu ao evento e facilitou o préstamo de material para a proxección.

O director do noso centro abriu o acto cunhas breves palabras e despois foi a quenda da representante da ONG Dididai. Amosou unhas fotografías das instalacións da súa organización en Nepal antes e despois dos terremotos, e explicou o traballo de asistencia e integración que fan cos nenos con necesidades especiais nesa zona do planeta. Tamén lembrou que á saída habería unha urna para poder facer contribucións que lles axudasen a solucionar os problemas de espazo, material e alimentación que apareceron tras a catástrofe.

Comezamos entón coa representación do conto: narrei a historia desde a miña cadeira de brazos azul e con algúns obxectos que servían para conectar o conto coa realidade, como unha das botellas laranxas onde apareceron as mensaxes. A narración sempre tiña de pano de fondo as ilustracións de Silvia Montes e alternábase coa música interpretada pola orquestra sinfónica do conservatorio. En tres das pezas actuou o coro infantil, vestidos coas súas camisetas de cores, co que achegaban frescura e tenrura á música. Cara ao final da historia fixeron a súa entrada os alumnos da aula de necesidades especiais, apoiados por moitos dos seus profesores de instrumento, que interpretaron a súa peza “A torre dos sabios” como solistas, cunha ledicia desbordante. A emoción nos ollos de intérpretes e público ao rematar foi a constatación de que conseguiramos o noso obxectivo: formar e informar a través da emoción e as artes. Un proxecto que naceu coma un pequeno soño individual foise enriquecendo coas achegas de moitas persoas, tanto docentes como alumnos.

Mais este non é o punto final desta historia...

En breve comezamos a gravación da música para poder completar o traballo, que é conseguir publicar o conto e coas súas vendas recadar cartos para a asociación Vencer Autismo España. Pensamos facer outro concerto para a presentación do libro, contando para iso cos alumnos do centro educativo para nenos con necesidades especiais María Mariño, que actuarán na posta en escena das diferentes partes do conto.

E dese xeito poderemos pechar o círculo que se abriu un día no que me atrevín a soñar cun modo distinto de falarlles aos outros do autismo.

 

Sección: