Skip to Content

CURSO 2023/2024

Curso 2023/2024

CHARLAS DO PROGRAMA "QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES" PARA ALUMNADO DE 3º DE ESO.

A finais do mes de abril de 2024 tiveron lugar as charlas, organizadas polo Departamento de Orientación, sobre igualdade na elección vocacional do programa "Que non te líen, ti elixes" a cargo da Fundación Laboral da Construción con moito éxito e interese entre alumnado de 3º de ESO.

 

SAÍDA DE ALUMNADO DE 4º DE ESO AO CIFP DE SOMESO PARA AS XORNADAS DE ORIENTACIÓN PROFESIONAL.

O  luns 22 de abril de 2024 parte do alumnado de 4º de ESO realizou unha saída, enmarcada nas Xornadas de Orientación Profesional, para coñecer a oferta formativa do centro CIFP de Someso, nunha actividade organizada polo Departamento de Orientación e polo noso compañeiro Jorge Núñez Lodeiro. 

CHARLAS E DESENVOLVEMENTO NO IES MONTE DAS MOAS DUN PROGRAMA DE ACCESIBILIDADE COGNITIVA DESENVOLVIDAS POLO ALUMNO DE 4º DE ESO DANIEL COLLAZO BARCIA.

O alumno, Daniel Collazo Barcia de 4º ESO B, colaborador do EDGL e da Biblioteca, impartiu unhas charlas ao alumnado do noso centro sobre accesibilidade cognitiva. Daniel explicou o concepto aos compañeiros e compañeiras e rematou cuns exercicios prácticos de reflexión para que eles puidesen comprobar canto saben do tema. No blog da Biblioteca tedes unha entrada onde podedes ver a presentación deseñada po Daniel.

 

 

 

CHARLAS E TALLERES DO PROGRAMA "MOBILIDADE SOSTIBLE E SEGURA" DO PLAN PROXECTA 2023/24

 

 

Ao longo do presente curso 2023/2024, e especialmente no mes de abril de 2024, tiveron lugar as actividades previstas no Programa de Mobilidade sostible e segura do Plan Proxecta 2023/24.

Este programa para a promoción da mobilidade segura e sostible desenvolveuse entre o alumnado de 1º de ESO e a comunidade educativa.O programa consiste en desenvolver un proxecto relacionado cos cambios nos hábitos de desprazamentos cara a modelos máis seguros, activos e sostibles. Propóñense a incorporación de accións, actividades, talleres... que de maneira práctica, contribúan á creación destes novos hábitos, e á creación de valores seguros como peóns, ciclistas ou usuarios dos diferentes medios de transporte.

Actividades do programa:

-Formación sobre educación viaria a través de charlas con expertos de entidades colaboradoras (Plan Director,Policía Local…)

-Identificación dos riscos viarios  mediante a observación directa do entorno no que está o centro.

-Elaboración de propostas de mellora por parte do alumnado para tomar conciencia dos riscos viarios do noso entorno e posibles solucións. 

-Concienciar dos perigos detectados mediante carteis ou murais expositivos no  centro, relacionados coa seguridade viaria.

-Talleres específicos para uso e manexo adecuado das bicicletas : normativa, uso do casco, coñecementos básicos de mecánica…

-Saída lúdica e formativa en bicicleta,  para coñecer o carril-bici e fomentar o uso adecuado da bicicleta no entorno urbano.  

 

 

EXPOSICIÓN DE TRABALLOS SOBRE LECTURAS POLO DÍA DO LIBRO.

O alumnado de Lingua Galega e Literatura de 3º ESO e de 1º de Bacharelato e o de Português de 1º ESO realizaron estes fermosos traballos creativos sobre libros de lectura para festexar o Día do Libro. A exposición tivo lugar no vetíbulo da entrada no mes de abril de 2024

Os traballos foron moi variados e amosaron  a enorme creatividade do alumnado: desde caixas cápsulas do tempo que conteñen obxectos relacionados coa temática de novelas ou libros de poemas, até láminas, deseños, herbarios, cadros pintados, caixas despregables, etc.

 

 

 

EXPOSICIÓN DE TRABALLOS DE EDUCACIÓN PLÁSTICA DO ALUMNADO DE 3º DE ESO SOBRE DITOS POPULARES GALEGOS.

O alumnado de 3º ESO realizou nas aulas de Educación Plástica e Visual este fermoso, interesante e simpático proxecto para decorar frases feitas en galego e poñerlles cor a todas esas expresións tan nosas que empregamos a diario.

A exposición celebrada no espazo expositivo do centro no mes de abril de 2024 con traballos de alumnado de 3º ESO de Ed. Plástica tratou sobre a creación de obxectos con diferentes planos superpostos con cores planas sobre expresións galegas. Aproveitando os contidos de representación de ideas en formato tridimensional programados para a primeira avaliación do presente curso.

 

EXPOSICIÓN EN CONMEMORACIÓN DO 8M, 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

O 8M trátase dunha reivindicación dos dereitos das mulleres. De todas as mulleres. O obxectivo é sensibilizar á sociedade e potenciar a igualdade real de xénero. Así, reclámase a redución das desigualdades de xénero.

As orixes deste día datan de 1910, cando un grupo de mulleres de 17 países reuníronse en Dinamarca con dous motivos: fortalecer o avance na igualdade de xénero e a defensa dos dereitos das mulleres e impulsar a universalidade do voto feminino.

O EDLG e Bibliomoas, coa colaboración de diferentes mulleres da nosa comunidade educativa (profesoras, alumnas, persoal non docente...)  decidiron que a súa habitual homenaxe ás mulleres traballadoras no 8M ía xirar neste curso 2023-2024 arredor de personaxes femininas da Banda Deseñada ou da ilustración, o que lles serviu tamén para conmemorar o Día da Banda Deseñada, o 18 de marzo. 

O resultado foi unha exposición ben comiqueira que estivo exposta durante o mes de marzo no vestíbulo de entrada ao instituto para que toda a comunidade educativa poida coñecer varias figuras feministas e empoderadas que transitan e transitaron con forza nas páxinas dos cómic.

En palabras das nosas compañeiras do EDLG e da Biblioteca:

Seguindo con esta sentida iniciativa que a comunidade educativa do IES Monte das Moas leva a cabo dende o ano 2014, dámoslle voz esta vez a marabillosas personaxes femininas de banda deseñada, ben personaxes ficticias, ben mulleres reais que se converteron en personaxes de cómic. Trátase de personaxes da banda deseñada máis feminista, empoderadas ou mulleres reais retratadas nas BD que dende diferentes eidos desenvolveron e realizaron traballos importantes e que deixaron pegada ou abriron camiños inexplorados ata ese momento. A día de hoxe aínda teñen que demostrar a súa valía, de aí a importancia de poñerlles cara, mesmo ilustrada.

Demos paso pois ás figuras relevantes homenaxeadas neste Día da Muller de 2024 no que queremos amosar a súa relevancia e fortaleza desde o mundo da banda deseñada ou da ilustración.

Os cómics feministas están de máxima actualidade. O feminismo e a loita pola igualdade entre homes e mulleres é un asunto que non pasa desapercibido no mundo da banda deseñada. Desde que comezamos a ter uso de razón afacémonos a que todo heroe masculino ten o seu homónimo feminino. Spiderman/Spiderwoman; Hulk/Hulka; Batman/Batwoman; Superman/Supergirl, e un longo etc. Este fenómeno é complicado velo como un progreso social do feminismo, máis cando os seus intereses son exclusivamente comerciais. Cando lemos a Hulka ou a Capitá Marvel, non falamos por tanto de cómics feministas en sentido estrito.

Con todo, nas últimos décadas si que estamos a asistir á xeralización da muller no mundo do cómic, tanto no proceso de creación do mesmo, como na temática. Por iso queremos recomendar unha serie de lecturas que consideramos indispensables para comprender a loita feminista. Novelas gráficas debuxadas por homes ou mulleres, pero onde as verdadeiras protagonistas das historias son as propias mulleres ou cómics feministas no seu sentido máis amplo.

Aquí tedes algunhas fotografías sobre a exposición:

SAÍDA A UN ENSAIO DA ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA DO ALUMNADO DE 2º DE ESO.

O xoves 18 de abril de 2024 o alumnado de 2º de ESO realizou unha saída ao Pazo da Ópera da Coruña, para acudir a un ensaio da Orquestra Sinfónica de Galicia (Sinfonía nº2 en do menor, op.17, de Piotr Ilich Tchaikovsky), organizada polo Departamento de Música.

VISITA Á EXPOSICIÓN "HELMUT NEWTON-FACT & FICTION" DO ALUMNADO DE 3º ESO.

O martes 6 de outubro realizouse a visita do alumnado de 3º de ESO nos peiraos do porto da Coruña á exposición "Helmut Newton-Fact & Fiction", sobre a obra deste famoso fotógrafo, organizada polo Departamento de Debuxo.

 

CHARLAS DO FOTÓGRAFO PABLO MELLA PARA PREPARAR A EXPOSICIÓN DE HELMUT NEWTON.

Os días 10, 11 e 12 de abril de 2024 tiveron lugar varias charlas preparatorias da visita á exposición do fotógrafo Helmut Newton, organizadas polo Departamento de Debuxo e desenvolvidas polo fotógrafo Pablo Mella, para o alumnado de 3º de ESO.

Distribuir contido


by Dr. Radut