O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA PARTICIPA NAS ASEMBLEAS DE IGUALDADE

O ALUMNADO DO IES MARTAGUISELA PARTICIPA NAS ASEMBLEAS DE IGUALDADE

Coa posta en marcha do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade, Iago Nóvoa e Carlota Álvarez organizaron co alumnado do IES Martaguisela a realización semanal dunha asemblea para comentar, debater e realizar actividades sobre as distintas facetas da igualdade social.

Nas dúas primeiras sesións da Asemblea empregamos a metáfora do iceberg da violencia para facer unha práctica de tormenta de ideas, aportando exemplos das distintas formas de violencia coñecidas polo alumnado e o profesorado, colocándoas no iceberg segundo se estas son máis ben explícitas e directas ou implícitas e sutís. 

Comezamos as actividades da Asemblea elaborando un glosario de termos para nomear as distintas formas de desigualdade e violencia sufridas por distintos colectivos (por cuestións de xénero, orientación sexual, racial…). Durante as primeiras semanas do proxecto (mes de outubro), comentamos estas distintas formas de violencia e desigualdade co alumnado, tratando de identificar exemplos no noso entorno próximo e na experiencia cotiá dos integrantes da Asemblea. 

De cara ao 25N elaboramos un mural sobre “Bandeiras vermellas e bandeiras verdes en relacións de parella”, en alusión á expresión popularizada nas redes red flags e green flags, empregadas para nomear pequenos xestos e signos que poderían pasar desapercibidos, pero que adoitan apuntar á presenza de certas formas de desigualdade ou violencia (no caso das bandeiras vermellas), ou polo contra, que actúan como indicadores positivos nunha relación de parella, manifestando dinámicas saudables. O mural foise completando coas aportacións que quixeran facer tanto membros da Asemblea como calquera outra persoa pertencente ao centro.

No mes de decembro, aproveitamos as dúas últimas semanas para facer o visionado de dous vídeos nos que se comentaron distintos exemplos de estereotipos racistas representados na publicidade e nas obras audiovisuais.

 Fai clic aquí ou na imaxe para ver máis fotos.

Powered by Drupal - Design by artinet