TRATAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO NA PUBLICIDADE E NOS MEDIOS AUDIOVISUAIS

O ALUMNADO DE 4º ESO PARTICIPOU NO OBRADOIRO “TRATAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO NA PUBLICIDADE E NOS MEDIOS AUDIOVISUAIS”

 

Dentro do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade e grazas á Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, seguimos levando a cabo diferentes charlas co alumnado da ESO. O pasado mércores, 14 de decembro, o alumnado de 4º de ESO asistiu a unha charla sobre violencia de xénero na publicidade e nos medios audiovisuais, impartida por Gela Sánchez-Albornoz.

Na charla comezou por trazarse as orixes do machismo na sociedade, analizando os distintos roles de homes e mulleres nas sociedades antigas e máis tradicionais, distinguindo entre o rol  reprodutivo, de coidado e atención doméstica asociado ás mulleres, e o rol produtivo, guerreiro e procurador de recursos asociado aos homes. Fíxose fincapé no feito de que estes roles resultan obsoletos para a nosa sociedade actual, e xa que logo, os valores asociados a eles non son válidos para o panorama actual. 

Deseguido, a relatora explicou a diferenza entre sexo e xénero, revisando a expresión das diferenzas e desigualdades do xénero a través de distintos elementos como a vestimenta, o uso da linguaxe, a invisibilización das mulleres na historia, etc.

Sobre esta base teórica procedeuse a analizar o contido de diferentes anuncios publicitarios, no que respecta á representación dos xéneros e os seus roles, así como os valores asociados a eles. O alumnado observou as diferenzas nos catálogos que separan xoguetes de nenas e nenos, en imaxes publicitarias que sexualizan os corpos e ofrecen un modelo corporal que non é axustado á realidade, que xogan coa erotización do corpo feminino como reclamo publicitario, e que asocian actitudes de homes e mulleres cara ás tarefas máis tradicionais pertencentes aos correspondentes roles de xénero. Na última parte da charla, ofrecéuselles como contraexemplo varios casos de anuncios publicitarios non sexistas, que rompen cos estereotipos habituais empregados na publicidade. 

Deixámosvos algunhas fotografías de diferentes momentos da charla.

Para ver máis fotos do obradoiro fai clic na imaxe ou aquí

Powered by Drupal - Design by artinet