Isabel Soler

ISABEL SOLER ESCOBAR

Isabel SolerNaceu en Villa Sanjurjo, actual Alhucemas (Marrocos) o 11 de novembro de 1952, cando aínda parte desa zona do Magreb era protectorado español. O lugar de nacemento estivo determinado pola profesión de seu pai José Miguel que era funcionario da administración do estado no concello da vila.
Foi a máis pequena de seis irmáns, e dos case seis anos que vive en Alhucemas garda poucos recordos propios, sendo o mar o máis grato deles, pero si moitos a través das vivencias dos seus pais.
Lembra que a súa familia tivo unha convivencia próxima coa poboación autóctona, chegando a facer amigos sen apenas entenderse co idioma.
A independencia de Marrocos supuxo un cambio importante na vida da familia que se viu obrigada a trasladarse á península, concretamente a Zaragoza. Que fose esta cidade foi puro azar porque nada os vencellaba a ela. As orixes familiares estaban en Almería por parte de pai e Cartaxena de nai.
Instalados na capital aragonesa, Isabel realiza os estudos de primaria e bacharelato nun colexio relixioso, e unha vez rematado este comeza a carreira de Medicina que cursou entre 1971/1977 nesa mesma cidade.
1979 abre unha nova etapa na súa vida. Despois de superar o exame do MIR (Médico interno Residente) trasládase a Galicia, concretamente á cidade de Ourense, onde se formará como Xinecóloga. Daqueles anos lembra que foi a única muller da súa especialidade durante todo o período como médico residente, e que a día de hoxe nese campo da medicina, no mesmo hospital, a proporción de mulleres é superior ao 50 por cento.
A Valdeorras chega tres anos despois, no 1982, para exercer a súa profesión nun hospital comarcal recentemente inaugurado. Será a única médica especialista muller durante unha década.
E no Barco instálase definitivamente. Aquí desenvolveu a súa vida familiar xunto a Antonio, o seu marido co que comparte profesión médica, e nesta vila nacen e crecen os seus fillos Julio e Miguel.
Tras trinta e tres anos exercendo a súa profesión, xubílase no 2015, pero segue residindo neste concello ata o día de hoxe.
En todos estes anos de profesión gañou o cariño e recoñecemento profesional das mulleres que foron atendidas por ela, converténdose nun referente do servizo de Xinecoloxía do hospital valdeorrés. “ oxalá che toque a doutora Soler” era unha frase constantemente repetida entre as mulleres e futuras nais de toda a bisbarra.
Despois de todo este tempo Isabel é unha valdeorresa máis que destaca por ser a primeira que exerceu en Valdeorras unha profesión onde as mulleres aínda tiñan unha escasa presenza.
Sen dúbida o seu excelente labor profesional así como a súa cordialidade contribuíu a derribar estereotipos e a avanzar no campo da igualdade laboral entre homes e mulleres.
Sobre a súa experiencia e vivencias tivo o gusto de contestarnos ela mesma ás seguintes preguntas que fixemos os alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato:
P. Por que decidiu estudar esa carreira?
A miña decisión de ser médico veu xa desde nena. Daquela tiña ilusión por percorrer mundo facendo algo “polos demais”, e parecíame que con esa carreira atoparía traballo en calquera país.
P. Había moitas mulleres na Facultade de Medicina?
Non teño una cifra segura, pero as mulleres seriamos arredor do 30 ou 40%, claramente predominaban os homes.
P. Atopou algunha dificultade por ser muller que a levase a pensar en deixar a carreira?
Non, a verdade é que nunca
P. Cando comezou vostede a traballar? Por que tomou a decisión de especializarse en Xinecoloxía?
Era no ano 1978, e o meu primeiro traballo foi como médico do rural dunha vila na provincia de Teruel, nunha zona que xa daquela estaba bastante despoboada; na España baleirada que diriamos agora. Esta etapa foi corta e gratificante. Dela gardo bos recordos e moitas anécdotas.
Ao ano seguinte mediante o exame MIR (para facer especialidade en hospital) tócame ir a Ourense. Foi ese o motivo de chegar a Galicia. Ao rematar a miña formación, no 1982 ofrecéronme un contrato no Hospital do Barco, que acababa de abrir e aí estiven ata o ano 2015 no que me xubilei.
A decisión de facer xinecoloxía foi porque entre as vacantes que había era a que máis me convencía. A miña preferencia de entrada era ser pediatra.
P.-Por que decidiu vir para O Barco?
Pola oferta do contrato que antes sinalei.
P.-Cando empezou a exercer, ¿como era a relación médico-paciente? ¿Hai algunha anécdota entrañable que recorde?
A relación médico-paciente sempre foi moi boa, de moita confianza pero co paso dos anos observei un cambio nas persoas, dunha maior esixencia cara o médico así como de máis conflitividade, responsabilizándoo dos problemas que podían xurdir Lembro ao principio de exercer como xinecóloga que atendín a unha señora que viña para ter ao seu quinto fillo. Eran as 8 da mañá e tivemos que ir de présa con ela porque a criatura estaba a piques de nacer e non había tempo de pasar da padiola ao paritorio, mentres a estabamos preparando ocorréuseme dicirlle: “ muller sendo xa unha experta… como é que non viñeches antes?”, ao que me respondeu: “cousas do meu home…que cando lle dixen de vir dicía: non, que agora pola noite debe estar pechado… e é que doutora, é moi durmiñona”
P.-Cando comezou a exercer foi ben aceptada polos compañeiros de profesión? Observou se a relación foi cambiando ao longo do tempo.
A verdade é que fun ben aceptada, non percibín que a miña condición de muller supuxera ningún problema na relación profesional cos compañeiros
P-Cre que o tivo máis fácil como xinecóloga na súa relación coas pacientes ao longo da súa carreira por ser muller?
Sen dúbida. Na consulta as mulleres maiores confiaban máis, sobre todo polo pudor, aínda que ás veces ao ir ao quirófano algunhas delas preferían que o cirurxián fose un home.
P- Cre que o feito de ser muller impediu nalgún momento o ascenso profesional?
Non, no meu caso en concreto non tiven problemas
Fontes consultadas: Isabel Soler Escobar

Powered by Drupal - Design by artinet