Manolita

MANUELA RODRÍGUEZ LÓPEZ (MANOLITA)

ManolitaNaceu en Viloira (O Barco) o 28 de abril de 1929, sendo a filla menor dunha familia de pequenos comerciantes.
Foi unha nena brillante na escola e animada polo seu pai, marchou a Oviedo a cursar o bacharelato nun instituto público na década de mil novecentos corenta, cando poucas mulleres, e menos do mundo rural, realizaban estudos máis aló da primaria ou da chamada “educación para señoritas” en colexios relixiosos femininos.
Rematado este, decide continuar a súa formación trasladándose a Madrid onde inicia a principios da década dos cincuenta a carreira de Filosofía e Letras, que deixa sen concluír como ditaban os costumes do momento ao casar con Luis Prada, matrimonio do que nacerán tres fillos: María Luisa, Gabriel e Blanca.
Luis, exercía como titular de enfermería no Barco e concellos próximos, feito que será determinante no futuro de Manolita. O carácter solidario e comprometido do seu marido cos problemas da xente, cando aínda non existía sanidade pública gratuíta, levouna a buscar unha profesión que lle permitira contribuír ao sostemento económico da unidade familiar, e aconsellada polo seu home e polo médico da vila, D. Eloy Mira, inclinouse pola rama sanitaria, aproveitando a circunstancia de que no Barco estaba libre a praza de matrona. Así que decidiu facer un curso de ATS nesta especialidade para optar a esa vacante que conseguiu no 1954, aínda que tivo que agardar 25 anos como interina antes de ter a praza en propiedade.
A partir de entón e durante case catro décadas exercerá esta profesión; primeiro axudando no parto, para despois nos últimos anos coidar das futuras nais, e sempre asumindo o reto de conciliar a vida familiar e laboral, nunha época na que o réxime franquista determinaba que o papel das mulleres na sociedade debía limitarse aos labores da casa, educar e atender os fillos.
A súa condición de muller, e o seu carácter afable, sumado ao feito de ter formación e titulación académica, que non era frecuente daquela, permitíronlle gañar o respecto e a aceptación de toda a bisbarra no desempeño dun traballo que en moitísimas ocasións tiña que levar a cabo en condicións difíciles.
Ata a creación do Centro de Saúde e do hospital do Barco non anos oitenta, atendeu partos por toda a xeografía valdeorresa, se ben foron os concellos do Barco, Rubiá e Carballeda o centro do seu labor profesional, acudindo aos lugares máis afastados da bisbarra, cando en moitas vilas e aldeas non había infraestruturas básicas de luz, auga corrente ou estradas. Ela mesmo contaba:
“Iamos a pé, en bicicleta, a cabalo, como podiamos porque non se podían utilizar os coches”. Se difícil era chegar, tamén os recursos e medios de traballo eran escasos, limitándose a unha caixa de urxencias co básico: “luvas, aparato da tensión, xiringas, uns poucos medicamentos imprescindibles e máis nada”. Así pois as condicións eran difíciles e sempre coa incerteza de que o parto puidera complicarse e ter fatais consecuencias.
Das moitas experiencias e anécdotas que lle aconteceron no exercicio da súa profesión recordaba en especial a angustia vivida nun parto en Casaio. Ante o perigo que corrían a nai e o fillo decidiu o traslado a Ponferrada, onde estaba o hospital máis próximo. Para facelo posible tiveron que recorrer a transportar á muller nun somier, a través do monte pola noite, alumándose con fachos de palla ata chegar a Viladequinta, como alí xa había estrada puideron coller un coche ata a capital do Bierzo.
Tamén é salientable destacar que o seu oficio esixía unha dedicación total da que sempre fixo gala, pois como non había horarios, tampouco existía a posibilidade de prever onde, cando e como se desenvolvería o traballo. Manolita recordaba que en canto ás súas condicións laborais “(…) o salario era reducido e ademais de non ter vacacións traballábase día e noite durante toda a semana, así como os festivos, chegando a atender moitas veces dous e tres partos diarios”, e non foi ata despois de pasados 15 anos cando se lle recoñeceu o dereito a desfrutar de vacacións, pero a efectos prácticos non serviu de nada xa que “ non as colliamos porque non había substitutos”.
Os anos oitenta do pasado século XX, marcaron un punto de inflexión e supuxeron un cambio importante no eido laboral de Manolita. A construción e posta en marcha do Hospital Comarcal de Valdeorras implicou a substitución do parto tradicional na casa polo parto hospitalario.
Ademais estableceuse o control e seguimento do embarazo e posparto a todas as nais, e estes novos servizos acompañáronse dunha reorganización do persoal sanitario existente na zona e así Manolita deixa de atender partos nos domicilios para incorporarse no hospital á consulta de Xinecoloxía onde xunto ao especialista médico atende ás embarazadas. Nesta derradeira etapa que chegará ata a xubilación xa todo lle foi máis doado. As condicións laborais e salariais melloraron moito, e como ela mesma sinalaba, “os medios dos que dispoñía para traballar eran incribles comparados cos que tiña pouco tempo antes”. O cambio permítelle abordar novos aspectos como atención previa ao parto ou a planificación familiar. Aí permanece ata a súa xubilación en abril de 1993, despois de 39 anos de intenso traballo.
Fontes consultadas: Entrevista no xornal provincial A Rexión, e Gabriel Prada Rodríguez (fillo)

Powered by Drupal - Design by artinet