Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Actividades

Lois Pereiro, autor do Día das Letras Galegas 2011

Este ano a RAG escolleu a Lois Pereiro como o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Poeta monfortino da xeración poética dos  80 xunto con Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Lino Braxe... só puido publicar dúas obras poéticas na súa curta vida: Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995), pero agora , ao ser o autor das Letras, estanse publicando postumamente outras obras súas como Conversa ultramarina (2010) e dándose a coñecer toda a súa obra por medio de estudos, homenaxes, concertos, obradoiros... en diversos lugares de toda Galicia.
Se entrades nas seguintes ligazóns, poderedes coñecer a súa vida e obra con moito detalle. Recomendamos especialmente estes lugares:


Páxina de Lois Pereiro feita polos seus amigos; contén vídeos moi interesantes sobre o autor.
Páxina na Galipedia
Páxina da Biblioteca Virtual Galega para lerdes algúns dos seus poemas
Espectáculo Mundo Lois, creado e dirixido por Antón Reixa e Lino Braxe.

Podedes escoitar o programa de radio que elaborou a Biblioteca e emitiu no espazo dos venres, O Son da Biblioteca.

Aquí tedes un breve pero rotundo poema seu:

Poderíano escoller como epitafio


Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar no que eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria.


Poesía última de amor e enfermidade (1958- 1996)

Ao longo das Xornadas Culturais o alumnado de 3º realizou un Obradoiro titulado "Despois de Lois, eu", obradoiro que nos ofreceu o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carnota a quen agradecemos publicamente.  Se queredes, podedes ler a crónica redactada por Tamara e ver algunha foto.

 

Intercambio co IES Pintor Colmeiro de Silleda

Por cuarto ano consecutivo imos participar nun intercambio escolar ao longo do  curso 2010-11. Nesta ocasión organizámolo co IES Pintor Colmeiro de Silleda (Pontevedra).

O alumnado que participa nel é o de 3º e 4º da ESO do noso centro  e xa está comunicándose co alumnado de 4º do centro de Silleda. O intercambio consta de dúas fases: na primeira o alumnado relaciónase mediante cartas, correos electrónicos e por medio das redes sociais ao longo do segundo trimestre; máis tarde, no terceiro, realizaremos dúas xornadas de visita: unha en Silleda e outra en Carnota. Nestas, o alumnado poderá coñecer persoalmente aos seus novos amigos así como coñecer os lugares máis interesantes das respectivas comarcas. E, o máis importante de todo, escoitar e constatar como soan as distintas falas, coñecer en vivo e directo as variedades dialectais de cada zona.

Xa realizadas as visitas o xoves 5 e o venres 6 de maio, podedes ler aquí unha nova sobre a actividade e algunhas fotos da recepción en Silleda.



book | by Dr. Radut