Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Avaliación diagnóstica - Mércores 21 de outubro

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), prevé a realización dunha avaliación de diagnóstico que se deberá levar a cabo en todos os centros educativos. Pola súa parte, o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, determina a realización deste proceso avaliativo. Esta avaliación versa sobre as competencias básicas do alumnado e debe dar lugar a compromisos de revisión e mellora a partir dos resultados que dela se obteñan.

A finalidade da avaliación de diagnóstico é contribuír a determinar o nivel de desenvolvemento das competencias básicas do alumnado, de cara a promover accións de mellora do sistema educativo. En consecuencia, a avaliación diagnóstica será formativa e orientadora para os centros e informativa para as familias e o conxunto da comunidade educativa. Así mesmo, carecerá de efectos académicos para o alumnado.

Esta proba terá lugar en todos os centros educativos da comunidade autónoma que impartan ensinanzas correspondentes a cuarto curso de educación primaria e segundo curso de educación secundaria obrigatoria e debe ser realizada por todo o alumnado destes niveis.

Excepcionalmente, a realización da proba da avaliación diagnóstica correspondente ao curso 2008-2009, terá lugar o día 21 de outubro de 2009. As competencias básicas obxecto de avaliación serán a competencia en comunicación lingüística e a competencia matemática. O alumnado que realizará a proba será o que cursou 2º de ESO o curso pasado, isto é, o que está en 3º este ano, pero non repite, e o que permanece en 2º.

As familias recibirán tamén un cuestionario de carácter confidencial que deberán entregar o día 21.

Os centros educativos, con base na información contida nos informes de resultados, serán os encargados de informar as familias do resultado destas probas, que inclúen a media global da comunidade en cada unha das competencias avaliadas, xunto coa puntuación acadada polo centro. Ademais, achegarase información sobre a puntuación obtida en relación cos demais centros das súas características segundo o seu índice de desenvolvemento socioeconómico e cultural. En ningún caso se dará información desagregada por grupo ou alumnado individualmente.



page | by Dr. Radut