Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Visita á Fundación Xosé Neira Vilas en Gres

O martes 21 de maio realizamos unha saída escolar a Gres co alumnado de 3º e 4º de ESO e o profesorado acompañante (Marta, Natalia, Waqar e Mariluz). Con esta actividade pechamos un ciclo comezado a principios de curso dedicado a coñecer mellor a vida e obra de Xosé Neira Vilas.

Todo o alumnado de 3º e 4º leu Memorias dun neno labrego e veu o documental titulado Os camiños do neno labrego, dirixido polo cineasta Simone Saibene e inspirado na vida e obra do creador de Balbino. Posteriormente, o propio director do documental asistiu ao centro para un encontro co alumnado e nel comentou varias cuestións sobre o mesmo: de onde xurdiu a idea, da colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas e de como se gravou. Analizada a película, entroulles a gana de ir coñecer Gres e, por fin, conseguimos facela.

Chegamos a Gres e visitamos a Fundación Xosé Neira Vilas, escoitamos a amable e documentada explicación de Chus (a bibliotecaria) que nos falou da creación da biblioteca na Casa do Romano. Coñecemos as distintas dependencias (a biblioteca coas tres salas: o museo etnográfico e as dúas salas de lectura), así como a sala de exposicións e salón de actos e a zona exterior chea de plantas e árbores que fan máis agradable este centro cultural.

Despois baixamos ao cemiterio parroquial de Santiago de Gres para visitar as tumbas de Pepe e Anisia e facerlles unha ofrenda floral e lerlles un poema. De seguido, fomos coñecer o lugar da Capela, a Ponte Ledesma e a súa historia así como as Insuas de Gres, onde á parte de coñecer o espazo natural tamén vimos o monolito dedicado ao autor pola AELG.

Para guiarnos pola aldea contamos coa compañía de Mariluz, veciña de Gres, que coñeceu e traballou na biblioteca con Pepe e Anisia e na actualidade é a profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega do noso instituto.

Se queredes ver máis fotos, tecleade no artigo da revista escolar O Gherreiro.



book | by Dr. Radut