Skip to Content

Terceiro Trimestre 2022-2023

11/04/2023 VISITAS NA CIDADE DE LUGO

Demos comezo ao terceiro trimestre, e o noso alumnado de 4º de ESO, tiña programada unha xornada moi completa na cidade de Lugo. Pola mañá, nas instalacións da fábrica de CAFÉS CANDELAS coñeceron as orixes do café e o seu  proceso de elaboración ata chegar ás nosa cuncas; de seguido visitaron no centro histórico os Museos DOMUS MITRAE e a CASA dos MOSAICOS. Pola tarde, e tralo xantar, desprazáronse ata o CASTRO DE VILADONGA.

   

20/04/2023 OBRA DE TEATRO EN FRANCÉS

O noso  alumnado de 1⁰ de ESO, trasladouse ao colexio A Salle de Santiago de Compostela  para asistir á representación teatral da obra en francés: “Le Petit Prince”.

Le Petit Prince, de Antoine de Saint-Exupéry. Obra escrita en 1943, que segue considerándose de gran actualidade polo seu contido filosófico.

                                       

23- 26/04/2023 VIAXE DÍA DO LIBRO 

O noso alumnado do club de lectura argallantes das letras comezou a tradicional viaxe do Día do Libro. Planificamos unha bonita ruta polas cidades de Vigo, Porto e Coimbra.

DIA1: Pola mañá visitaron o Museo Municipal de Vigo “Palacio de Quiñones de León” donde entraron á Pinacoteca Francisco Fernández del Riego  e puideron ver a exposición "Nos vieiros da arte". Tamén entraron á Casa da Cultura Galega, na que contemplaron a  exposición "60 pezas para 60 anos", colección da Fundación Penzol .

Tralo xantar, puxeron rumbo cara a emblemática cidade de Porto  e realizaron un agradable paseo  polos Cais da Ribeira ata a hora da cea.

Moita ilusión entre a rapazada, que levaba meses esperando por esta viaxe !!!

DIA 2: Pola mañá, nada máis almorzar, encontrámonos co guía para realizar unha visita panorámica camiñando polo centro de Porto. Gustounos moito o percorrido pola Ribeira,   chegando ata a catedral, e logo ata a estación de Sao Bento onde puidemos contemplar o fermoso vestíbulo dos azulexos.

Continuamos cun percorrido pola estrada e a beira do río Douro ata chegar ao Castelo de Queijo en Matosinhos.

Tralo xantar,  tivemos o privilexio de gozar do Cruceiro das Sete Pontes polo río Douro,  rematando a xornada lendo no Jardim do Morro,  en Vila Nova de Gaia, as Fábulas Imorais de José Alberto Braga.

DIA 3: Dedicamos o día a percorrer a bonita cidade de Coimbra, visitamos a súa catedral e a emblemática Universidade. Nesta última, impresionáronnos as salas de Armas, a dos Capelos e a do Examen Privado, e por suposto  a  maxestosa Biblioteca Joaninha.

Pola tarde, continuamos en Coimbra, e visitamos o parque temático de Portugal dos Pequeninos, que conta con reproducións a escala infantil dos monumentos máis representativos da historia e arquitectura portuguesa.

Entre os recunchos destes edificios realizamos a lectura continuada do libro Fábulas Imorais que comezamos onte en Porto.

DIA 4: Chegamos ao remate desta fermosa viaxe ao veciño Portugal!!

Despois de ter lido nos xardíns da cidade os libros escollidos para este ano, non podíamos marchar sen visitar a fermosa Livraría Lello, e mercar algúns exemplares en portugués.

Finalmente, para a nosa sorpresa, o profesorado tiña feito unha reserva no famoso restaurante Hard Rock Café.

Tan só nos queda agradecer a María Alvariño, Diego Cebreiro, María Galdo, Elena García e Rebeca Gómez por facer posible un ano máis, que a cultura, a convivencia e a lectura nos acompañen na tradicional viaxe dos nosos Argallantes das Letras.

                                

26/04/2023 PROGRAMA ATRÉVETE- EDUEMPRENDE-A FRAGA

Neste día visitounos o alumnado e profesorado de 5º de Primaria do CEIP Plurilingüe A FRAGA, para participar nunha xornada de emprendemento dentro do Programa Eduemprende-Atrévete 2023 da Xunta de Galicia.

Tras a recepción, o director do centro e a coordinadora de emprendemento déronlles a benvida, e asistiron a unha interesante charla a cargo de Carolina García, que explicou que é  a Asociación de Empresarios Seara da cal é a Xerente.

Ademais, coñeceron a experiencia empresarial da empresa Construcións Canosa da man da Arquitecta Rebeca Sánchez e de José Antonio Martínez propietario da mesa

Despois dun pequeno descanso e almorzo realizaron un percorrido polas instalacións dos ciclos de FP que se imparten no centro, onde os esperaban para realizar actividades sinxelas relacionadas con cada un deles (Automoción, Electrónica, Administrativo, Informática e Soldadura)

27/04/2023 OLIMPIADA MATEMÁTICA

Neste día celebrouse a fase de zona da Olimpíada Matemática que organiza Agapema para o alumnado do 2º curso de ESO.

A nosa valente Naiara V. viaxou ata o IES Canido para se enfrontar ás cinco cuestións da proba.

Dende o proxecto Matematicuz e todo o centro dámoslle a nosa noraboa pola súa participación. Agora só queda esperar os resultados... Pero xa é unha campiona para todas e todos nós.

28/04/2023 MESA REDONDA FORO INNOVACIÓN AUTOMOCIÓN

A nosa coordinadora de emprendemento, Merche Argibay, foi a moderadora da mesa redonda  no “X Foro de Innovación Tecnolóxica na Automoción” que se celebrou  esta semana en Sanxenxo entre os días 27 e 28 de Abril.

O foro, que  nesta ocasión enfatiza as diferenzas das novas tecnoloxías da electrificación e do hidróxeno que se desenvolven para os vehículos, tivo como poñentes ente outros, a Eduardo Pazo, director do CIFP Ferrolterra, Ángel Sánchez, Xefe de Estudos do CIFP As Mercedes, Antonio Tudó, director de RRHH Grupo Pérez Rumbao e a  Fernando Pérez , Secretario Xeral de Altra.

Durante estas dúas xornadas, realizáronse exposicións de libros técnicos, ferramentas e vehículos innovadores, así como  probas de vehículos eléctricos e híbridos na carreteira.

28/04/2023 PROGRAMA ATRÉVETE- EDUEMPRENDE -A MAGDALENA

Neste día, visitounos o alumnado e profesorado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe A MAGDALENA, para participar na segunda  xornada de emprendemento dentro do Programa Eduemprende-Atrévete 2023 da Xunta de Galicia.

Tras a recepción, José Antonio López , director do centro,  doulles a benvida, e asistiron a unha interesante charla a cargo de Carolina García, que explicou que é a Asociación de Empresarios Seara da cal é a Xerente.

Ademais, coñeceron a experiencia empresarial da empresa Gestión Plus da man de Laura Vilar, xerente da mesma.

Despois dun pequeno descanso e almorzo realizaron un percorrido polas instalacións dos ciclos de FP que se imparten no centro, onde os esperaban para realizar actividades sinxelas relacionadas con cada un deles (Automoción, Electrónica, Administrativo, Informática e Soldadura)

29-04 AO 2 -05/2023 VIAXE FIN DE ETAPA ESA- EDIMBURGO

O alumnado que cursa a ESA (ESO de adultos), impulsados pola súa profesora de inglés, Ángela Martínez, organizou unha viaxe fin de etapa cara a EDIMBURGO (Escocia)

Baixo os seus lemas: “Se queres podes!, e “Nunca é tarde! ”están a gozar deste fermoso país, practicando inglés e coñecendo outras manifestacións culturais.

O primeiro día dedicárono a percorrer o centro histórico da cidade, e visitar os principais monumentos como o Palacio de Holyrood, o Castelo de Edimburgo e Calton Hill, a colina dende a cal contemplaron as mellores vistas de Edimburgo.

Na segunda xornada da viaxe, visitaron ó Real Xardín Botánico, ó iate real Britannia, antigo iate real da monarquía británica, e fixeron un bonito paseo por Dean Village.

O colofón desta aventura deixárono para o último no dia, realizando un  tour guiado pola catedral de St Giles e unha visita á Galería Nacional de Escocia.

Sen dúbida, vivencias inesquecibles que están afianzando aínda máis a gran amizade e sentimento de grupo que crearon nas aulas ó longo deste curso.

                                     

4/05/2023 VISITA A SEARA E INTASA GALPARQUET

O noso alumnado de 1º de ESO participou nunha produtiva Xornada do Programa Atrévete de fomento do emprendemento.

En primeiro lugar tiveron unha charla na sede da Asociación de Empresarios SEARA impartida por Carolina García, xerente da asociación empresarial. Nela os nenos e nenas coñeceron un pouco mellor o sector empresarial que lles rodea, e algúns aspectos do que son unha empresa ou unha incubadora de empresas.

Despois visitaron a empresa GALPARQUET pertencente ao grupo empresarial INTASA onde fixeron un percorrido que comezou cunha introdución na show room e continuou polos diferentes procesos que levan á fabricación de parqué flotante.

Agradecemos a Óscar e Majo a súa implicación e amabilidade  co cal  nos ensinaron os diferentes recunchos da empresa.

Bonita xornada, pasárono moi ben!!!   

                                  

 

 5- 10/05/2023 VIAXE FIN DE ETAPA 4º ESO ITALIA

Día 1: O grupo de 4° de ESO comezou á aventura pola que estaba agardando dende inicio de curso: A súa viaxe de estudos con destino ROMA e FLORENCIA. Neste día, en Roma, visitamos o castelo de Sant. Ángelo que nos ofreceu fermosas vistas ao río Tiber. Pola tarde, gozamos coa visita guiada aos Museos Vaticanos, Capilla Sixtina, Basílica e Praza de San Pedro. Rematamos a xornada coa degustación do típico tiramisú e gelato italiano.

Día 2: FLORENCIA: cidade única, cuna do arte e Patrimonio da Humanidade.

Comezamos o día visitando a Igrexia Santa María a Novella. Continuamos percorrendo as rúas ata que chegamos á Capilla dos Médici na que nos sorprendeu a maxestuosidad da súa sala principal.Entramos na Praza do Duomo e contemplamos a Catedral (El Duomo), obra mestra do Renacemento.

A tarde reservámola para pasear pola  Ponte Vecchio e as rúas cheas de arte e establecementos con encanto e deseño, (roupa, xoias, xeados...), onde non podía faltar a música clásica de fondo.

Rematamos coa sorpresa do día, contemplar a impresionante obra de arte o David de Miguel Ánxel, na Gallería dell'Academia.

Sen dúbida un lugar cun feitizo especial ao que prometimos voltar!!!

Día 3: ROMA BARROCA: Comezamos a mañá visitando a colorida Piazza Di Spagna coa súa característica escalinata frente a Fonte da Barcaza. Na mesma, puidemos contemplar tamén a Embaixada española ante o Vaticano. Seguimos percorrendo a Roma Barroca onde atopamos a impresionante Fontana Di Trevi. A cada paso que dabamos, novas xoas arquitectónicas descubriámos: a Columna de Marco Aurelio, o Pantheon... ata chegar a Piazza Navona coa súa fonte barroca dos catro ríos.Pola tarde adicamos o noso tempo a coñecer as Catacumbas de San Calixto.

Día 4: ROMA ANTIGA: Neste día adentrámonos na Roma da Época Clásica do Imperio Romano. Visitamos o impresionante anfiteatro do Coliseum. No seu interior puidemos contemplar as galerías, gradas, escalinatas, o espazo da area cos subterráneos ao descuberto, e sobre todo, revivir o espectáculo do mundo antigo. Percorremos os Foros Romanos para avanzar entre as súas ruínas, tentando reconstruir mentalmente as calzadas e edificios que integraban o corazón do Imperio Romano. Pola tarde, puidemos contemplar a maxestuosa figura do Moisés de Miguel Anxo situado na basílica de San Pietro in Vincoli. Rematamos con compras de agasallos percorrendo as rúas e volvendo as Piazzas que máis nos impresionaron.

Unha experiencia para o recordo!!!!

                             

8-9/05/2023 FESTIVAL DA FRANCOFONÍA

O Departamento de Francés participou o pasado 8 e 9 de maio no multitudinario Festival da Francophonie, que tivo lugar na localidade de Vilanova de Arousa.

O noso alumnado de 1⁰ e 3⁰ da ESO, foi quen de cantar unha preciosa canción en francés, diante dun auditorio repleto de estudantes de quince institutos de toda Galicia.

O evento celébrase dende hai uns anos, co obrigado descanso por mor da pandemia, cativando as namoradas e os namorados da canción e da lingua francesa. Ademais de marabillarnos coas súas dotes artísticas, o alumnado puido gozar dunha visita á Casa Museo de Valle-Inclán, así coma dun divertido e interesante paseo pola ría de Arousa para coñecer a arte do cultivo e extracción dos mexillóns.

Ao longo de todas as actividades os rapaces fixeron novas amizades,  compartiron nervios, risas, diversión, e sobre todo, volveron a casa coa ilusión de repetir o próximo ano e xa pensando na canción que van preparar....

 

11/05/2023 FALADOIRO CON ANTÍA YAÑEZ

Neste día tivemos o pracer de contar no noso centro coa escritora Antía Yañez, que nos explicou como e por que escolleu situar as súas historias de misterio en Portomarín e Burela, libros escollidos pola profesora de Lingua Galega María Alvariño para 1º de ESO.

Ademais tiveron a oportunidade de entrevistala plantexando preguntas e dúbidas en relación coa súa obra e a súa carreira como escritora.

Bonita actividade organizada dende o Departamento de Dinamización Lingüística!!!

 

12/05/2023 PROGRAMA ATRÉVETE- EDUEMPRENDE- O MARBÁN

Neste día, visitounos o alumnado e profesorado de 5 º e 6º de Primaria do CEIP O MARBÁN das Somozas, para participar na terceira xornada de emprendemento dentro do Programa Eduemprende-Atrévete 2023 da Xunta de Galicia.

Tras a recepción, o equipo directivo,  doulles a benvida, e asistiron a unha interesante charla a cargo de Carolina García, que explicou que é a Asociación de Empresarios Seara da cal é a Xerente.

Ademais, coñeceron a experiencia empresarial da empresa INTACTA Xestión Ambiental da man de Héctor Dopico, director de operacións da mesma.

Despois dun pequeno descanso e almorzo realizaron un percorrido polas instalacións dos ciclos de FP que se imparten no centro, onde os esperaban para realizar actividades sinxelas relacionadas con cada un deles (Automoción, Electrónica, Administrativo, Informática e Soldadura)

 

15/05/2023 CINE + ESCAPE ROOM

O noso alumnado de 3º e 4º de ESO puido gozar dunha completa xornada na cidade da Coruña con orixinais actividades organizadas pola profesora de inglés Ángela Martínez.

Pola mañá, asistiron a unha sesión de cine nas salas dos Cantones Villages para ver en VOSE (versión orixinal con subtítulos en español) a película: "Guardians of the Galaxy Vol.3", e pola tarde, realizaron un divertido ESCAPE ROOM no Clue Hunter "El asesino de Keylook"

Diversión, acertixos, intriga e resolución de enigmas!! Pasámolo fenomenal

18/05/2023 ROTEIRO MATEMÁTICO POLA VILA DAS PONTES

O alumnado de 3ºESO gozou dunha mañá especial, na que as clases saíron de paseo.

Os departamentos de Matemáticas, Educación Física e Bioloxía xuntáronse para deseñar unha actividade na que se mesturaron todas as materias.

O roteiro, duns 9 quilómetros, comezou coa saída do instituto ata a famosa Ponte de García Rodríguez (ou dos Ferros).  Alí comezou o traballo matemático, no que a rapazada, armada de móbiles e cinta métrica, tivo que calcular a superficie empedrada na ponte ou o peso dos bancos de pedra da praza da igrexa.

A ruta seguiu despois a carón do Muíño de Alende ata a Fraga de dona Rita e a estatua de Rivera Corral, coñecendo datos curiosos da vila.

Logo fixeron un paseo relaxante ata o encoro da Ribeira, e despois de cruzar á outra beira do río comezou a observación do medio natural.

Seguiron camiñando ao norte, á beira do encoro, ata o Rego do Inferno coñecendo algúns, un novo atractivo do seu concello.

E, mentres camiñaban, examinaban a contorna para completar un divertido bingo no que debían usar os seus sentidos para buscar plantas aromáticas, animais predadores e moito máis...

 

19/05/2023 VISITA RESIDENCIA DE MAIORES

Con motivo das Letras Galegas, os Argallantes das Letras decidiron compartir contos e bailes cos maiores da Residencia A Magdalena das Pontes. Non sabemos quen gozou máis, pero o que si sabemos é que uns e outros queren repetir a experiencia!!!

 

22/05/2023 DEGUSTACIÓN

Dende o CIFP Fraga do Eume chegou ao noso centro o profesor do Departamento de Hostalería Gerardo, que ofreceu ao alumnado de 4º ESO unha exquisita degustación de cócteles, bombóns e outros produtos.

 

24/05/2023 CHARLAS DE NUTRICIÓN

Seguimos a fomentar estilos e hábitos de vida saudables no noso centro. A nutricionosta Conchi Fernández especializada en TCA, trastornos da conducta alimentaria impartiu ao alumnado de ESO unha charla fundamental sobre alimentación e nutrición.

Tentaremos seguir os seus consellos!!

25/05/2023 VISITA AO MUNCYT + PADDEL SURF

No Castro non paramos de facer saídas vinculadas ás aprendizaxes!!! Nesta ocasión  programamos co grupo de 2º de ESO na cidade da Coruña, unha  divertida e interactiva VISITA AO MUNCYT.  Pola tarde, na Praia de Santa Cristina,  gozaron cunhas clases de Iniciación ao PADDEL SURF nas que aprenderon a técnicas de remada, posicionamento na tabla, na ola, e a realizar xiros e surfear coa axuda do remo.

Marabilloso día nel que combinamos o interese pola ciencia e tecnoloxía co exercicio físico  ao aire libre.

 

25/05/2023 INSPECCIÓN RÍO FERVENZA DE SOMEDE

26/05/2023 JAM SESSION- EMPRENDE JAM

A pasada semana, o alumnado de 1º de CICLOS, visitou a Bilblioteca Rivera Rouco das Pontes onde Raquel Pedrouso, facilitadora de ideas de negocio e emprendemento, lles deu algúns conceptos para buscar solucións a problemas reais en diferentes ámbitos laborais.

Crearon proxectos e maquetas, que posteriormente testaron na rúa con posibles clientes potenciais de ideas de negocio.

Unha actividade moi innovadora e creativa!!

Grazas Merche Argibay por acercarnos cada día un pouquiño máis ao mundo emprendedor!!

 

DE 28/05 A 3/06/2023 SPRING WEEK

Na semana do 28 de maio ao 3 de xuño, o noso alumnado de 1º de ESO  asiste á Spring WeeK; trátase dunha experiencia lingüística que ten lugar no pobo dos Peares, nunhas instalacións que a Xunta ten destinadas para tal fin.

A rapazada, está a desenvolver actividades relacionadas coas enerxías renovables, acción polo clima e sustentabilidade, empregando o inglés como lingua vehicular. Ao final da semana terán que presentar e expoñer en grupos os seus proxectos.

O alumnado está aproveitando esta oportunidade para mellorar as súas habilidades de traballo en equipo, comunicación na lingua inglesa, e socialización, xa que conviven con nenos e nenas doutros cinco institutos.

Ademais no tempo libre realizan actividades de lecer como xogos musicais de cultura xeral, cine e “disco”!!

 

2/06/2023 XV PREMIOS NACIONAIS MT 2023

O venres 2 de Xuño, tivo lugar no Gran Teatro Reina Sofía de Benavente (Zamora) a gala de entrega dos XV Premios Nacionais MT de Música Tradicional do Vello Reino de León, a cita máis importante para os amantes do folclore e que reuniu aos mellores músicos e grupos. Silvia Calvo Vilaboy alumna de 2º de ESO, foi galardoada co 3º premio con pola realización dun ilustrativo e orixinal traballo sobre a música e os traxes tradicionais de Salamanca.

Asistiron ao acto tamén, os nenos e nenas do grupo de 2º de ESO que participaron nel concurso presentandoinnovadores traballos.

Grazas Ana Belén Puente por animar ao alumnado a participar nesta iniciativa e espertar o interese dos rapaces o gusto pola  Música!! 

 

7/06/2023 EXHIBICIÓN SOLIDARIA DA GUARDIA CIVIL

O grupo de 2° de ESO realizou unha curiosa visita da man da Guardia Civil. No pavillón das Somozas podían achegarse a stands onde coñeceron as diferentes especialidades dentro do corpo: Salvamento, Criminoloxía, Detección de Explosivos....

Ademais agasalláronnos cunha exhibición da diversidade do seu traballo.

 

19/06/2023 I FESTIVAL DE EUROVISIÓN CASTRO DA UZ

Onte, o departamento de Música sorprendeunos cunha divertidísima actividade na que o alumnado de 3º de ESO convertíu en cantantes de Eurovisión por un día!!

Tiveron espectadores de excepción, os nenos e nenas de 1º de Primaria do CEIP a MAGADALENA e todo o resto de alumnado de Secundaria do Castro, que non quixo perder o espectáculo!!

                 

 

20/06/2023 ESPECTÁCULO DE CIRCO

Neste día, da  man do concello das Pontes e dentro da programación de Ponte a Ponte, tivemos no noso centro,  un show de Circo contemporáneo, OH PERA,  mezcla de teatro, humor e circo, onde o realismo síntese nas técnicas de circo cun risco totalmente real, en canto a equilibrios , acrobacias e técnicas aéreas.

En OH-PERA, al igual que na vida, non existe estabilidade, sino camiñar en equilibrio...

Un show innovador, que achegou ao alumnado a unha dramaturxia onde as personaxes atravesaron situacións realmente divertidas, complexas e que lles levou a un remuíño de emocións que o público viviu como súas.

                                           

21/06/2023 FESTA FIN DE CURSO

O mércores 21 de xuño, o noso alumnado rematou as clases deste curso, e como colofón celebramos unha pequena e variada festa de despedida:

A primeira hora puidemos gozar na biblioteca, dun espectáculo da man  do  Mago Charly.

De seguido realizamos un pouco de Deporte e Actividade Física no pavillón cun partido de Fútbol entre 4º de ESO e o resto dos cursos,  e un Torneo 3x3 de Baloncesto.

A mañá estivo amenizada por alumnado de 4º de ESO, donde Alex Leal e Alex Romero foron uns DJ excepcionais que nos deleitaron con música no hall do centro. Bailamos, cantamos....., pasámolo fenomenal!!

Ademais degustamos uns deliciosos croissants, sen esquecer a froita sempre presente nos  nosos almorzos!!!

En setembro volveremos ás aulas coas baterías cargadas e enerxías renovadas, gozade dun merecido descanso!!!

21/06/2023 GRADUACIÓN 4º DE ESO

Despedimos unha nova promoción de 4° de ESO. Foi un acto emotivo no que quedou patente a tristura polo remate dun ciclo importante nas súas vidas, mais ao mesmo tempo, esperanzador ao saber que están preparados para comezar unha nova etapa con ilusión.

O acto estivo organizado principalmente pola ANPA e  agradecemos  especialmente a Belén e Vanessa a súa implicación, imaxinación e bo gusto na organización do evento. Tamén a Pili e Ángel polo cariño co que prepararon unha pequena merenda. Por último a Ana Belén Puente, titora do grupo, que conseguiu que o alumnado se implicase e elaborase unha gala á altura de Holliwood, que dificilmente esqueceremos. O resultado, como podedes supoñer, foi un auténtico éxito!!!

Desexámosvos moitísima sorte!!! 



page | by Dr. Radut