Fotos do acto de inauguración da alameda literaria
Inuguración da alameda literaria
Dende hai anos, os argalleiros e argalleiras das letras do IES Castro da Uz ( As Pontes) leva a cabo unha gratificante, pero dura e intensa actividade. Esta aventura comezou como un xogo para achegar o alumnado á orixe e significado do seu nome e apelidos. Logo quixemos achegalos á nosa cultura e centrámonos na importancia que a natureza, as árbores en concreto, tiñan para os celtas. Así naceu a idea de asignar unha das 21 árbores sagradas dos celtas a cada alumno e alumna da comunidade educativa, coñecendo o día e mes do seu nacemento. Quedaba deixar testemuña, por iso, hai 12 anos, o alumnado plantou cadansúa árbore no recinto escolar.
Viñan anos de coidado, e cada grupo encargábase de regar, podar e aloumiñar cada unha das 21 árbores. Si, houbo algunha que non puido coas inclemencias meteorolóxicas, pero hai tres anos, as cinco que non resistiron, foron repostas por outras que, polo momento, seguen medrando en perfecto estado de saúde. Non pensen que rematou aquí a actividade, porque cremos que todo bo traballo debe ser continuado, de aí que se decidira identificar cada árbore co seu nome científico e popular, obxectivo que o alumnado realizou o curso pasado.
Seguimos pensando e chegamos á conclusión de facer a nosa “Alameda literaria”, na que cada árbore estaría dedicada a un escritor/ -a das nosas letras. Etapa difícil: traballo de investigación, lembranza de lecturas, de autores e autoras que os marcaron, selección do texto que lembraría o seu bo facer literario, decidir entre moitos e moitas a quen sería dedicada a árbore, en fin... Intercambio de opinións moi produtivo. E aquí estamos. TODO REMATADO, pero falta o máis importante: a inauguración da “Alameda literaria das árbores celtas”.
Para que esta actividade teña un bo fin e un prometedor comezo gustaríanos contar coa presenza dos autores protagonistas o día da inauguración, o 18 de xuño de 2015, ás 11:20h. Só así poderiamos comezar a gozar dunha actividade comezada e rematada con toda a ilusión que moveu o alumnado deste centro.
Na inauguración os argalleiros e argalleiras e porán voz, acompañada da súa música, a todos os textos e mostrarán o vídeo que están rematando nestes momentos.
Compartimos con vostedes os/as autores/-as que serán lembrados/-as na “Alameda literaria das árbores celtas”:
ABELEIRA: HELENA VILLAR JANEIRO |
ÁLAMO: EDUARDO PONDAL |
ABETO: CELSO EMILIO FERREIRO |
AMIEIRO: MARÍA MARIÑO |
BIDUEIRA: ARGALLEIROS E ARGALLEIRAS DAS LETRAS |
CASTIÑEIRO: TUCHO CALVO |
CARBALLO: MIRO VILLAR |
CEDRO: LOIS PEREIRO |
CIPRÉS: A.D. RODRÍGUEZ CASTELAO |
FIGUEIRA: LINO BRAXE |
FAIA: ÁLVARO CUNQUEIRO |
FREIXO: RAMÓN CABANILLAS |
MACEIRA: FRAN ALONSO |
OLIVEIRA: CELESTINO FERNÁNDEZ DE LA VEGA |
NOGUEIRA: MANUEL RIVAS |
OLMO: UXÍO NOVONEYRA |
PIÑEIRO: ROSALÍA DE CASTRO |
SALGUEIRO: EDUARDO BLANCO AMOR |
PRADAIRO: MARÍA LADO |
SORBEIRA: FRANCISCO CASTRO |
TILEIRO: MANUEL CURROS ENRÍQUEZ |
|
POEMAS PARA A ALAMEDA:
“A PATERA”
Ela cruzou o estreito
nunha triste patera.
Ela pagara a pasaxe
para fuxir da area.
Do deserto maldito.
Esquecer a miseria.
Procurar un destino
onde rompe a marea.
Evocar a súa tribu
nas noites eternas.
Ser león e ser cebra.
Ser lúa e ser terra.
Esperar ese fillo
que no ventre lle medra
e danzar nas tabernas
imitando as gacelas.
E soaron disparos...
E volcou a patera.
Lino Braxe, A caricia da serpe
“QUINÓN”
As nubes da incerteza ferintes coma o sol,
sempre sodes Ulises, hai sempre unha Penélope
que agarda con tecidos. E Ítaca está distante
mesmo que fose a penas unha marea de horas,
e Ítaca está distante mesmo que sempre volvas.
Miro Villar, Mar de rostros. Gameleiros
“¡Silencio!”
A man nerviosa e palpitante o seo,
as niebras nos meus ollos condensadas,
con un mundo de dudas nos sentidos
i un mundo de tormentos nas entrañas,
sentindo cómo loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan
e rencores que matan,
mollo na propia sangre a dura pruma
rompendo a vena hinchada,
i escribo escribo ¿para qué? ¡Volvede
ó máis fondo da ¡alma,
tempestosas imaxes!
¡Ide a morar cas mortas relembranzas!
¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras, e palabras!
Da idea a forma inmaculada e pura
¿dónde quedóu velada?
Rosalía de Castro, Follas Novas, “Vaguedás”
COUSOS do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d’ir!
O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa...
Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.
Uxío Novoneyra, Os eidos
“OS PINOS”
¿Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do plácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume harpado
co ser ben compasado
monótono fungar?
-Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta de teu sono,
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son,
mais só os ignorantes,
e feridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das idades,
que as voas vaguidades
cumprido fin terán;
pois, onde quer xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos
“The stuff the dreams are made of”
Por ti sobrevivir coa forza necesaria
para erixirme en sombra do que fun
Sen ti ser eu de novo
orfo doutro destino
resignado a ser eco da túa ausencia
vida e norte en desfile intermitente
Humildemente ser nada por ti
unha figura fuxidía na sombra
da mesma materia que os nosos soños
co esprito intoxicado de nostalxia.
Lois Pereiro, Poemas 1981- 1991
A noite é un jazz-band
Que interrompen os grilos
Cos seus aplausos.
Helena Villar Janeiro, Pálpebra azul
O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.
Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra
Tiven medo de bogar,
tiven medo de auga crara.
Anque fora cuns bos remos
anque fora na mar calma,
¡non bogaba!, ¡non bogaba!
O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.
María Mariño, Palabra no tempo
“Encomenda”
A ti, miña muller, arca pechada
que no seu fondo garimoso encerra
o que me queda santo sobre a terra,
van estes versos de visión dourada.
Eles diranche que, ó través da vida,
sempre, sempre miña alma soñadora
pideulle a Dios que na postreira hora
cerre os meus ollos esa man querida.
E neles vai, paxaro cara ó niño,
agardando que o colla con cariño,
este meu rogo que a visión compreta:
Quero na lousa que me dé sosego
esta palabra que ten luz: "Gallego"
e esta palabra que ten ás: "Poeta".
Ramón Cabanillas, Vento mareiro
cuqui é pequeno de máis para ser un osiño de peluxe
e cáelle o naris
por iso non lle gusta ir á lavadora
nin que mamá o colgue a secar polas orellas
ademáis
bótame de menos durante o centrifugado
e eu a el ¿e se lledoe?
as orellas ¿e se lle doen as orellas das pinzas?
ou estar só tanto tempo na trandeira
e eu a el sobre todo hoxe que é luns e ti estás tan lonxe
así que o meto húmido debaixo das sabas
e apértoo
para que non chore máis que eu sexa xa grande
que me gusta porque sei que me quere pequeno
como só poden querer os osiños os nenos
que lle perdoan ata a dor das pinzas
como sei que ti e eu nos queremos
María Lado, casa atlántica casa cabaret
Señor Fuco
¡Pimpinela! ¡Pimpinela! ¡Sabede que se casóu con aquel rapaz
que a rondaba - ¡un lacazán! – e que agora os dous durmen e
folgan, e fan o pescozo e o ventre gordos á miña conta. ¡Cos
meus bens! E polo visto xa venderon o pinal da Bouza e os
lameiros do Canabal. ¡Larcháns! ¡Destragadores! Dígovos que
hoxe estóu como para facer chatolas cos dentes.
[…]
Señor Fuco
Velahí vai… Escoita ti primeiro, Ramonciño, porque vas
arder… e non de risa… Como a Xustiza topóu no peto da túa
chaqueta un escrito, no que lle pasabas a Micaela una finca
das mellores, e todos sabían que xa lle tiñas pasado outras,
agora ela di que vivía en pecado mortal contigo.
Don Ramón
¡Eso non é certo!
[…]
Boticario
¿E para min non traes novas ningunhas?
Señor Fuco
Tamén hai algo; pero máis levián. A túa Lela casóuse co
carabineiro e xa teñen catro fillos.
[…]
Señor Fuco
Ningún de vós morreu tan adoecido coma min. Ti, Saturio,
adormentácheste con xaropes da túa botica, para morreres sen
doores. Ti, Ramón, morreches atordoado polo viño e non te
decataches do pasamento. A miña norte foi arrabeada. Morrín
como un can da rabia, coma quén olla unha fonte de auga
pura e non pode bebela. Eu morrín de sede. ¡Morrín por
namorarme de vello!
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Os vellos non deben
de namorarse
O meu pai contaba como un
tormento, como se lle arrincara as
amígdalas coa man, a maneira en
que o mestre lles arrincaba a gheada
da fala para que non dixeran aghua
nin ghato nin ghracias. ‘’Todas as
mañás tiñamos que dicir a frase Los
pájaros de Guadalajara tienen la
garganta llena de trigo. ¡Moitos paos
levamos por culpa de Ghuadalagara!’’
Se de verdade quería meterme medo,
conseguiuno. A noite da véspera non
durmín. Encollido na cama, escoitaba
o reloxo de parede na sala coa
anguria dun condenado. O día
chegou cunha claridade de mandil de
carniceiro. Non mentiría se lle dixera
aos meus pais que estaba enfermo.
Manuel Rivas, ¿Que me queres amor?, “A lingua das
bolboretas”
No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!
Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!
Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!
Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quén poidera namorala,
meu amigo!
Álvaro Cunqueiro, Cantiga nova que se chama riveira
¡AI!...
¿Como foi?... –eu topábame fóra
cando as negras vixigas lle deron;
polo aramio súa nai avisoume
i eu vinme correndo.
¡Coitadiño! Sintindo os meus pasos
revolveu cara a min os seus ollos.
Non me viu... e chorou... ¡ai! Xa os tiña
ceguiños de todo.
No me acordo qué tempo me estiven
sobre o berce de dor debruzado;
sólo sei que me erguín co meu neno
sin vida nos brazos...?
Bolboreta de aliñas douradas
que te pousas no berce baleiro,
pois por el me perguntas, xa sabes
qué foi do meu neno.
Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra
SOÑANDO
Escoitando cantos
deume o capricho
no meu refuxio.
Reflexiono sobre a vida
moi tranquilo,
planificando o meu destino,
imaxinando un lugar magnífico.
Ela queríamo explicar.
Intentábao cun ton sereno e frío
e eu atopábame arrepiado
polo perigo,
sentindo envexa
daquela besta inmunda.
Estaba preocupada polo que eu sentía
dende aquela lagoa na que vivía,
rodeada de fina area,
onde había unha serpe
dunha especie moi selecta.
Eu temíalle á morte,
escoitaba risiñas nerviosas
e, con sinceridade,
eu quería voar,
refuxiarme nalgún lugar,
ou converterme en peixe.
Pero acabei rendido,
e os meus ollos ían pechándose,
soñando con canguros,
peixes, serpes...
Foi aquel un gran
descubrimento,
un fenómeno pouco común.
Sentía que o meu corazón
latexaba, moi rápido,
como o dos animaliños pequenos,
cos dentes rinchando.
Grandes especies
provocábanme sentimentos fatigosos.
Foi un erro
feo,
interesante.
Espírito escuro como a soidade.
Só me sinto como un experimento
sufrindo baixo a lúa
e coas estrelas mirándome.
Todo parece positivo neste
lugar, pero non o é.
Mais teño a esperanza de
que sexamos felices.
Nada é sinxelo.
Todo queda nunha incerteza.
“Argalleiros e argalleiras das letras do IES Castro da
Uz” e os seus convidados do IES Moncho Valcarce, Salamanca,
2014.
[...]
-
-Si, señor, si; os mesmos. O Juan Fariña
e o Eladio Vilarchao, que están aí nos
papeis, son o Bocas e o Milhomes polos
alcumes, que é como aquí nos coñecemos
todos e que non ofenden a ninguén,
porque Xan e Aladio poden ser
calisquera, pero o Bocas e o Milhomes só
poden ser os que son, do mesmo xeito que
eu son Cipriano Canedo e me chaman o
Cibrán ou o Castizo, como vostede goste,
pois o meu pai tiña un castizo para servir
porcas, con licencia... Anque tamén me
chamen o Tiñica e o Puchapodre, porque
de rapaz tiven a tiña, que me durou ata
mozo, e andaba coa gorra moi apegada...
-
- Non, señor non; só era para írmonos
entendendo, pois xa me vou deprocatando
que vostede non é de aquí...
-
[...]
Eduardo Blanco Amor, A esmorga
CHOVE
En Galicia non chove, mexan os gatos.
Galicia, onde a chuvia é arte,
Galicia, onde nunca escampa.
Teño unha pinga cravada no corazón
e eu non sei se é de chuvia, de arte ou
[de amor.
Poallada, trebón, barrufada, chaparrón,
orballada, chuvisca, arroiada, ventisca.
Fran Alonso, O meu gato é un poeta
“ESTRUCTURA E SENSO DO HUMOR. Humor e filosofía”
Volvendo ó noso problema do humor, resulta
que a ironía do humorista consiste nunha
especie de desdobramento da personalidade,
nunha visión simultánea de cousas distintas
que permite establecer sutiles relatos e
contrastes entre as cousas que, ás veces,
parecían moi alonxadas. O senso desas
relacións e contrastes é una teima por non se
dar por vencido do humorista: o humorista non
quere traxedias nin quere rir sen máis nin
máis, a tontas e a loucas; cando a tristura ou a
dor son moi fortes o seu esforzo é máximo e o
humor vólvese sarcástico; cando o que hai que
evitar é a proclividade ó riso e á comicidade o
humorista extrema a súa benevolencia,
esfórzase en buscar circunstancias atenuantes
do ridículo, chega a se facer cómplice secreto
do personaxe ou a situación fustigados polo
látigo do riso: mais o seu esforzo ten límites
cando a traxedia é inevitable: ou ridiculez
insalvable, “inxustificable”, entón o humorista
dáse por vencido: tamén el se entrega ó riso ou
ó pranto.
Celestino Fernández de la Vega, O segredo do humor
[...]
De alguén e de algures sen concreción,
naceu a orde temida. Fixouse o día do
regreso e da concentración de tódolos
exiliados ás aforas da cidade. E como se fose
o mandado de todos, non tardou en comezar
unha peregrinación de volta nin máis doada
nin leda que a que os afastara das súas
casas.
O asalto sería tres días despois. Pero as
autoridades, diante dunha multitude de
centos de miles de persoas, non tiñan
argumentos para facelas mudar de idea nin
tampouco medios para disolver pola forza a
concentración sen facer unha masacre.
-Só desistiremos se nos dan en man a chave
dunha vivenda digna e medios para vivir.
Non quero promesas para dentro de dous
días nin dunha semana, berraba unha
muller resumindo o que pensaba a maioría.
[...]
Tucho Calvo, Telúrico
“Esta lingua non quere vivir na favela”
Esta lingua non quere vivir na favela
porque é lingua lume, lanterna e faro
que nos mantén vivos no ceo, dende o tempo dos avós.
Esta lingua non quere ser suburbio
porque ten unha historia inmensa de séculos
luminosos]
na parte de atrás
incluso
no sotaque inevitable dos corazóns resentidos que
odian á nosa tribo.]
Esta lingua non quere habitar nunha cidade estraña
porque está feita a man cos alicerces mansos da
xente boa]
na que aniñou humilde cando era o tempo dos lobos
as mesmas feras que agora volven
famentas de vinganza
dende o máis escuro das súas escuras covas.
Esta lingua quere ser música
acubillo, calma mol, circunstancia feliz.
Poderedes metela na favela
condeala ao suburbio
obrigala a residir nunha cidade estraña.
Tanto ten.
Ela foi.
Ela é.
Ela será.
Francisco Castro, “Esta lingua non quere vivir na favela”