O IES Castelao nos Encontros PLAMBE do venres 13 de abril

     O Ies Castelao estivo representado o pasado venres nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2017/2018 celebrados no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela entre as 10 da mañá e as 8 (máis ben 8:30 da tarde).

     O profesor do departamento de Lingua Castelá e Literatura Pedro Iturburúa presentou brillantemente a ponencia “A biblioteca María Victoria Moreno: memoria dunha herdanza”. El sucedeu á escritora que se homenaxea este ano no Día das Letras Galegas na súa praza do IES Torrente Ballester e foi un dos responsables, por expreso desexo da autora, do legado da súa biblioteca ao centro. Logo tocaríalle o labor de catalogalo e atoparlle o acomodo axeitado, con excelente resultado.

     Parabéns, Pedro.

     Tamén se presentou nesta xornada un póster, na sección “A biblioteca como espazo creativo”, relacionado co proxecto que este ano se desenvolve no instituto arredor de Verne e a celebración do 150º aniversario da chegada literaria do Nautilus á ría de Vigo. O póster, no que se plasman algúns dos traballos realizados ata agora polo alumnado e confeccionado pola profesora Carme Nogueira, presentouse baixo o lema do proxecto: “Viaxando con Verne”.