O Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas


O martes 17 de outubro, varios cursos de 2º da ESO e todo o alumnado de 4º, tivemos a sorte de ser dos primeiros en visitar a exposición do Pergamiño Vindel, o manuscrito orixinal que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, e a melodía de seis delas.
Levaba 40 anos depositado na Morgan Library & Museum de Nova York, sendo a primeira vez que sae da cidade dos rañaceos para chegar a Galicia, ao territorio que serviu de inspiración para os seus versos, onde se exhibe grazas á colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, comisariada polo historiador Francisco Singul. A exposición divídese en sete partes, cada unha delas inspirada nunha das cantigas. O Pergamiño Vindel está acompañado por outras pezas medievais e contemporáneas de gran calidade que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas. Máis de 50 pezas conforman es ta exposición única, entre as que se inclúen pinturas, documentos, esculturas, obras en madeira, elementos arqueolóxicos e obras de carácter sacro e profano, entre outras. Tamén puidemos coñecer as exposicións permanentes do Museo do Mar de Galicia e mais o seu fermoso acuario, con peixes da ría.