Xosé Neira Vilas: recordo no seu cabodano

     No mes de novembro de 1928 nacera en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra, o autor do libro máis lido da literatura galega contemporánea:

     E o 27 de novembro do 2015 faleceu tamén en Gres, na súa casa natal, despois de botar moitos anos na emigración, primeiro en Bos Aires e logo en Cuba. Alá marchara con vinte anos (como el dixo: tiña vinte anos / vinte espadas xusticieiras e honradas  / para esixir / para loitar). Traballou arreo: estudou comercio, música, xornalismo, literatura... Fundou a editorial "Follas Novas" para a difusión en América do libro galego e, en Cuba, dirixiu a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, ademais de ser redactor-xefe da revista infantil Zunzún.

     Coñeceu na emigración a moitos intelectuais galegos e á súa volta o seu inmenso labor persoal e a prol da lingua e a cultura galegas foi recoñecido con diferentes premios e distincións: foi elixido membro numerario da Real Academia Galega, doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, Premio da Crítica Española e Galega, Medalla Castelao, Pedrón de Honra... A súa obra está traducida a unha chea de linguas.

     A Fundación Xosé Neira Vilas organizou un emotivo acto de homenaxe ao autor no primeiro aniversario do seu pasamento; nel presentouse a súa obra póstuma Quique na aldea, un novo canto á vida da aldea que supón un colofón perfecto á traxectoria vital e literaria de Neira Vilas.

     No IES Castelao tivemos a sorte de compartir con el unhas horas, pois sempre lle gustou estar rodeado de rapaces e nunca deixaba pasar a ocasión de transmitirlles a súa paixón polo galego e pola literatura. Froito daquela visita  no 2012 é a entrevista recollida no número 11 da nosa revista "Cousas do Castelao".

     En xusto tributo de recoñecemento e homenaxe, recordámolo nesta data. Podemos ler o comezo das Memorias dun neno labrego ou o capítulo dedicado a Pachín