Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS. XUÑO 2023. MOUCHO E CUQUIÑA: OS “TELLEATROS” DO CLUB DE LECTURA DO IES AS TELLEIRAS

Durante toda a mañá do día 1 de xuño os actores e actrices do grupo “Telleatros” do Club de lectura de 1º ESO, capitaneados pola súa dinamizadora e directora, dona Aurora Romar, no papel de Xoaniña, representaron na biblioteca do centro, convertida a tal efecto  en escenario, a adaptación a formato teatral do relato Moucho e Cuquiña, perante catro grupos de alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria de colexios de Narón.

O Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón propuxera no ano 2020 un conto para pasar aqueles días complicados de confinamento. Tratábase da publicación Moucho e Cuquiña, con textos de Paula Merlán e ilustracións de Antonio Seijas, unha edición que foi elaborada por encarga do concello de Narón, xa que a obra está ambientado neste municipio.

Podes consultar máis información sobre o conto no blogue de Paula Merlán ou na seguinte hiperligazón.

Do enorme éxito que tivo esta posta en escena no IES As Telleiras fíxose eco a prensa local:

Cómpre destacar o enorme labor que supuxo durante todo o terceiro trimestre deste curso 2022-2023 para os integrantes do grupo “Telleatros”, que semana tras semana, dedicando xenerosamente os seus tempos de lecer,  tanto no Obradoiro de Tecnoloxía como na propia biblioteca, levaron a cabo todo o traballo de realización dos decorados, probas de escenografía, luces e son, confección do vestiario, aprendizaxe e ensaio dos textos... 

E o máis importante foi a alegría, o tesón e a dedicación constante que puxeron para que todo saíse perfectamente no estreo da obra ante un centenar de pequenos  e pequenas espectadores que gozaron cunha  representación que fixo as delicias de todos e todas.

A Bibliotelleiras quere dar as grazas ao Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón pola súa extraordinaria colaboración na montaxe e posta en marcha desta actividade que, o curso próximo, quere facerse extensiva a outros centros de ensino de Narón.

Felicitamos a todo o elenco dos “Telleatros” polo compromiso e bo facer que demostraron sempre e que os fai merecedores do noso agradecemento.

 



blog | by Dr. Radut