Skip to Content

ENCONTRO LITERARIO CON JUAN JOSÉ LADA VILARIÑO, BROCHE DE OURO DAS XUNTANZAS DOS CLUBS DE LECTURA DO IES AS TELLEIRAS

 

 A tarde do martes 20 de xuño os Clubs de Lectura da Bibliotelleiras tiveron de novo a oportunidade de compartir dúas horas de excelente conversa, anécdotas, risas e bombóns co noso “autor de cabeceira”, Juan José Lada Vilariño, autor da novela El oro de Himmler, a terceira entrega da triloxía que comezou con El tesoro de Artabria, continuou con Las minas de Santa Comba e remata con esta. Tamén desta vez, como xa pasara o curso pasado, as dúas horas de reunión pasaron voando.

Houbo tempo para falar con Juan José sobre os múltiples aspectos da novela, de formularlle as dúbidas que a lectura foi xerando ao longo do curso, de comentarlle as impresións que a historia foi deixando en nós, lectores e lectoras, e ata de preguntarlle se esta ía ser a derradeira entrega ou só a última.

Fíxonos saber que xa ten lista unha nova novela e que, cun xiro de guión, incluirá “sangue”, aspecto que, ávidos e ávidas de suspense e thiller, deixounos xa con ganas de comezar a devorala.

Queremos desde aquí agradecerlle de todo corazón a enorme amabilidade e cortesía coas que responde sempre ás nosas invitacións, os agasallos que sempre trae consigo e a magnífica oportunidade que nos ofrece ao poder contar “en persoa persoalmente”, como diría Catarella, o personaxe de Andrea Camilleri, para compartir con el a nosa experiencia lectora.

Non quixemos deixar pasar la ocasión de facerlle entrega da orixinalísima camiseta que a nosa Vicedirectora, dona Estefanía Mosquera, deseñou este curso e que é un orgullo para todos os e as “Telleiros e Telleiras” que foron e son parte da historia do noso centro.

Así mesmo reiterámoslle o ofrecemento que xa lle fixeramos desde a Bibliotelleiras, tanto a el como a todos e todas os integrantes do colectivo GAF, Grupo de Autores de Ferrolterra, na tertulia literaria que se levou a cabo na Biblioteca Universitaria Casa do Patín de Ferrol no mes de marzo pasado e durante a cal nos fixeron entrega de exemplares das súas obras. Podedes consultar a reseña da tertulia na seguinte ligazón.

A idea é poder levar a cabo, con motivo da celebración do 24 de outubro, “Día das Bibliotecas”, no Salón de actos do centro un encontro de presentación do colectivo para dar a coñecer o labor deste grupo de seis autores de diferentes concellos da zona decididos a sumar forzas para difundir así, de forma colectiva e con apoio mutuo, as súas respectivas obras literarias, ambientadas en localizacións de Ferrolterra, Eume e Ortegal.



blog | by Dr. Radut