Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS CURSO 2022-2023. 8 DE SETEMBRO, XORNADA DE BENVIDA Á BIBLIOTECA AO ALUMNADO DE 1º ESO E 1º BACHARELATO

Para o alumnado de 1º ESO realizouse durante toda a mañá do xoves 8 de setembro, día da presentación, unhas XORNADAS DE ACOLLIDA con distintas actividades encamiñadas a dar a coñecer as instalacións e as distintas actividades que oferta o centro.
No marco destas xornadas o alumnado levou  a cabo a actividade “Coñece a túa Biblio” e realizou unha visita guiada pola Biblioteca onde se lle mostraron as instalacións, se lle deron a coñecer as normas básicas de funcionamento,  se lle informou das propostas de actividades que se levan a cabo ao longo do curso e se lle animou a formar parte dos Clubs de lectura que temos en marcha.
Ao mesmo tempo estivemos encantados de facilitarlles aos alumnos e alumnas calquera tipo de información que solicitaron, resolverlles  dúbidas e mesmo fixemos algunhas fotos que quedarán de recordo desta ocasión.
Organizados por clases e acompañados do seu profesorado, explicámoslles a profunda transformación que experimentou a biblioteca o curso pasado con motivo das obras levadas a cabo pola Consellería de Educación; mostráronse moi curiosos ao saber que gran parte dos espazos que forman hoxe a nosa Bibliotelleiras foran en tempos cuartos e dependencias da “casa do conserxe”, zona que só foi utilizada a tal fin durante uns poucos meses cando o instituto acababa de ser inaugurado aló polo ano 1985.
Chamoulles tamén moito a atención a zona exterior da biblioteca, á que nós cariñosamente  chamamos a “zona chill out”, que esperamos que ao longo deste curso poida ser habilitada e co mobiliario axeitado para ser usada como un espazo de lectura informal, ao aire libre, e onde sexa posible levar a cabo ademais actividades diversas: reunións dos clubs de lectura, encontros con autores e autoras, presentación de libros...
Tamén esa mesma mañá do 8 de setembro o alumnado de 1º Bacharelato de nova incorporación tivo ocasión de percorrer o centro para familiarizarse coas instalacións e un dos puntos de interese foi a visita á biblioteca, onde se lles informou do uso dos espazos, das normas básicas de funcionamento e se lles respondeu ás dúbidas que foron xurdindo durante a visita.
Así mesmo, durante o claustro do día 1 de setembro, o profesorado novo que se incorporou ao centro foi invitado a realizar unha visita á biblioteca, para coñecer as instalacións, os fondos documentais e as posibilidades que a nosa Bibliotelleiras poidan ofertar para o seu labor docente e tamén persoal.
Cómpre destacar que estas visitas resultaron moi interesantes para o alumnado que destacou a amplitude da biblioteca, a boa disposición, luminosidade e excelente ventilación de todos os espazos; así mesmo os máis pequenos quedaron sorprendidos pola grande cantidade de libros e o orde e clasificación dos mesmos.
Foi unha xornada moi agradable para todos e todas  e para nós unha ocasión especial de poder volver a facer in situ esta actividade que, polo motivo do covid e das obras levadas a cabo o verán pasado, no fora posible realizar de novo na propia biblioteca en cursos anteriores.  
Só nos queda dar a benvida a todos os usuarios e usuarias da Bibliotelleiras e queremos facelo da man do grande debuxante Quino, falecido en setembro do 2020, cunha das súas viñetas máis coñecidas.

IN MEMORIAM



blog | by Dr. Radut