Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS. VISITA DE JUAN JOSÉ LADA VILARIÑO, AUTOR DE EL TESORO DE ARTABRIA E LAS MINAS DE SANTA COMBA. XUÑO 2022.

Na tarde do martes 14 de xuño, desde as 16.20 ata as 18.00 horas, o alumnado e profesorado dos Clubs de lectura de “Historias de Ferrolterra” e de “Tecnoloxía e Robótica” tivemos o gusto de recibir na biblioteca do centro a visita do autor de dous das obras que foron obxecto de lectura este curso: El tesoro de Artabria e Las minas de Santa Comba.

Durante dúas horas que pasaron voando o autor, Juan José Lada Vilariño, antigo alumno do noso instituto, fíxonos partícipes das súas primeiras experiencias lectoras, do seu gusto por coñecer a historia de Ferrol e a súa contorna, do seu proceso creativo, dos pasos no mundo da edición, dos recordos da súa infancia e xuventude, do seu desexo de ser escritor e dos proxectos futuros que bulen xa na súa cabeza. E todo isto cunha exposición tan clara, interesante e amena  que  nos fixo gozar dese momento máxico que comparten autor e lectores e as lectoras cando se atopan xuntos por primeira vez.     

Cómpre destacar o interese amosado polo alumnado que, entre preguntas ao autor sobre as novelas, relatos das súas propias experiencias biográficas por Ferrolterra, anécdotas sobre as xuntanzas dos clubs nos tempos de lecer e risas en común, recoñeceu o seu gusto por estas lecturas e o éxito que supuxo a súa elección.

Ao remate da reunión, o autor fíxonos sentir como aos personaxes da súa primeira novela, cando, ao final da súa procura do “tesouro”, reciben da man do profesor de Historia un pequeno agasallo de moedas antigas que, no noso caso, se transformaron en moedas de chocolate.

Antes de despedilo e coa promesa de volvernos encontrar nun futuro próximo, fixémoslle entrega do pin do instituto e dalgúns detalles co logo do centro.

Para pechar este curso o tramo final  dos nosos Clubs de lectura, a tarde do venres 17 o alumnado e profesorado fixemos un percorrido por Ferrol, visitando algúns dos lugares onde transcorre a historia da primeira novela, El tesoro de Artabria, e que son os puntos onde se atopan as pistas que deben localizar os mozos e mozas protagonistas.

Aproveitamos para facer fotos en cada unha das localizacións atopadas e comentar o interese histórico-artístico das mesmas e tamén doutros lugares emblemáticos do Ferrol dos séculos XVIII e XIX que ían saíndo ao paso no noso percorrido.

Rematamos coa degustacións duns xeados no porto de Ferrol e, xa desde aí, regresamos ao punto de partida na Praza de Armas onde nos esperaban as familias do alumnado para dar por pechada a actividade.

Queremos agradecer ao persoal militar do Cuartel de Dolores que nos permitiu facer a visita a Fontelonga, a primeira das nosas etapas, e que nos acompañou moi amablemente durante o percorrido polo recinto.



blog | by Dr. Radut