Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS. 29 DE MARZO 2022. VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL DE NARÓN.

A tarde do martes 29 de marzo, en horario de 16.20 a 18.00 horas, o alumnado de 2º ESO con materia de Investigación e tratamento da información, acompañado do seu profesorado, realizamos a tradicional visita á Biblioteca Municipal do Alto; alí fomos recibidos pola súa encargada, dona Ainhoa González, quen nos acompañou polas instalacións, nos explicou moitos datos de interese, nos permitiu coñecer zonas que non son, habitualmente, de acceso ao público en xeral (como o depósito de libros) e nos animou a todos e todas a facer uso dos recursos que ofrece a biblioteca a toda a comunidade do concello de Narón.
O alumnado tivo a ocasión de comprobar os coñecementos que foron adquirindo durante o curso sobre o funcionamento da CDU e de ver na práctica o funcionamento dun biblioteca  municipal dirixida a toda a veciñanza; o seu interese manifestouse na enorme cantidade de preguntas que fixeron durante todo o percorrido que fixo que o tempo voase literalmente.
Despois de ter interrompido esta actividade por mor da pandemia estes cursos pasados, foi motivo dunha enorme alegría poder volver a realizala; a encargada da biblioteca explicounos tamén os cambios e adaptacións que tiveron que facer tanto no funcionamento como no servizo de préstamo durante os períodos de peche que se viron obrigados a sufrir.
Para nós estar de novo alí supuxo, ademais dunha volta á normalidade, unha agradable ocasión de reencontrarnos co equipo da biblioteca que sempre nos ten recibido con moitísimo afecto e aproveitamos a ocasión para recordar como unha suxestión que fixera o último grupo de alumnado que realizou a visita  foi posta en marcha na  Axencia de Lectura de A Gándara.
Ao final do percorrido despedímonos do persoal da biblioteca agradecéndolle  o seu amable recibimento e co desexo de volver o próximo curso nunha nova visita.

 



blog | by Dr. Radut