Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS. MARZO 2022. PARTICIPACIÓN CIDADÁ.

O día 17 de marzo  os dous representantes dos grupos de 2º ESO A e B con materia de Oratoria  do IES As Telleiras, xunto con alumnado do CEIP Jorge Juan e IES Terra de Trasancos,  cambiaron as aulas polas bancadas da Sala de Plenos do Concello de Narón e transformáronse, por un día, en concelleiros e concelleiras nunha sesión presidida pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e na que tamén estiveron presentes a edil de Benestar Social, Catalina García, e o secretario xeral, Alfonso del Prado.
Os nosos estudantes, representados por Icía María Izquierdo e Hugo Rodríguez, participaran desde o mes de novembro e xaneiro en tres sesións baixo a coordinación de Martín Vázquez Añel, da Escola de Participación Cidadá; a finalidade desta actividade é promover a comunicación entre o concello e a mocidade, canalizando as súas iniciativas e as súas reivindicacións en áreas como o medioambiente, a seguridade viaria, o transporte e o tempo libre.
A sesión final desta actividade tivo lugar na mañá do día 17 de marzo, en horario de 9:00 a 11:00 horas, ocasión na que o noso alumnado participante puido poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso na materia de Oratoria expoñendo en público as iniciativas dirixidas a mellorar o seu concello que debateran na aula; os temas nos que se centraron foron dous: a mellora en seguridade viaria, particularmente nos pasos de peóns, e a reclamación dun espazo onde a mocidade se poida reunir no seu tempo de lecer.
Ao finalizar o acto, a alcaldesa agradeceu a súa participación, animándoos a trasladar ao concello aquelas iniciativas e propostas  que consideren de interese e a implicarse na vida municipal, e posou con todo o grupo para a foto de recordo.
O alumnado recibiu, como mostra de agradecemento do concello,  uns agasallos pola súa colaboración e dispoñibilidade; terminado o acto, foi entrevistado para coñecer a súa opinión sobre o desenvolvemento da actividade e posou no photocall.

Enlaces á noticia:



blog | by Dr. Radut