Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS. CELEBRANDO O ENTROIDO NO IES AS TELLEIRAS. FEBREIRO 2022

O  ENL, a Vicedirección e a Bibliotelleiras quixeron aproveitar o tempo do Entroido para mostrar a cara máis lúdica do noso centro expoñendo no vestíbulo os traballos que o alumnado levou a cabo para celebrar estes días de festa e diversión.
Un magnífico xogo de mesa co “entroido telleiras” como protagonista, rodeado de fermosas carautas de animais e personaxes, e a exposición do concurso de carteis realizados polo alumnado de 4º de ESO con materia de TIC , baixo a coordinación da profesora de Tecnoloxía, Eugenia Fernández, encheron de cores a entrada do instituto dando a benvida ao deus Momo.

O venres de Entroido os distintos grupos da ESO vestiron os seus disfraces, seguindo a proposta de “Tribus urbanas” que fixo Vicedirección, e animáronse a facer actuacións con música e coreografía no exterior do centro ante a atenta mirada do xurado que elixiu as dúas comparsas máis orixinais que recibiron como premio uns agasallos.
Desde a Biblioteca aproveitamos para facer unha interesante proposta lectora con suxestións de obras que animaban a coñecer máis a fondo as orixes desta tradición e novelas que teñen como escenario este tempo de máscaras, disfraces e celebración.

A páxina web do noso instituto quixo saudar a toda a comunidade educativa e desexarlle unhas felices vacacións de Entroido cunha imaxe dos carteis participantes entre os que se seleccionaron dous traballos premiados ex aequo; a Vicedirectora, Cristina González, fixo entrega dos agasallos ás alumnas gañadoras.

 

 

 



blog | by Dr. Radut