Skip to Content

blogue debiblioteca

BIBLIOTELLEIRAS. III CONGRESO GALEGO DE SEGURIDADE E EDUCACIÓN VIARIA DE NARÓN. MAIO 2022

Os días 19 e 20 de maio tivo lugar no Pazo da Cultura o III Congreso Galego de Seguridade  e Educación Viaria;  este encontro foi organizado polo Concello de Narón  e a Rede de Cidades que Camiñan e patrocinado pola  Diputación da Coruña e  a Axencia Galega de Seguridade Pública (Agasp), coa colaboración de outras entidades.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz, acompañada do edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, inagurou o xoves 19 esta nova edición que este ano  tiña como lema da convocatoria “As persoas primeiro”.

Ao longo de estes dous días  a coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan,  Ana Montalbán, foi a encargada de presentar  e dar paso ás diferentes mesas que se foron sucedendo ao longo das xornadas, ás que acudiron preto dun centenar de persoas.

A mañá do venres, día 19 de maio, estivo dedicada á cooperación internacional  e na sesión participaron  dous relatores chegados do exterior, a colombiana Laura Daniela Gómez e o turco Emrah Kocak, nunha mesa moderada por María Pérez Rico.

Na segunda parte desta sesión tomaron  parte Iago Grueiro, alumno do IES Catabois e Javier Oliveira, do IES As Telleiras, en representación das comunidades escolares que participaron no encontro:  As Telleiras, Catabois, Piñeiros, Ponte de Xuvia , A Gándara e Santiago Apóstol.

O representante do noso centro, Javier Oliveira, de 1º ESO, alumno da materia de Mobilidade Segura e Sostible, que é impartida pola profesora de Tecnoloxía Aurora Romar Gasalla, explicou aos asistentes as actividades realizadas este curso 2021-2022.

BIBLIOTELLEIRAS. VERÁN 2022. RECOMENDACIÓNS LECTORAS DESDE A BIBLIOTELLEIRAS.

Xa queda pouco para rematar este curso e a Bibliotelleiras quere encher o verán de recomendacións lectoras que nos farán pasar a tod@s momentos de lecer en contacto coa natureza, xa sexa na praia, no campo, no monte, nas pequenas vilas ou nas grandes cidades, viaxando ao estranxeiro ou quedando na casa.
Os bos libros farán máis desexables eses tempos de lecer que axudarán a descansar, recargar as pilas e volver en setembro con novas forzas e ánimos renovados para afrontar un novo curso.

 

 

 

O RECANTO DA RAPAZADA

     

UNHA CHEA DE PROPOSTAS PARA XENTE MOZA

       

LECTURAS PARA LECTORES E LECTORAS DESDE OS DEZAOITO ATA OS CEN.....

 

       
       

BOAS VACACIÓNS E BOAS LECTURAS!!!!!!!

 

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2022. DOMINGO VILLAR. IN MEMORIAM.

O  día 18 de maio, un día despois da celebración das Letras Galegas, deixounos Domingo Villar,  a quen todos os que o coñeceron definían no só como un escritor de calidade formidable, senón tamén  como un home bo no mellor sentido da palabra, un grande amigo dos seus amigos e un namorado de Galicia.

A súa perda deixa orfo ao comisario Caldas, o seu inesquecible personaxe,  e a toda a comunidade lectora que tivo o pracer de gozar das historias que narraba ao pé dese Atlántico vigués  que tanto amou e que converteu  nun referente literario e persoal.

O IES As Telleiras quere renderlle un profundo recoñecemento ao autor que acompañou e acompaña ano a ano, curso a curso, o itinerario lector de 1º Bacharelato coa proposta lectora da súa novela A praia dos afogados .

Xeracións de alumnos e alumnas peregrinaron á nosa Bibliotelleiras á procura dun dos exemplares desta obra que o Departamento de Lingua e Literatura Galega considerou sempre unha aposta segura como lectura do 2ª trimestre.

E como esquecer que Ollos de auga estreou un club de lectura que botaba a andar hai xa moitos anos no centro, coa banda sonora de Charlie Parker de fondo.

Quédanos a pena de verte marchar tan cedo, tanto que o título da túa novela, O último barco, parece hoxe unha escura premonición; pero déixasnos en herdanza o teu eterno alter ego, o fume do seu tabaco, o arrecendo das comidas no Bar Puerto e na taberna de Eligio, as noites de radio, os grolos de bo viño, as conversas cos amigos, a súa melancolía...

Sabemos que, onde queira que esteas, estarás sempre xa na compaña de bos e vellos amigos: Andrea Camilleri, que nos deixou tamén hai pouco, Vázquez Montalbán e outros moitos mestres que xogaredes na Primeira División da novela negra, o thriller, o giallo... xa sexa en galego, en castelán, en italiano...

No Olimpo da nosa Bibliotelleiras, Domingo, terás sempre un merecidísimo posto de honra, e na nosa memoria, o eterno agradecemento polas moitas horas de boa lectura que nos fixeches gozar.

 

 

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2022. DÍA DAS LETRAS GALEGAS 17 DE MAIO.

O IES As Telleiras, desde a Biblioteca e en colaboración coa Vicedirección e o ENL, quixo render homenaxe ao escritor ao que a Real Academia da Lingua Galega  elixiu este ano 2022.
A figura  de Florencio Delgado (Córgomo, Valdeorras 1903-Fair Oaks, EEUU 1987), republicano e galeguista,  encarnou o activismo cultural dos galegos que tiveron que exiliarse en México e que tenderon pontes co exilio interior.

A súa obra poética está chea de sensualidade e revela o seu compromiso político: Bebedeira (1934), Cancioneiro da loita galega (1943), Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981) e O soño do Guieiro (1986).
Durante a semana previa ao día 17 unha exposición de carteis informativos no vestíbulo do centro foi dando a coñecer a vida e obra do poeta, ao tempo que outro panel deixaba constancia dalgúns dos máis interesantes e coñecidos poemas da súa produción.

O día 16, durante o primeiro tempo de lecer, un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato puxeron voz a poemas escollidos de Florencio Delgado, nun acto de honra e homenaxe ao poeta ourensán.

 

BIBLIOTELLEIRAS. ABRIL 2022. DÍA DO LIBRO 23 DE ABRIL.

Chegou o 23 de abril e con esta data a ocasión de homenaxear tamén este ano aos protagonistas desta festa: os libros, a lectura e os autores e autoras que coa súa imaxinación enchen as nosas vidas.

O IES As Telleiras non quixo deixar pasar esta  festividade e aproveitou para levar a cabo algunhas actividades nas que colaboraron activamente o Departamento de Lingua e Literatura Castelá, o ENL e a Bibliotelleiras.

Levamos a cabo na sala grande de lectura da biblioteca unha exposición con libros de  biografías, pertencentes aos nosos fondos bibliográficos:

GRANDES BIOGRAFÍAS: MULLERES E HOMES QUE FIXERON HISTORIA

Tratábase de dar visibilidade a un tipo ou subxénero literario-histórico do que contamos na nosa biblioteca con moitos exemplares que van desde a filosofía á música, pasando pola historia, a ciencia, as artes e a literatura, pero que nos últimos anos parecen estar un pouco relegados nas escollas lectoras.

Neste percorrido bibliográfico quixemos facer un apartado especial dedicado ás biografías de autoras e autores galegos: Fray Martín Sarmiento, María Mariño, Ramón Piñeiro, Xaquín Lorenzo, Roberto Blanco Torres, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo; Celso Emilio Ferreiro, Lugrís Freire, Siro López, Calros Rodrígez Silvar, Bieito Marín...

GRANDES BIOGRAFÍAS: APRENDENDO DEL@S, APRENDENDO CON EL@S

 

No vestíbulo do instituto un panel recordatorio do Día recordaba tamén frases famosas sobre libros, lecturas e bibliotecas.

O Departamento de Lingua e Literatura Castelá levou a cabo unha exposición de carteis (portadas de xornais) con textos, en ton humorístico, elaborados polo alumnado de 2º ESO (os tópicos literarios) e 4º ESO (Modernismo, Generación del 98 e Vanguardias) e 1º Bacharelato (Renacemento e Barroco) baixo o título

“TELLEIRAS TODAY. DIARIO SATÍRICO PARA AMANTES DE LA LITERATURA”.

O venres 22, no segundo tempo de lecer, un alumno de 1º ESO, Javier Oliveira Díaz, puxo voz na biblioteca a un fragmento da novela A balada dos unicornios, de Ledicia Costas; con esta lectura en voz alta quixemos homenaxear este día e, ao escoller esta obra, o alumno fixo unha mostra especial de afecto ao libro que leu no Club de lectura este ano.

 

BIBLIOTELLEIRAS. 29 DE MARZO 2022. VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL DE NARÓN.

A tarde do martes 29 de marzo, en horario de 16.20 a 18.00 horas, o alumnado de 2º ESO con materia de Investigación e tratamento da información, acompañado do seu profesorado, realizamos a tradicional visita á Biblioteca Municipal do Alto; alí fomos recibidos pola súa encargada, dona Ainhoa González, quen nos acompañou polas instalacións, nos explicou moitos datos de interese, nos permitiu coñecer zonas que non son, habitualmente, de acceso ao público en xeral (como o depósito de libros) e nos animou a todos e todas a facer uso dos recursos que ofrece a biblioteca a toda a comunidade do concello de Narón.
O alumnado tivo a ocasión de comprobar os coñecementos que foron adquirindo durante o curso sobre o funcionamento da CDU e de ver na práctica o funcionamento dun biblioteca  municipal dirixida a toda a veciñanza; o seu interese manifestouse na enorme cantidade de preguntas que fixeron durante todo o percorrido que fixo que o tempo voase literalmente.
Despois de ter interrompido esta actividade por mor da pandemia estes cursos pasados, foi motivo dunha enorme alegría poder volver a realizala; a encargada da biblioteca explicounos tamén os cambios e adaptacións que tiveron que facer tanto no funcionamento como no servizo de préstamo durante os períodos de peche que se viron obrigados a sufrir.
Para nós estar de novo alí supuxo, ademais dunha volta á normalidade, unha agradable ocasión de reencontrarnos co equipo da biblioteca que sempre nos ten recibido con moitísimo afecto e aproveitamos a ocasión para recordar como unha suxestión que fixera o último grupo de alumnado que realizou a visita  foi posta en marcha na  Axencia de Lectura de A Gándara.
Ao final do percorrido despedímonos do persoal da biblioteca agradecéndolle  o seu amable recibimento e co desexo de volver o próximo curso nunha nova visita.

 

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2022. LOS PELIGROS DE LA VÍA

O noso alumnado de 4º da ESO na materia de TIC levou a cabo este ano unha actividade relacionada coa Educación Vial con tan bos resultados que decidiron presentalo aos Premios Nacionales de Cortometrajes de Educación Vial organizados pola DGT e a Fundación RACE.

O resultado deste traballo é o vídeo titulado "Los peligros de la vía", que se atopa na seguinte ligazón. Se vos gusta podedes votar por el.

 

BIBLIOTELLEIRAS. MARZO 2022. PARTICIPACIÓN CIDADÁ.

O día 17 de marzo  os dous representantes dos grupos de 2º ESO A e B con materia de Oratoria  do IES As Telleiras, xunto con alumnado do CEIP Jorge Juan e IES Terra de Trasancos,  cambiaron as aulas polas bancadas da Sala de Plenos do Concello de Narón e transformáronse, por un día, en concelleiros e concelleiras nunha sesión presidida pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e na que tamén estiveron presentes a edil de Benestar Social, Catalina García, e o secretario xeral, Alfonso del Prado.
Os nosos estudantes, representados por Icía María Izquierdo e Hugo Rodríguez, participaran desde o mes de novembro e xaneiro en tres sesións baixo a coordinación de Martín Vázquez Añel, da Escola de Participación Cidadá; a finalidade desta actividade é promover a comunicación entre o concello e a mocidade, canalizando as súas iniciativas e as súas reivindicacións en áreas como o medioambiente, a seguridade viaria, o transporte e o tempo libre.
A sesión final desta actividade tivo lugar na mañá do día 17 de marzo, en horario de 9:00 a 11:00 horas, ocasión na que o noso alumnado participante puido poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso na materia de Oratoria expoñendo en público as iniciativas dirixidas a mellorar o seu concello que debateran na aula; os temas nos que se centraron foron dous: a mellora en seguridade viaria, particularmente nos pasos de peóns, e a reclamación dun espazo onde a mocidade se poida reunir no seu tempo de lecer.
Ao finalizar o acto, a alcaldesa agradeceu a súa participación, animándoos a trasladar ao concello aquelas iniciativas e propostas  que consideren de interese e a implicarse na vida municipal, e posou con todo o grupo para a foto de recordo.
O alumnado recibiu, como mostra de agradecemento do concello,  uns agasallos pola súa colaboración e dispoñibilidade; terminado o acto, foi entrevistado para coñecer a súa opinión sobre o desenvolvemento da actividade e posou no photocall.

Enlaces á noticia:

BIBLIOTELLEIRAS. 8 DE MARZO 2022, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Co gallo da Celebración Internacional do Día da Muller o 8 de marzo de 2022, a Bibliotelleiras levou a cabo na sala de lectura unha exposición de materiais bibliográficos procedentes dos nosos fondos baixo o título “Artellando feminismo”, unha mirada sobre a historia deste movemento, e sobre as variadas opinións en torno a un tema que resulta esencial para a convivencia. Trátase de achegar ao alumnado e a toda a comunidade escolar en xeral obras que nos axudan a seguir formándonos e van dirixidas por igual a mulleres e homes que queren vivir en igualdade e traballar por ela.
Durante a mañá do día 8, nos dous tempos de lecer, un grupo de alumnos e alumnas da ESO  botoulle moitas ganas e moito ánimo  e animouse a facer chapas con deseños que o Departamento de Plástica previamente ideara sobre a conmemoración desta data e tamén sobre un non rotundo á guerra e  coas cores de Ucraína; posteriormente estas chapas foron repartidas entre todo o alumnado, o profesorado e o persoal non docente con gran éxito de acollida e  participación.

 

Agradecemos tamén  o traballo de colaboración do coordinador do Club de Ciencia, Manuel Couceiro, quen se encargou de poñer en marcha e supervisar a montaxe e funcionamento  do aparello de facer chapas xa desde días antes para que todo resultase sen problemas.
Así mesmo taboleiro do vestíbulo vestiuse de cor morada para acoller unha proposta do ENL sobre “Grandes mulleres tan brillante como descoñecidas”.

BIBLIOTELLEIRAS. CELEBRANDO O ENTROIDO NO IES AS TELLEIRAS. FEBREIRO 2022

O  ENL, a Vicedirección e a Bibliotelleiras quixeron aproveitar o tempo do Entroido para mostrar a cara máis lúdica do noso centro expoñendo no vestíbulo os traballos que o alumnado levou a cabo para celebrar estes días de festa e diversión.
Un magnífico xogo de mesa co “entroido telleiras” como protagonista, rodeado de fermosas carautas de animais e personaxes, e a exposición do concurso de carteis realizados polo alumnado de 4º de ESO con materia de TIC , baixo a coordinación da profesora de Tecnoloxía, Eugenia Fernández, encheron de cores a entrada do instituto dando a benvida ao deus Momo.

O venres de Entroido os distintos grupos da ESO vestiron os seus disfraces, seguindo a proposta de “Tribus urbanas” que fixo Vicedirección, e animáronse a facer actuacións con música e coreografía no exterior do centro ante a atenta mirada do xurado que elixiu as dúas comparsas máis orixinais que recibiron como premio uns agasallos.
Desde a Biblioteca aproveitamos para facer unha interesante proposta lectora con suxestións de obras que animaban a coñecer máis a fondo as orixes desta tradición e novelas que teñen como escenario este tempo de máscaras, disfraces e celebración.

A páxina web do noso instituto quixo saudar a toda a comunidade educativa e desexarlle unhas felices vacacións de Entroido cunha imaxe dos carteis participantes entre os que se seleccionaron dous traballos premiados ex aequo; a Vicedirectora, Cristina González, fixo entrega dos agasallos ás alumnas gañadoras.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut