Skip to Content

blogue debiblioteca

BIBLIOTELLEIRAS. DECEMBRO 2021. NADAL NAS TELLEIRAS.

Con motivo das festas de Nadal o vestíbulo do noso centro encheuse cunha extraordinaria decoración propia deste tempo,  froito do traballo do equipo directivo e do Departamento de Plástica e que foi todo un éxito entre o alumnado.

Así mesmo desde a Vicedirección e a Biblioteca púxose en marcha a iniciativa dun “Concurso de postais  do Nadal“ entre o alumnado e que tivo unha resposta moi positiva sobre todo nos niveis de 1º e 2º da ESO.

Os requisitos especificaban que as postais debían ser elaboradas utilizando distintos materiais reciclables, de forma artesá, representando o Nadal (figura, persoa ou obxecto típico destas festas) e incluíndo unha mensaxe de felicitación en lingua galega.

As propostas foron entregadas e recollidas nunha caixa na Bibliotelleiras, colocada a tal efecto; de todas as postais presentadas un xurado formado por profesorado do centro escolleu como gañadoras as tres mellores, cuxas autoras recibiron como premio un agasallo á volta das vacacións de mans da Directora, a Vicedirectora e a Coordinadora da Biblioteca.

O 21 de decembro, día previo ás vacacións, tivo lugar o tradicional “Concurso de Portas de Nadal” nas aulas da ESO (1º, 2º e 3ª); o alumnado dedicou as primeiras horas da  mañá a decorar  as portas e as aulas con moita imaxinación  e creatividade.

 Un xurado formado por profesorado e membros da comunidade educativa elixiu as portas gañadoras ao final da xornada.

Estas actividades completáronse con outras como Photocall  (sesión de fotos) no patio exterior, baile e karaoke no ximnasio, música no vestíbulo e liga de brilé no pavillón.

O alumnado de 4º da ESO e Bacharelato dedicaron as primeiras horas do día a impartir clases e/ou levar a cabo xogos de aula ( Que son?, Tutti frutti, Alto ou Lapis).

BIBLIOTELLEIRAS 25 DE NOVEMBRO 2021 DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

AS HERMANAS MIRABAL, “ AS BOLBORETAS”.

O 25 de novembro de 1960, os corpos das tres irmás Mirabal foron atopados no fondo dun cantil na costa da República Dominicana.

Aquel acontecemento, que foi vendido á prensa como un tráxico accidente por Trujillo, o ditador dominicano que deu a orde de acabar con elas, contribuíu a espertar a conciencia entre a poboación, que culminou, seis meses despois, co asasinato do tirano.

En honra a estas tres valentes irmás  asasinadas a golpes e que se converteran en auténticas heroínas da loita clandestina antitrujillista, conmemórase cada ano nesta data o Día Internacional para a eliminación da violencia de Xénero, aprobado por la Asemblea Xeral da ONU en decembro de 1999.

A xuventude constitúe un grupo especialmente vulnerable á violencia de xénero, e é por iso  que desde os centros educativos cómpre que sigamos traballando para que mozas e mozos identifiquen y rexeiten condutas sexistas que ás  veces se toleran ou xustifican, e que a largo, ou incluso a medio prazo, poden desembocar en relacións violentas.

Todas as formas de violencia aliméntanse dos mesmos problemas de valores, dos mesmos estereotipos caducos e dos mesmos mitos enganosos que desgraciadamente a poboación máis nova parece estar reproducindo de maneira preocupante.

O primeiro paso para previr a violencia de xénero pasa por evitar os pasos que se inician baixo as referencias dunha cultura machista, e polo tanto, para erradicar calquera forma de violencia, a solución reside na educación.

O respecto, a liberdade e a igualdade son tres dos piares básicos nos que centrar esa educación.

A xuventude de hoxe, que será a protagonista da sociedade do mañá, debe comprender, coñecer e identificar a violencia de xénero, recoñecendo as primeiras sinais do maltrato e dos maltratadores; deste xeito converterase en protagonista do logro dunha sociedade libre de violencia contra as mulleres: apoiando a quen a sofre e rexeitando actitudes e estereotipos que a promoven ou a xustifican, desde el convencemento de que a igualdade real entre mulleres e homes e o respecto pola dignidade dos  demais son imprescindibles e útiles para a súa convivencia pacífica na sociedade.

O IES As Telleiras uniuse aos actos  para conmemorar esta data tan significativa e para sensibilizar a toda a comunidade educativa; a Bibliotelleiras e os vestíbulos dos dous edificios do  centro convertéronse  en espazos de acción e reflexión sobre   la erradicación de calquera tipo de discriminación e de violencia.

Grandes carteis de información sobre a orixe desta data, paneis onde o alumnado deixou as súas mensaxes de reivindicación  e reparto de lazos morados durante os tempos de lecer encheron o centro o xoves 25 de novembro, todo isto presidido pola nosa gran “Árbore das bolboretas”, un proxecto de debuxos e deseños impulsada polo profesorado de Plástica entre o alumnado de 1º e 3º de ESO  e coordinada desde a Vicedirección e a  Biblioteca para dar visibilidade ao alcume das mulleres, as irmás Mirabal, ás que a data de cada 25 de novembro honra pola súa valentía e firme  determinación na defensa das liberdades.

Tras a recollida das aportacións extraordinarias que fixo o alumnado, fixemos a entrega dun pequeno agasallo doce a todos e todas as participantes e o luns 29 realizouse a e selección  entre os traballos presentados para facerlles entrega de tres premios ás tres mellores “bolboretas” de mans da Directora, Vicedirectora e Coordinadora de Biblioteca.

Desde a Bibliotelleiras queremos dar as grazas a todas e todos pola súa xenerosa colaboración na celebración desta data e esperamos que o noso gran de area sexa no futuro unha semente que agrome na sociedade.

BIBLIOTELLEIRAS NOVEMBRO 2021. XA CHEGOU O SAMAÍN!

Aproveitamos a chegada do mes de novembro para levar a cabo na nosa Bibliotelleiras unha exposición dos máis arrepiantes libros de medo que durante o ano  permanecen agochados nos andeis da nosa biblioteca cunha montaxe digna das películas,  chea de teas de araña, espectros, morcegos, caveiras, esqueletos... que desde a mesma porta da biblioteca daban a benvida de xeito terrorífico. O título no puido ser máis revelador: MESTRES E MESTRAS DO TERROR.

Dámoslles así a ocasión, cada ano, de saír como almas en pena estes días de outono  á procura de valentes lectores e lectoras que quedan abraiados coas súas historias de medo, se responden á invitación de abrir as súas páxinas coa promesa de que non se arrepentirán. 

Ao mesmo tempo cun concurso de cabazas entre o alumnado de 1º de ESO enchemos o vestíbulo do centro das máis orixinais e vistosas aportacións (ata un número de vinte e oito), que foron chegando á biblioteca durante estes días.
Entre tanta cantidade e tan boa calidade de traballos presentados, ao xurado, que estivo formado por alumnado, profesorado e persoal non docente, fíxoselle moi  difícil a elección das tres cabazas gañadoras.
Tras arduas deliberacións, os premios foron entregados aos gañadores e gañadoras da man da coordinadora de EDLG durante o segundo tempo de lecer.
Tivemos tamén a oportunidade, grazas á organización da Vicedirección, de levar a cabo un magosto nos exteriores do centro coa presenza dun castañeiro que nos fixo gozar das castañas quentiñas nos dous tempos de lecer; e todo foi amenizado por un grupo de dous gaiteiros e unha pandereteira, tres alumnos do centro que con pezas tradicionais lle puxeron unha magnífica banda sonora a este día.
Todos e todas os participantes no concurso así como  o alumnado de 2º de Bacharelato que axudou na organización dos eventos e os artistas musicais   foron agasallados cunha pequena invitación na cafetería do centro.

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut