Skip to Content

Educación Infantil

Festa fin de curso - Xuño 2016

22/06/2016 09:00
22/06/2016 14:00

Fomos chegando arredor das 10. Ás 10 e cuarto comezaron a súa actuación dúas magas, Leo e Cris. Sacaron un roedor dun papel que ardía, fixeron que un cabalo branco pintado nunha tea se convertira en negro, que unha nena sacara auga do seu cóbado… e moitos trucos máis. Sacaron a Valeria e Martín.

 

Despois xuntámonos por escolas e xogamos ao circuíto, no que había que reptar, correr, saltar, andar ás voltas e coller un globo e metelo nun contedor. Tamén xogamos ao paracaídas, ao pano, a xogos de auga, por relevos, nos que había que enchoupar unha esponxa e baleirala nunha botella. Ata xogamos a xogos de balón montamos nos inchables.

 

Cando rematamos comemos o que trouxeron as familias e fomos marchando, logo de despedirnos.

Ata o próximo curso!!!

 

Obra de teatro "O bigote de Mimí" - Maio 2016

19/05/2016 09:00
19/05/2016 14:00

Imos todo o CRA, en dúas sesión, ao Polivalente do Concello do Rosal para ver a representación da obra de teatro de Manuel María “O bigote de Mimí” que fai o grupo Lucecús.

Ás 10 da mañá foron as escolas de Couso, Tabagón e Fornelos, e ás 11h foron Novás, Marzán e Pías.

Na representación participaron varias alumnas e alumnos do CRA. Isto sucedeu coa escena na que o neno Fiz ve como ao seu pai o afeita Manuel de Paderna, o barbeiro. Logo representaron o momento no que Fiz decide afeitar ao gato Mimí, imitando así ao barbeiro.

Cando rematou a representación as nenas e nenos dalgunhas escolas volveron ás súas localidades e outros agrupáronse na localidade de Couso.

Esta actuación foi unha maneira de conmemorar o día das Letras Galegas, xa que este ano foi adicado ao autor Manuel María.

 

Concerto de Mamá Cabra - Maio 2016

06/05/2016 09:00
06/05/2016 14:00

Imos ata Vigo para ver o espectáculo musical de Mamá Cabra titulado "15 Primaveras". O concerto ten lugar no auditorio da Afundación.

Menudo día de chuvia que nos tocou... E é que estaba prevista unha visita a VigoZoo antes do concerto, pero por culpa do tempo tivemos que suspendela. Por sorte puidemos disfrutar do espectáculo visual e musical que tiñan preparado para nós os artistas de Mamá Cabra. Compartimos cancións, palmas e risas con nenas e nenos de moitos colexios diferentes.

Por fin o espectáculo pagou a pena. Pasámolo moi ben!!!

 

Lipdub CRA - Maio 2016

01/05/2016 09:00
31/05/2016 14:00

Un lipdub é un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seus beizos, xestos e movementos cunha canción. E no CRA facemos un vídeo así coa canción "Meu o mundo é!", de "Brinca Vai!".

Cada escola toma as imaxes da súa parte da canción e monta a coreografía que máis lle gusta. Ao remate xuntamos todas esas pequenas partes nun vídeo completo e temos finalmente o noso propio lipdub.

Moito ensaio, moito escoitar a canción e moita creatividade para decidir que facer en cada escola... Moitas grazas pola enerxía e gañas postas para facelo. O resultado paga ben a pena!!!

Por certo as mestras e mestres tamén teñen un oco neste vídeo, xa veredes...

 

Contacontos con Bea Campos - Abril 2016

01/04/2016 09:00
01/04/2016 12:00

Bea apareceu na biblioteca con David González, que tocaba o acordeón, e comezaron a contar contos!!!

O primeiro foi “Garavanciño”. Cantamos a canción de “Pachín, pachán…”. Despois contaron “Viaxar en pixama”, que falaba dun neno que non quería durmir e ao que a nai dixo que contara un conto para que lle entrara o soño. Logo paseou con pingüíns. Despois “Chibos chibóns”. Era unha historia de tres chibos que querían cruzar unha ponte para comer herba. Na ponte estaba un ogro xigante. Nas paredes da biblioteca temos dous debuxos desta historia. Tamén de Garavanciño. Máis tarde contaron “Un agasallo diferente”, que contaba a historia de Marcelo e Tristán. Era o cumpre de Marcelo e lle pediu a Tristán unha buxaina. Pero Tristán tróuxolle un anaco de tea que lle sobrara dunhas cortinas. Marcelo chorou. Pero fixeron unha viaxe e déronse conta de que a tea podería converterse en moitas cousas. Por último contaron “Lúa” con instrumentos musicais que nos repartiron: xilófono, pedras, anacos de troncos, paos, triángulo, pandeiretas, latas, ovos, cuncas, axóuxere.

 

Obradoiro de percusión con refugallo - Marzo 2016

14/03/2016 09:00
15/03/2016 14:00

Esta actividade está desenvolvida por José Troncoso, de “Tía de alquiler”, unha entidade ubicada en Baiona. Lévase a cabo no Polivalente do Concello do Rosal dous días consecutivos. As nenas e nenos están divididos en 6 obradoiros separados por idades para poder sacar o máximo proveito da actividade individualizando os contidos e metodoloxías.

As nenas e nenos do CRA pasárono xenial. Gozaron con diferentes materiais de refugallo, que aprenderon a reutilizar para producir diferentes sons e, incluso, para facer música con eles. Os materiais utilizados foron cubos de pintura de diferentes materiais e tamaños, varas de vasoira, globos, mangueiras, botellas de plástico…

Foi unha actividade, inda que breve, moi divertida e dinámica na que as nenas e nenos traballaron, sobre todo, a área de educación artística (música e plástica) e, como non, a imaxinación, creatividade e o valor de coidar o noso medio natura reutilizando materiais.

 

Contacontos con Paco Nogueiras - Febreiro 2016

29/02/2016 09:00
29/02/2016 14:00

As nenas e nenos do CRA acudimos á Biblioteca Municipal do Rosal para desfrutar dun contacontos con Paco Nogueiras. Contounos varios contos curtos acompañados de música en directo e recollidos no libro titulado “Cantarolas”.

Estivo xenial! Pasámolo moi ben!

 

Entroido - Febreiro 2016

04/02/2016 09:00
04/02/2016 14:00

Celebramos o Entroido todas e todos xuntos na escola de Novás. Alí facemos un desfile por colexios onde as familias poden ver os disfraces que traballaron as nenas e nenos para este día. Todo isto acompañado de música e moita diversión. Despois podemos comer moitas cousas ben ricas que traen as familias para a merenda especial deste día. É unha xornada de festa para desfrutar!

Este ano o tema foron os musicais: "Mary Poppins" (Couso), "Alicia en el País de las Maravillas" (Fornelos), "Cantando Bajo la Lluvia" (Marzán), "Grease" (Novás), ABBA (Pías) e "Cats" (Tabagón).

A semana do entroido fomos recibindo instrucións do "meco" para ir a clase con disfraces: con algo pintado na cara, cun adorno no pescozo, un elemento con flores...

 

Día da Paz - Xaneiro 2016

20/01/2016 09:00
20/01/2016 14:00

Coma o día estaba moi nubrado, non fomos ao Auditorio. Ademais non ía haber concerto educativo. Así que as nenas e nenos do CRA celebramos o Día da Paz cadaquén na súa escola.

Fixemos carteis coa palabra paz en distintos idiomas, decorámolos ao noso gusto e estivemos mirando na esfera do mundo onde estaba situado o país no que se falaba cada un dos idiomas nos que aprendemos a palabra "paz".

En Fornelos escoitaron cancións da paz do libro e disco “A bruxa Discordia”. Os carteis da paz que fixeramos estaban en alemán, inglés, romanés, italiano, catalá, éuscaro, xaponés, chinés, árabe, wolof, hebreo, francés, aimara, kurdo, ruso e lituano.

Tamén cantamos a canción de “No niño novo do vento”, sobre todo a parte de “…quen poidera namorala…”.

Logo vimos a película “Do revés”.

 

Concurso fotográfico "Un bo lugar para ler..." - Xaneiro e Febreiro 2016

08/01/2016 00:00
05/02/2016 13:00

O concurso fotográfico “Un bo lugar para ler…” está aberto á participación das alumnas e alumnos matriculados no CRA María Zambrano de O Rosal, permitíndose a colaboración dalgún familiar ou adulto na realización desta fotografía.
Cada participante pode mandar ata dúas fotografías orixinais e inéditas, realizadas con técnica libre e aparecendo, en calquera caso, na fotografía.

Establécense tres categorías diferentes: á fotografía máis orixinal, á máis artística e á máis divertida.
O tema do concurso é a imaxe de alguén lendo un libro nun lugar especial (tanto exterior coma interior), polo que deben apreciarse estes tres elementos (quen le o libro, o lugar no que se le e o libro).

O prazo de admisión de traballos comeza o 8 de xaneiro de 2016 e remata o 22 de xaneiro de 2016. A decisión sobre as fotografías gañadoras ten como prazo máximo o 29 de xaneiro de 2016. O anuncio público e entrega de premios é o día 5 de febreiro do 2016, como parte das actividades do día da Festa de Entroido do CRA María Zambrano.

Distribuir contido


by Dr. Radut