Viaxe musical a Santiago de 3º e 4º de ESO


Os alumnos e alumnas de Música de 3º e 4º de ESO viaxaron a Santiago para asistir ó espectáculo “El Pop Rock Español”, un concerto didáctico que La Armónica Invisible presentou no colexio La Salle da capital galega.

Os integrantes deste grupo mostraron unha panorámica da evolución do xeralmente coñecido como Pop Rock, desde a época do “Spain is different” ata finais do século XX. Cincuenta anos de música condensados en vinte cancións dos intérpretes, bandas ou grupos máis representativos, acompañadas dos respectivos comentarios referidos ó ámbito musical, pero tamén ós cambios sociais, ás diferentes modas e formas de vestir e de pensar que diferenciaron claramente cada década.

Bastante mérito para La Armónica Invisible, que foron capaces de interpretar e caracterizar estilos tan diferentes como os de Teen Tops, Dúo Dinámico, Sirex, Brincos, Concha Velasco, Bravos, Miguel Ríos, Tequila, Mecano, Radio Futura, Alaska, Miguel Bosé, El último de la fila, Ketama, Jarabe de palo, M Clan, Alejandro Sanz, Estopa ou El canto del loco.

O noso alumnado vibrou con cada tema interpretado, sendo dos máis aplaudidos Black is Black, de Bravos, e Salta, de Tequila.