MESA REDONDA SOBRE PLURILINGÜISMO INCLUSIVO

Hoxe, no Salón de actos do noso centro terá lugar unha actividade sobre plurilingüismo inclusivo organizada polo equipo de dinamización lingüistica do CPI Antonio Orza Couto.

É unha actividade moi interesante e que está dirixida a toda a comunidade educativa.  

Animádevos a asistir

UNHA EXPOSICIÓN PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Promovido pola biblioteca e coa implicación dos distintos departamentos, o alumando puido participar nos obradoiros de escrita de haikus realizados nas clases de Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés e Francés. Ilustráronos na clase de Plástica.

O resultado estará exposto durante o mes de abril na entrada do edificio de Secundaria.

OBRADOIRO DE BENESTAR EMOCIONAL

O Servizo de Prevención de Condutas Adictivas de Boqueixón, Teo e Touro, en colaboración coa Consellería de Sanidade vai desenvolver próximamente no noso centro un Obradoiro de Benestar Emocional destinado a favorecer a intelixencia emocional do alumnado fomentando a autoestima e a xestión das emocións como ferramentas para potenciar o seu rendemento académico.

Coidamos que o aproveitarán ao máximo!!

SPRING WEEK

Spring Class part one finally finished!! | Skillshare Student Project

O noso centro foi seleccionado pola Consellería de Educación para participar no programa de inmersión lingüística Springweek. Trátase dunha estadía de 6 días nun campamento para a aprendizaxe activa da lingua inglesa que se desenvolverá no lugar dos Peares, na provincia de Lugo xunto con estudantes doutros centros de toda Galicia. A activade terá lugar dende a tarde do domingo 23 de abril ata o a mañá do sábado 29 de abril e o curso seleccionado é 3º de ESO.

No seguinte documento podedes consultar a información completa sobre o programa:

- Dossier informativo

Tamén podedes consultar a información e ver as instalacións no seguinte enlace:

- Springweek - PEARES

É unha actividade totalmente gratuita prevista para todo o alumnado de dito curso. Con todo, o número máximo de participantes é de 25, polo que ao haber un número de alumnos e alumnas superior no noso centro, necesitamos confirmar a disponibilidade e compromiso para a participación.  O alumnado interesado en participar deberá confirmar o seu interese entregando a Autorización para o tratamento do uso de imaxes e vídeos necesario para a actividade ata o xoves 16 de marzo. En caso de haber máis solicitudes que prazas deberá facerse unha selección do alumnado.

- Autorización

PROCESO DE ADMISIÓN - NOVO ALUMNADO CURSO 2023/24

INFORMACIÓN SOBRE O PROCESO DE ADMISIÓN

1. Vacantes     

2. Instrucións xerais
3. Normativa reguladora
4. Zonas de influencia
5. Criterio complementario
5. Rutas transporte
6. Anexo II ED550B-Solicitude de admisión- Autocompletable

NOTA INFORMATIVA:  TODO O ALUMNADO QUE PRESENTOU A SOLICITUDE DE ADMISIÓN FOI ADMITIDO

NIVEL VACANTES SOLICITUDES

   INFANTIL

19 15
   1º PRIMARIA 6 3

   2º PRIMARIA

3 0
   3º PRIMARIA 5 0
   4ºPRIMARIA 7 0
   5ºPRIMARA 2 0
   6º PRIMARIA 4 0
   1º ESO 10 0
   2º ESO 1 0
   3º ESO 8 0
   4º ESO 29 0

XOGADE. TORNEO INTERCENTROS DE VOLEIBOL

O mércores 29 de marzo 84 alumnos e alumnas de Secundaria participaron no torneo intercentros de Voleibol organizado polo programa XOGADE no que competiron con alumnos e alumnas de Frades, Touro, O Pino e Trazo.

Foi unha xornada de lecer e deportiva na que comportiron experiencias con alumnado doutros centros.

Os nosos rapaces e rapazas conseguiron o primeiro posto en 1º e 3º de ESO cos equipos formados por:

1º ESO : Dani Cereijo, Mara López, Manuel Rey e Simón Rouco

3º ESO: Damián Castro, Hugo Cereijo e Andrés Devesa

Parabéns a todos!!!

Podedes consultar a clasifiación na segunte ligazón.

TORNEO EUROPEO DE FUTBOL GAÉLICO EN BERLÍN. EUROPEAN FÉILE

Un grupo de 20 alumnos e alumnas de 3º de ESO veñen de desputar un torneo europeo de Futbol Gaélico en Berlín, no que competiron con equipos de distintos paises de Europa representando a Galicia.

A actividade promovida polo Departamento de Educación física e xestionada pola Asociación Galega de fútbol Gaélico, desenvolseuse na fin de semana do 24 marzo. 

Tras varios meses de adestramento o alumnado non chegou a alcanzar as semifinais pero voltou cun merecido trofeo á deportividade polo bo traballo desenvolvido como grupo.

Como centro, non podemos estar máis orgullosos dos noso rapaces e rapazas que voltaron coa mochila cargadiña de experiencias, sen dúbida, inesquecibles para eles.

Parabéns a todos e todas!!!

II CONCURSO HUMORÍSTICO

No CPI Antonio Orza Couto presentamos unha nova edición do noso  concurso humorístico destinado ao alumnado de todas as etapas educativas (Infantil, Primaria e Secundaria).
O alumnado poderá contar as súas mellores historias, os chistes mais graciosos e as ocorrencias máis cómicas da súa temática preferida, en galego. Todo isto cun só obxectivo: facer que as/os espectadoras/es escachen coa risa!

Para iso, terán que gravar un vídeo seguindo as instrucións da súa categoría de participación e envialo anexo mediante correo electrónico a endlorzacouto@gmail.com.

O prazo de presentación é até a segunda feira -luns-, 17 de abril.

As categorías son:
Infantil: Un chiste gracioso. Tempo máximo: 1 minuto.
Primaria: Varios chistes graciosos. Tempo máximo: 5 minutos.
Secundaria: Un monólogo humorístico. Tempo máximo: 10 minutos.

O premio consistirá nunha cesta de produtos culturais galegos por valor de 30 € para a persoa gañadora de cada etapa educativa.
As brincadeiras deben realizarse en lingua galega e non poderán ser de carácter machista, racista, homófobo ou denotar calquera outro tipo de discriminación

ALUMNADO QUE ASISTIRÁ A SPRING WEEK

Como resultado do proceso de inscrición no programa de Consellería de Educación “Spring week” tivemos 30 solicitudes de participación. Como o número de prazas concedido é de 25 debimos proceder a seleccionar ao alumnado que participará. Para repartir dunha forma equitativa as prazas, dúas terceiras partes (16) foron concedidas por expediente académico tendo en conta a nota media de 2º de ESO e a nota final da materia de inglés no curso 21-22. As restantes nove prazas foron a un sorteo entre o alumnado restante que se realizou o día 21 de marzo durante o recreo. O alumnado foi notificado e as familias serán notificadas por abalar solicitándolles a información precisa para a inscrición.

VISITA AO PARQUE DE SOTAVENTO

Parque Eólico Experimental Sotavento

A pasada semana o alumnado de 2º e 4º da ESO visitaron as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento, organizada polos departamentos de Bioloxía e Tecnoloxía, no concello de Xermade. Alí recibiron formación sobre  a produción de enerxías, funcionamiento dos aeroxeradores e arquitectura bioclimática entre outras cousas. Podedes ver as fotos no seguinte enlace:

- fotos

AGASALLOS POLO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Por aquí vexo un camiño

que non sei a onde vai;

polo mesmo que n’o sei,

quixérao poder andar.

(Rosalía)

A semana pasada entregáronse na Biblioteca ‘Neira Vilas’ do CPI Antonio Orza Couto diversos premios relacionados coa celebración do Día de Rosalía, o 23 de febreiro.

Por unha banda, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, ademais de agasallar a todo o alumnado de secundaria cun fermoso marcapáxinas da autora, fixo un  sorteo entre os e as participantes nunha actividade na que tiñan que buscar información sobre a autora en diferentes paneis localizados nos corredores do primeiro andar.

Os galardoados foron: Uxía Quintela Calvo de 2ºESO, Tania Rúa López de 3ºESO A e Aitor Jamardo Rodríguez, de 4ºESO.

Por outra banda, a Biblioteca Neira Vilas, o Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Departamento de Plástica, organizaron dúas actividades co gallo do Día de Rosalía. O alumnado de 1º e 2º ESO puido ilustrar, mediante a técnica do trazo, un fragmento dun poema de Rosalía entre unha selección. No caso do alumnado de 3º e 4º ESO tiñan que facer un videopoema dun texto da autora en galego.

Resultaron premiados nestas actividades: Pablo Mateo Mateo (1ºESO), Manuel Rey Dourado (1ºESO) e Andrea Rosende Sánchez (4ºESO). 

Parabéns para todo o alumnado participante e agardamos que desfrutaran das actividades.

8 DE MARZO

O día 8 de marzo no CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto conmemoramos o Día Internacional da Muller cunha Instalación artística sobre personalidades femininas que destacaron nos diferentes ámbitos. 

Coordinado polas profesoras e profesores dos distintos departamentos do Centro, o alumnado da ESO realizou  un traballo de investigación sobre as mulleres para poder confeccionar fichas que formarán parte dun arquivo de mulleres notables e que estará a disposición para a súa consulta na biblioteca do Centro. 

O material producido foi organizado en formato “instalación artística” na entrada do edificio de secundaria de modo que todas e todos os que entren no Centro poidan desfrutar da exposición de maneira interactiva, xa que é posible “entrar” no espazo creado para acceder á lectura da información. 

O alumnado de 1º da ESO, ademais de traballar nas fichas, colaborou facendo unhas orixinas flores de papel durante as clases de Plástica, completando así a composición. 

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA

O martes 7 de marzo, o alumnado de 3º de ESO, realizou unha saída didáctica  ao Parlamento de Galicia. Alí foron recibidos por representantes dos tres partidos políticos que máis presencia teñen na cámara e puideron coñecer de preto o funcionamento da mesma asistindo á sesión plenaria.

Os nosos alumnos deron exemplo de bo comportamento e saber estar.

Premede aquí para ver todas as fotos da xornada

Distribuir contido


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013