Iniciar sesión: Acceso

Festival das Letras Galegas

Onte, venres 1 de xuño, rendémoslle homenaxe ás Letras Galegas, as nosas Letras. Celebramos un festival no que levamos moito tempo traballando; moitas horas de esforzo, de ilusión, de risas, de entusiasmo, de compartir momentos mestres e alumnado…e no que estreamos o tan ansiado escenario. Tíñamos os ingredientes idóneos.

 

 

Comezou ás 11h. Este ano presentárono alumn@s de 6º: Lucía, Lorena, Sarai e Carlos, que tamén nos deron a coñecer  á escritora homenaxeada: María Victoria Moreno. Na entrada ao comedor tíñamos a exposición sobre a súa vida e obra.

 

Deixámosvos a presentación para que poidades seguir o programa con detalle, así como fotos para que lembredes o acontecido ou para que disfrutedes  del se non puidestes asistir.

 

- Infantil. Teatro: “O Flautista de Hamelin”. Baile: “Pousa”, Uxía Lambona e a banda molona.

 

- 1º ,2º. Teatro “A pita Paulina e os seus poliños”

 

- 5º,6º. Sketch: “Os xubilados van ao casino”

 

- 3º,4º Teatro: “A reconquista”

 

- 5º,6º Sketch: “Os gorrillas entrevístanse cos políticos do momento”

 

- Entrega de premios do XXVII Certame de Contos Letras Galegas. Os premiados foron:

 

1º: Nuno e Zeltia

 

2º: Lola e Candela

 

3º: Marcos

 

4º: Erea

 

5º: Roi

 

6º: Moraima e Noé

 

- Entrega da Tablet ao premiado no sorteo da venda de rifas. Como ben sabedes, o luns 18 e o martes 19 disfrutaremos das Rías Baixas.

 

Aquí chegou un momento tremendamente emotivo. Carlos Rusu, Sarai, Lucía, Lorena, Moraima, Xana e Noé cerran unha etapa para seguir camiñando, medrando…E quixeron darnos as gracias por estes anos xuntos; moitos momentos vividos que crearon uns vínculos moi fortes, especiais.Deixámosvos o seu agasallo.

Estamos moi orgullosos deles e saben que no colexio teñen a súa casa; sempre serán unha parte del.  

 

Gracias a todos eles polo vivido nos últimos anos, por darnos tanto cada día, por axudarnos a medrar.

 

- 5º,6º Teatro: “ Unha aula no CEIP da Pobra do Brollón”.Baile "O rap da lingua Galega", de Migallas.

 

- Despedida. Himno Galego

 

Un festival único, máxico, emotivo, enriquecedor para todos…De verdade que non hai palabras para poder describir con bo senso o vivido nesta mañá. Todos medramos un chisco como persoas.

 

Queremos dar as grazas a tod@s polo voso grao de area:

 

Grazas aos nosos amigos/as do centro de día, que unha vez máis nos apoiaron.

 

Grazas a todos os familiares que puidestes estar presentes, por alentarnos cos vosos aplausos, coas vosas miradas.

 

Grazas ao Concello por prestarnos coma sempre a megafonía.

 

Grazas a tod@s os mestres polo seu traballo, polas súas horas dedicadas ao longo destas últimas semanas: A Dori, Óscar, Paco, Vanesa, Pablo, Nieves, Félix, Julio…Así como ás nosas cociñeiras: Lola, Mercedes e Ana.

 

A verdade que este equipo merece todos os eloxios posibles.

 

E…como non, Grazas e parabéns para os nosos artistas, os verdadeiros protagonistas, que unha vez máis estiveron á altura á que nos teñen acostumados. Estamos moi orgullosos deles.

 

Festival das Letras Galegas 2018

Este venres día 1 de xuño, ás 11h, tedes unha cita: o Festival das Letras Galegas 2018. Levamos tempo traballando con moita ilusión, e queremos compartilo con toda a comunidade educativa.

O programa podédelo coñecer na nosa web e, como non, a través de Radio Guímaro.

Compartindo momentos cos nosos amigos/as do centro de día

Como ben sabedes mantemos unha estreita relación cos nosos amigos/as do centro de día, compartirmos momentos moi emotivos. Ensínannos as súas vivencias, experiencias, os seus saberes… nós poñemos a enerxía propia da nosa infancia, as ganas por aprender. É un enriquecemento mutuo, momentos moi significativos.

Xuntámonos unha vez ao mes: no Samaín, no Nadal, polo entroido, con motivo do club de lectura…en calquera circunstancia que se de, xa que a escusa para xuntarnos é o de menos.

No mes de maio a tarefa consistiu en facer debuxos para participar nun concurso que se leva a cabo entre diferentes xeracións. A experiencia foi marabillosa, e froito diso xorden as fotos que compartimos con vós, para que descubrades de primeira man o que vos contamos.

No mes de xuño volveremos a xuntarnos para cerrar o curso 2017 – 2018.

Entrevista ao arqueólogo Xosé Gago

O alumnado de 5º e 6º entrevistou en Radio Guímaro ao arqueólogo Xosé Gago. 

Disfrutade do programa, unha viaxe a través da historia,  no que coñeceredes máis sobre o noso pasado.

Queremos dar as gracias a Xosé pola infinidade de coñecementos cos que nos empapou, por achegarnos a unha profesión realmente interesante...

Seguiremos realizando actividades en conxunto polo que estade moi atentos á nosa web e a Radio Guímaro.

 

 

 

Programa de radio sobre a semana do deporte

O alumnado de 5º elaborou un programa de radio para lembrarnos as actividades desenvolvidas na semana do deporte e as súas valoracións.

Día do libro

O luns,23 de abril, conmemórase o Día do Libro. Un libro é unha ventá aberta á diversidade de culturas, son fontes de información, novas oportunidades que nos permiten sentir, voar…

Ler, entre outras cousas, axúdanos a expresarnos mellor, a adquirir novo vocabulario, a ser creativos…

Durante esta xornada, realizamos as seguintes actividades:

“Apadriña un conto”. O alumnado de 5º e 6º contoulle un conto ao alumnado de 1º e 2º, e 3º e 4º fixeron o propio co de infantil.

Os contos centráronse nas emocións, xa que recoñecer e saber expresar emocións é moi importante para o desenvolvemento da personalidade.

Despois,  falaron sobre o que sucedeu, as personaxes que interviñeron, o que aprenderon do conto…

Nas últimas datas fixemos un traballo de investigación. Coincidindo que no 2018 se cumpren 500 anos da primeira volta ao mundo, nós tamén quixemos viaxar polo mundo adiante. Descubrimos Oceanía, Asia, África, América e Europa: os países de cada continente, as súas costumes, os seus principais escritores…

A verdade é que aprendemos moito e todo o traballo e esforzo realizado mereceu a pena. Aínda que quedaron moitos coñecementos dentro de nós, tratamos de plasmalos en diferentes murais, que nos próximos días servirannos para “compoñer” o mundo. 

 

O noso colexio

O alumnado de 6º elaborou un programa de radio no que deron a coñecer o noso colexio: os proxectos nos que estamos inmersos, actividades que levamos a cabo, conmemoracións...

Difrutade do programa de Radio Guímaro.

Coñecendo a nosa historia

O pasado mércores, 25 de abril, realizamos unha visita á escavación que están facendo en Repil Xurxo Ayán, Xosé Gago e o seu equipo. Da súa man coñecemos máis de preto o que aconteceu na nosa contorna nos anos posteriores á guerra civil española, e máis en concreto o 20 de abril de 1949, cando foron asasinados catro homes por pensar de xeito diferente ao sistema franquista.

Comprendemos as dificultades que pasaron os nosos avós e avoas, démonos conta de que a historia só se entende mirando atrás…

Hoxe entrevistamos en Radio Guímaro a Xurxo Ayán; deixámosvos o programa para que poidades disfrutar del.

Nos vindeiros días acudirá á nosa radio Xosé Gago, que nos falará da escavación que se está realizando no Castro de San Lourenzo.

Ambos cóntannos a historia a través da arqueoloxía, son verdadeiras fontes de información para nós.

Xornada de educación ambiental

O venres, día 20 de abril, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º participamos na segunda xornada de educación ambiental organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), en Folgoso do Courel.

Dentro da actividade Sementar Sementarei, fixemos un taller que consistía en realizar bólas de arxila para meter dentro unha landra, xunto con abono e sementes de trevo. O obxectivo desta técnica é protexer a landra.  Aproximadamente dentro dun mes estarán ben secas e poderanse “lanzar” á terra.

Despois deste primeiro obradoiro, tivemos un anaco para a merenda.

A continuación, movémonos en autobús uns quilómetros máis adiante, cara os montes de Folgoso, para plantar un castiñeiro.

Neste mesmo intre, fomos agasallados cunha árbore para plantas nas nosas casas.

Aproveitamos para comer na carballeira onde fixemos o primeiro obradoiro e disfrutar así da natureza.

Por tanto, vivimos unha mañá de concienciación da importancia de coidar o medio ambiente, de manter limpos os montes, da vitalidade das árbores…

 

Obradoiro alimentación saudable

O xoves, 19 de abril, a asociación monfortina Cior organizou no centro unha xornada sobre hábitos alimentarios saudables. Acudiron dúas psicólogas, unha educadora social e un traballador social.

O alumnado participou en dous grupos. Primeiro, os nenos e nenas de infantil, 1º e 2º, e logo o alumnado de 3º a 6º.  Cada un dos obradoiros tivo unha duración de entre 30 e 40 minutos. Consistían nunha charla sobre a importancia de comer de xeito saudable, así como algún xogo de sensibilización no que por exemplo tiñan que mercar unha cea beneficiosa para a saúde, clasificar alimentos de consumo diario, consumo ocasional…

Queremos dar a gracias a esta asociación por axudarnos a seguir inculcando uns hábitos imprescindibles no alumnado.

Distribuir contido