Iniciar sesión: Acceso

Día da árbore

O 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da árbore. Este ano entre algunha saída que fixemos ultimamente, a radio escolar, a semana do deporte…aínda non plantáramos a árbore que envía a Deputación, así que o fixemos onte.

Para plantar o salgueiro colaboramos entre todos, mentres falábamos da importancia das árbores, dos seus beneficios, dos coidados que precisan…

Primeiro, o alumnado fixo o burato para meter a árbore; a continuación botáronlle terra e abono.

O seguinte paso, foi pisar a terra para que quedase ben prensada.

Finalmente, regámolo.

Deixámosvos algunhas fotos, para compartir con vós esta experiencia.

Ademais, nas últimas datas, durante a hora de ler o alumnado de infantil, 1º e 2º traballou co conto "A auga, o dragón e o salgueiro", e de 3º a 6º fixérono co conto "A invención do salgueiro".

Coñecendo máis sobre a compostaxe

O pasado xoves, 12 de abril, acudiu ao centro Elvira para falarnos sobre a compostaxe, unha técnica mediante a cal se crean as condicións precisas para que, a partires de residuos orgánicos, os organismos descompoñedores fabriquen un esterco de elevada calidade.

Aprendemos que podemos depositar follas frescas e restos de sega e céspede, restos de froita e verduras, bolsas de infusións e pousos do café, restos de plantas, flores vellas, restos de carne e peixe, cascas de ovos, ósos de froita, cinsas de madeira non trata, cartóns de ovos, servilletas de papel…

Quedounos moi claro que non podemos depositar cinsa de carbóns ou madeira tratada, feces humanas, cueiros desbotables, cabichas de tabaco, plásticos, metais, vidro…

Que beneficios ten o compost? Ten efectos na estrutura do solo, sobre a súa saúde, sobre os nutrientes das plantas, beneficios económicos…

Por que é importante realizar a compostaxe? Porque reducimos a cantidade de lixo que remata nos vertedoiros e/ou incineradora. Permite pechar o ciclo da materia orgánica. Ademais, porque acadamos un esterco de alta calidade para as nosas plantas sen ningún tipo de produto químico. Indudablemente enriquecemos o solo, devolvéndolle a materia orgánica.

Tamén tratamos aspectos como os parámetros do proceso da compostaxe: temperatura, humidade, aireación…

Despois de coñecer todo isto, é momento de aplicalo, de levalo á práctica, e non hai mellor maneira de facelo que no comedor. Así que cada día contribuímos a encher o compostador que temos ao carón do centro.

Semana do deporte

Acabamos de vivir a semana do deporte,  coa que buscamos fomentar no alumnado a práctica de actividade física. Desenvolveuse do 9 ao 13 de abril..

O deporte é un medio moi apropiado para educar ás persoas, para inculcar valores coma o compañeirismo, o traballo en equipo, o respeto polo demais, acatar unhas normas. Fai que medre o noso afán de superación.

A semana comezou o luns cas miniolimpiadas, onde o atletismo se elixiu protagonista. O deporte rei combina habilidades que facemos de forma innata xa dende pequenos: correr, saltar e lanzar. Aporta un alto grado de coordinación.

Salto de lonxitude, lanzamento de peso e carreiras de valados.

O martes, foi o momento de facer carreiras de velocidade, carreiras de resistencia e carreiras de valados, novamente.

O mércores, o alumnado, dirixido por Vanesa, xogou un partido de baloncesto e despois de fútbol fronte os mestres/as. Fíxonos moita ilusión. Corremos, rimos, cansamos…foi un gran momento.

Tivemos con nós a Camilo López, que foi  campión de España de esquí en categoría xuvenil e máster. Unha persoa que nos permitiu coñecer máis sobre os deportes de inverno: cales son, o sacrificio que hai que facer para practicalos, o gratificante de superarse, os materiais que son precisos para practicalo… Unha morea de cousas que nos “engancharon” e nos abren novas portas.

O xoves todos/as con bicicletas, patinetes, patíns ao colexio

Querémosvos dar as grazas pola vosa participación para que esta actividade se levase a cabo. Xuntámonos con máis de 40 “vehículos”. A actividade “sobre rodas” buscou fomentar o uso da bicicleta, de patíns...  medios de transporte sans, que son moi recomendables para os nosos nenos/as. Aproveitamos para traballar a educación viaria: coñecer sinais coma o stop, o ceda, dirección prohibida; así como cumprir o que nos ordenan os semáforos, respectar os pasos de peóns… Os maiores, cos seus carnés por puntos, concienciáronse da importancia de adquirir uns bos hábitos viarios.

O venres repetimos a actividade do parque de tráfico debido a grandísima aceptación que tivo.

Ademais, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º, realizou coreografías en grupo. Despois, continuaron coas coreografías individuais. Coordinación, ritmo, sentimento, ilusión…para esta mañá de venres.

Tod@s quedamos moi satisfeitos con esta semana; foi unha experiencia positiva, enriquecedora, proveitosa. Foron momentos de moita unión, de ilusión, de divertimento. É moi fácil de resumir estes días se nos lembramos da cara dos nenos/as en moitas ocasións.

 

Xornada de formación da Radio Escolar

O pasado venres, 6 de abril, tivemos con nós a Rede Espora, na segunda xornada de formación sobre a Radio Escolar.

A primeira parte dedicouna a cuestións xerais sobre o emprego da voz, a locución, o volume, o ton, a velocidade, consellos do mundo da radio como evitar palabras longas, ser naturais, evitar o silencio, marcar as pausas…Para aplicar todo isto, fixemos unha serie de prácticas todos xuntos.

Despois, chegou o momento de poñernos a traballar como locutores de radio.
O alumnado de 3º e 4º preparou un pequeno traballo feito por parellas, unha entrevista a un compañeiro acerca dun libro.Así fixeron unha produción grande de programas en pouco tempo, alternándose parellas falando nos micros e gravando.
O alumnado de 5º e 6º, repartidos en tres grupos, elaborou dous programas nos que falou da contorna e do colexio dando a coñecer ben as súas virtudes.  O outro grupo dramatizou o conto “o valo”.

Á vez que gravábamos os programas, aprendemos a formación técnica básica do emprego do audacity, da mesa de mesturas e da canle de podcasts.

Unha vez máis, grazas a Rede Espora con esta mañá de ilusión, nervios, aprendizaxe…Seguimos medrando a través do mundo da radio, podédelo comprobas coas fotos que vos deixamos neste enlace

Seguídenos en Radio Guímaro.

Regueifas e brindos

O pasado xoves, 5 de abril, tivo lugar unha xornada de convivencia no noso centro cun instituto de Vila de Cruces, que están traballando coas Regueifas e os brindos.

Como benvida, comezamos facendo brindos para presentarnos. Despois, o alumnado de Vila de Cruces deunos a coñecer o seu concello: as bandas de música, a tradición das regueifas…

Nós tamén lles contamos cales son os principais ríos do noso concello, os lugares de interese (Pena dos catro cabaleiros, cova das Choias, mirador de San Vitorio…), algunhas rutas que se poden facer (a da castaña e do mel, os sequeiros do Mazo…), outras actividades como o entroido en Salcedo, a importancia do camiño de inverno… Demos a coñecer a Olga Novo e rematamos falando dos brindos na Pobra.   

Á súa vez, os máis peques tiveron a oportunidade de ter a primeira toma de contacto cos brindos, da man de Alba.

Unha intensa mañá que rematamos coa comida, aproveitando para seguir coñecéndonos.

Á primeira hora da tarde, o alumnado de 5º e 6º fixo un pequeno obradoiro con Séchu e Alba para preparar o festival que ía ter lugar pola tarde.

Ás sete comezou o festival na casa da Cultura Olga Novo. Nel participaban os profes e alumnado de Vila de Cruces, tamén o alumnado de 5º e 6º da Pobra facendo xogos de improvisación cantando coa melodía da regueifa. Asistiron moitas familias do cole e veciños da Pobra.

Presentaron o festival Alba e Séchu. A primeira actuación foi un brindo recollido do libro de Xosé Lois Foxo que prepararon os nenos e nenas de 5º e 6º con Pablo, o profe de música, para recibilos. Así que alí cantaron o brindo creado por dous brindeiros da Pobra: José e Alvaro Veloso Valcárcel acompañados de Pablo, que tocaba o  violín.

Despois, cantaron regueifas Alba, Sara e Nuria. As dúas regueifeiras que xa estiveran no colexio e Nuria, unha alumna que ten familia na Pobra.

Máis tarde, tocou xogar no escenario e improvisar; así se sucederon as dúas actuacións seguintes. En cada grupo, duns 9 nenos/as  de Pobra e Vila de Cruces, improvisaban cantando regueifas seguindo as ordes de Alba e Sechu.

O festival avanzaba e foi momento para que actuasen Séchu e Alba . Séchu abría o libro de “Cráter” de Olga Novo por unha páxina ao azar e recitaba uns versos. Alba coa guitarra respostaba poñendo música e cantando a idea.

Deseguido volveulle tocar á Pobra con outra actuación non menos espectacular ca anterior pois actuaron Pablo, Suso e o Cuarenta. Este creou unha cantiga inspirado no Castro de San Lourenzo  e Pablo púxolle música, así que Pablo e Suso tocaban e Suso do cuarenta cantaba  esta fermosa cantiga.

Rematamos o festival cunha regueifa de Vila de Cruces. Sacaron un tema ao azar; alguén dixo no público: profes e alumn@s.  Fixeron dous grupos e a regueifar.

Foi un festival entrañable no que tivemos que poñer ademais a creatividade e o inxenio en marcha…pero pasámolo xenial e de camiño espertamos e puxemos en valor este tipo de improvisación oral que se facía entre outros no concello da Pobra do Brollón.

Un día na cidade de Lugo

Onte, venres 23 de marzo, último día antes das vacacións de Semana Santa, foi un día intenso, xa que nos desprazamos a Lugo. O itinerario foi o seguinte:

9.30h saída do colexio.

10.45h: o alumnado de infantil, 1º e 2º visitaron o Museo Provincial de Lugo. Mentres, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º estiveron no Centro de Interpretación da Muralla.

12h: O alumnado de 3º a 6º visitaron o Museo Provincial e posteriormente a Domus do Mitreo, mentres que os máis peques visitaron a Domus do Mitreo e a Casa dos Mosaicos.

Con estas visitas culturais e cos paseos polas rúas, coñecemos a súa historia, os seus recunchos, as inmensas posibilidades que ofrece esta cidade romana…

Máis tarde, chegou o momento de sentarnos a comer e descansar un ratiño; a xornada de tarde prometía novas aventuras.

Ás 15:45h estabamos en Outeiro de Rei para coñecer a Casa – Museo de Manuel María, autor homenaxeado fai dous anos nas Letras Galegas e personaxe destacada da Cultura Galega.

A última parada na nosa visita centrouse no vello cárcere da cidade de Lugo, convertido en Museo actualmente.

Despois dun día especial, no que a nosa caixa de coñecementos medrou, ás 19:00h merendamos e puxémonos en dirección a Pobra, para comezar a disfrutar dunhas merecidas vacacións.

Nuns días estamos de volta, e seguirémosvos contando as novas do noso centro.

 

Convivencia co CEIP Ribas de Sil

O xoves, 22 de marzo, tivemos a convivencia co CEIP Ribas de Sil; sempre é agardada por todos con moita ilusión, xa que unha das características do noso centro é a apertura ao exterior e ás convivencias.

Este ano fomos nós os anfitrións. Ás 10:30 h chegaron ao colexio, onde os agardábamos cunha postal de benvida. Queríamos que dende o primeiro momento sentisen que estaban na súa casa. Aproveitamos este momento para merendar e así coller enerxía, xa que nos esperaba unha mañá moi intensa.

Logo, distribuímonos en grupos.

• O alumnado de infantil, 1º e 2º…

Na casa da Cultura agardaba Estefanía Padullés, escritora e ilustradora, para falarnos do seu conto a canción do sol. A medida que nos ía contando a historia, debuxa personaxes do conto.

Máis tarde, na biblioteca, pintamos coa súa axuda de Estefanía, que nos ía ensinando uns trucos máxicos.

Antes de volver ao colexio, no parque compartimos momentos de xogo cos nosos amigos.

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º visitamos o Castro de San Lourenzo.

Da man de Xosé, un extraordinario arqueólogo e transmisor de coñecementos, empapámonos de historia no Castro de San Lourenzo. Viaxamos á época castrexa, uns 2000 anos atrás, para coñecer como vivían os nosos antepasados, como se defendían…Cando o castro foi abandonado, construíuse alí a antiga igrexa de Cereixa.

Despois destes e doutros innumerables coñecementos teóricos que aprendemos, levámolos á práctica sendo arqueólogos e escavando tumbas, nas que atopamos vestixios do pasado e aprendemos a analizar o que significan. Encantounos esta actividade.

Nuns dias volveremos novamente ao Castro con máis actividades.

A mañá pasou axiña e ás 14:00h chegamos ao colexio para xantar; seguimos compartindo momentos, coñecéndonos mellor. Ademais, intercambiamos uns agasallos como sinal da gran amizade que nos une con este centro, e como agradecemento a Xosé.

Despois de comer disfrutamos dun ratiño de xogo: os “forofos” do fútbol no polideportivo, outros na pista descuberta…

A mañá pasou deseguida. Foi un día extraordinario no que compartimos vivencias, xogos e experiencias, e sobre todo afianzamos esa amizade que  a través deste tipo de actividades se vai agrandando ano a ano.

Obradoiros sobre a conservación do medio ambiente

O pasado mércores, día 21 de marzo, coincidindo co Día Mundial da árbore, o Grupo de Desenvolvemento da Ribeira Sacra, propúxonos unha actividade ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º dos centros escolares da zona.

No viveiro dos Trollos, en Bóveda, realizamos diversos obradoiros de sensibilización cara o coidado e protección do medio ambiente:

Elaboración dunha maceta de papel, para plantar un carballo. Trátase dunha das árbores autóctonas de Galicia, que está perdendo o seu hábitat a favor doutras coma por exemplo o eucalipto.

Despois, repuxemos forzas xa que quedaba moita mañá por diante.

O segundo obradoiro consistiu na realización de diferentes comedeiros para os paxaros.

O último obradoiro permitiunos decorar unha mochila baixo o lema de sementar, sementarei

Unha gran iniciativa, que lle permite ao noso alumnado afondar nunha temática de moito interese, xa que a conservación e valoración da natureza é un valor imprescindible na súa formación.

Almorzando saudablemente no CEIP da Pobra do Brollón

Hoxe compartimos mestres e alumn@s, un almorzo saudable. É a comida máis importante do día xa que pasa un período bastante longo dende que inxerimos alimentos por última vez. Vainos permitir obter os nutrientes necesarios para afrontar todas as actividades que realizamos durante a mañá. Por tanto, debe ser un almorzo saudable, variado e equilibrado.

Nun almorzo saudable non pode faltar a froita (uvas, melón, fresas, kiwi), torrada con tomate e xamón, zume de laranxa, leite con cereais…

Aproveitamos a ocasión para facer unha pequena entrega de premios da liga de tenis de mesa que vimos de rematar.

Un obxectivo innegociable, que debe primar sempre que facemos deporte é pasalo ben, disfrutar, compartir sorrisos… e iso foi o que buscamos con esta iniciativa. Todos merecen ser premiados polo seu esforzo, por buscar sempre a diversión, por sorrir co deporte.

Liga de tenis de mesa

Durante os meses de xaneiro e febreiro xogamos unha liga de tenis de mesa no tempo de lecer dos martes e xoves. Tivo éxito este deporte durante o curso pasado, polo que seguimos con esta iniciativa.

É unha maneira de achegalos aos deportes de raqueta, unha nova posibilidade. Amosaron gañas de disfrutar, de compartir momentos lúdicos cos seus amigos/as, de esforzarse, de superarse

Xogamos en tres grupos:

- 1º e 2º: Pretendemos que se inicien, que coñezan o tenis de mesa, que disfruten xogando.

- 3ºe 4º: Buscamos que o pasen ben , que sexa un momento de divertimento.

- 5º e 6º: Incidindo un pouco máis nas regras, en algún aspecto técnico sinxelo.

Distribuir contido