Iniciar sesión: Acceso

Mellorando a CONVIVENCIA

Ao longo do xa case rematado curso 2022-2023, o noso centro e a súa comunidade educativa tiveron como principal centro de interese mellorar a convivencia entre os seus integrantes. Desde o  Departamento de Orientación levouse a cabo un Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) no que se incidiu na posta en práctica dun cambio dos espazos de lecer dos que dispón o centro.

Nos tempos que corren, tempos nos que a tecnoloxía ten unha ampla presenza nos momentos de lecer das nosas crianzas, e en consecuencia mérmanse as súas habilidades sociais e de convivencia, desde o centro considerouse que era necesario fomentar dinámicas de xogo onde prime máis a colaboración que a competitividade, a creación máis que o elaborado. 

Neste PFPP o profesorado centrouse na creación de xogos e xoguetes elaborados con materias que nos dá a propia natureza, tamén na recuperación de xogos tradicionais e populares.

 

          

Para implementar estes aspectos, desenvolvéronse sesións de formación levadas a cabo pola Asociación Galega de Xogos Populares e Tradicionais(AGXPT) da man do seu ilustre estudoso da materia e benquerido profesor do noso IES de Melide, Paco Veiga. Tamén, dentro destas sesións tivemos o gusto de aprender con José Manuel García Fernández, lourenzán e estudoso dos xogos e xoguetes elaborados con cousas que a natureza nos proporciona.

 

     

Cómpre salientar tamén a habilitación dun novo espazo nas instalacións no que o alumnado pode xogar de xeito organizado a xogos de mesa, manualidades, tenis de mesa, … Neste terceiro trimestre usouse de forma esporádica, pois estaba en proceso de creación, sen todo o material aínda dispoñible. 

 

     

Para complementar este cambio, tivemos a aportación do Equipo de Biblioteca que propuxo a creación dos carros de libros. Estes carros saen nos tempos de lecer ao patio para que calquera alumno/a poida ler ao aire libre sen ter que desprazarse á Biblioteca do centro.

 

 

 

Este material está organizado por niveis e os propios nenos e nenas colaboradores/as da Biblioteca encárganse de sacar e levar de volta ao seu sitio.

 

                             

 

       

 

Por outra banda, e non menos importante, temos que amosar a nosa gratitude á inestimada colaboración do profesorado e alumnado do Ciclo Medio de Madeira do IES de Melide, que elaboraron no seu obradoiro o material de xogo dos que o centro poderá dispor a finais deste curso.

             

Grazas infinitas por esta colaboración, pois os nenos e nenas do noso centro poderán mellorar a súa calidade de xogo, ademais de diversificala cara modelos de lecer máis favorables á convivencia e o respecto entre eles/as.

   

 

 

 

Por último, non podemos tampouco esquecer a sempre inestimada e constante predisposición da ANPA para colaborar en todo o que se propuxo, pois sen dúbida é un pilar importantísimo na nosa comunidade educativa para trasladar ao alumnado todos estes valores alén dos muros do centro.