Skip to Content

Unha pouca de historia

Gregorio Sanz

Gregorio Sanz García, nado en Ayllón (provincia de Segovia) o 4 de xaneiro de 1900 e falecido en Ribadeo o 13 de setembro de 1997,[1] foi un mestre e dinamizador pedagóxico.

 

 

Traxectoria

Naceu nunha familia humilde, de pai agricultor e logo carteiro. Na escola nacional da súa vila fixo os estudos primarios, chegando a facer de motior dos máis pequenos como se levaba na época. Despois, por libre, fixo a carreira de Maxisterio. Posteriormente, en Madrid, o frecuentar o Museo Pedagóxico levaría aparellado o tratar a Cossío e o acceso a un posto de profesor.[2]

Á falta dun posto como mestre, tentou facer carreira militar, o que truncou primeiro unha reforma e logo, o seu propio carácter.[2] O seu primeiro traballo como mestre levouno a Madrid, á Casa Escola "Concepción Arenal" do Protectorado del Niño Delincuente, pasando logo á Escola Agrícola "Pedro Murias" de Ribadeo en 1922[3], sendo director en 1923 da Fundación Agrícola[4] que a instituíra (á morte de Enrique Suárez Couto[2]), e ata a chegada de dous enxeñeiros que foron copartícipes da dirección. Desavinzas coas ideas e ilusións destes últimos fixeron que resignara o seu posto de mestre e animador sociocultural nas parroquias veciñas.

Pasou logo a dar clases particulares e levar contabilidade dun indiano. Foi nesta época cando contribúe a crear a Biblioteca Popular Circulante.

No 1928 aproba as oposicións a Maxisterio, pasando a exercer en San Pedro de Benquerencia, onde fixo un ensaio sobre a Escola Nova ('Escola Rural Activa') publicado na 'Revista de Pedagogía' liderada por Lorenzo Luzuriaga Medina. En 1932 pasou ao nivel preparatorio do Instituto de ensino medio de Ribadeo, onde contribuíu a diversas iniciativas como a revisión semanal da clase dun compañeiro parfa analizar o método didáctico. En Ribadeo fundou a "Biblioteca Popular Circulante", deu diversas conferencias e interviu en actos diversos de tipo cultural e en defensa da escola pública. Foi o principal impulsor do periódico El Pequeño Escolar (1935)[5].

Foi presidente da Asociación de Mestres do Partido Xudicial de Ribadeo (UGT) e secretario da Federación Ribadense.

Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi encarcerado o 24 de xullo no Depósito de Ribadeo, pasando despois ao Cárcere de Lugo. Foi xulgado por auxilio á rebelión e condenado a 20 anos de prisión. Saíu en liberdade o 12 de marzo de 1941. A inhabilitación para o exercicio público fixo que tivera que dedicarse ao ensino privado; despois traballou como contable nunha empresa de Guitiriz e volveu ao ensino nunha academia de Lugo. Reingresou no Maxisterio en 1959 e destinárono a Covas (Viveiro). Ao ano seguinte (1960), opositou para poboacións de máis de 10 000 habitantes, pasando a exercer en Vigo ata a súa xubilación en xaneiro de 1970.[6] Retirouse logo a Ribadeo, onde viviu ata o seu falecemento.

Aínda en vida (1994)[3], deu nome ó CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo. Asemade, leva o seu nome unha rúa en Guadalaxara.[7]

 

Obras

En 1986 publicou o libro Uno de tantos. Cinco años a la sombra, un documento autobiográfico do seu período de cárcere que dá unha idea diferente da vida no período posterior á guerra civil española. Asemade, parece ser a orixe básica da obra "A lingua das bolboretas" de Manuel Rivas.

Distribuir contido


by Dr. Radut