Skip to Content

Biblioteca

A BIBLIOTECA

DENDE A BIBLIOTECA DE LEO LEÓN PRETENDEMOS DEIXAR PEGADAS NO CORAZÓN
A nosa biblioteca de centro, a biblioteca de Leo León, atópase inmersa no PLAMBE dende fai uns anos. Isto supón, en poucas liñas, entender a biblioteca como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe dende un enfoque inclusivo e dende metodoloxías activas e innovadoras para facilitar o proceso de ensino aprendizaxe do noso alumnado e compensar desigualdades.
A biblioteca conta cun espazo reducido, pois é compartida coa aula de TICs o que nos permite facer da alfabetización múltiple e dixital unha realidade dende este espazo escolar.
Contamos con Leo León, quen chegou ao noso cole dende terras afastadas para motivarnos ante a lectura, ante as actividades e ante a percepción de entender a biblioteca escolar como un espazo dinámico, igualitario, libre, de encontros e divertido. Nel atopamos un amigo que nos guía na lectura, que nos propón actividades, nos fai sentir ben e co cal podemos comunicarnos a través dun Buzón máxico no que teñen cabida propostas, sentimentos e emocións .   
Neste curso formamos parte do Equipo de Biblioteca tres mestras do centro: unha de Educación Infantil, unha de Educación Primaria e a especialista de Linguas Extranxeiras (Inglés) o cal, cremos, que favorecerá o funcionamento deste espazo en canto a novas ideas, suxestións, actividades, recursos, actualización de fondos e aspectos cotiás.    
  O alumnado tamén participa neste funcionamento, pois como cada ano, o alumnado de 6º de Educación Primaria serán os “Encargados da Biblio” e desenvolverán funcións de formación, organización e funcionamento da Biblioteca de Leo Leon, coa nosa axuda, asesoramento e organización. Son estes nenos e nenas os que levarán a cabo a xestión dos préstamos dos recursos da biblioteca, velarán polo bo mantemento das instalacións e colaborarán no arranxo daqueles libros que se atopen deteriorados entre outras funcións.  

Deste xeito contamos con varias seccións nas que podemos atopar recursos de todo tipo -materiais textuais, recursos TIC, cine, material didáctico e manipulativo, xogos...- e de moitas materias e intereses dos cativos e cativas, pois para seleccionalos pedímoslles recomendacións. Ademais desenvolvemos actividades tales como: celebración de conmemoracións, itinerarios lectores, mochilas viaxeiras,  caixas viaxeiras, préstamo semanal, lecturas compartidas... entre outras e as nosas ideas non acaban aquí! De cando en cando, botádelle unha ollada ao noso blogue para estar ao tanto das actividades e recomendacións de Leo León en https://blogdeleoleon.blogspot.com.

   
Distribuir contido


by Dr. Radut