Convocatoria de axudas para adquirir libros de texto e material escolar

A Consellería de Educación ven de convocar o Fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Primaria, ESO e Educación Especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2020/21.

1. No fondo solidario de libros de texto poderá participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de EP e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.

2. Nas axudas para adquirir libros de texto podrá participar alumnado matriculado en 1º e 2º de EP, en 2º e 4º de ESO, e en EE.

3. Nas axudas para adquirir material escolar poderá participar o alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-Dixgal) no curso 2020/21 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, terá dereito á axuda para adquirir material escolar

A asignación de libros farase:

a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.

b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.

 

Obrigas das persoas beneficiarias:

1. Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2019/20. Está excluído desta obriga o alumnado beneficiario de axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar. 

A falta de devolución dos libros de texto, sexan do curso inmediato anterior ou de calquera outro, será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

2. Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2020/21 e devolvelos ao rematar este, en xuño ou setembro, segundo o caso.

3. Destinar o importe do vale para libros a adquirir os libros de texto que indique o centro en que estea matriculado o alumnado.

4. Destinar o importe do vale para material a adquirir o material escolar que necesite.

 

Presentación de solicitudes:

1. Poderán presentar solicitudes os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.1. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con quen conviva en acollemento familiar.

2. A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2020/21; nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, na cal se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2020/21. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación Fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno/a.

Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2020/21, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2019/20. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a súa entrada en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumno resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.

En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito onde indique cal desexa que se tramite.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática Fondolibros https://www.edu.xunta.es/fondolibros, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

 4. O formulario de solicitude (Anexo I) tamén estará dispoñible:

     a) No portal educativo, no enderezo http://www.edu.xunta.gal

     b) Nas dependencias das Xefaturas Territoriais da Consellería competente en materia de educación.

     c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

     Así mesmo, a aplicación informática permitiralles aos centros docentes xerar solicitudes unha vez introducidos os datos.

 5. A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado, e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, que cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude; así mesmo, que se compromete a conservar en bo estado e a devolver ao finalizar o curso os libros de texto e o material reutilizable recibidos do fondo solidario ou adquiridos coa axuda para libros de texto.

  

Documentación necesaria para tramitar o procedemento:

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.

        - En caso de separación ou divorcio, deberán achegar ademais a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

        - Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:

               1º. Certificado ou volante de convivencia.

               2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

       - Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia onde deberán figurar o/a              alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.

c) Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou de calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.

 

 O prazo para presentar solicitudes estará aberto desde o 20 de maio ata o día 19 de xuño de 2020.

As solicitudes poderán taramitarse na Sede Electrónica da Xunta de Galicia e en https://www.edu.xunta.es/fondolibros

Máis información no DOG do 19 de maio de 2020