Saltar navegación.
Inicio

PROGRAMACIÓN ANUAL

PLAN ANUAL DE LECTURA

1.    INTRODUCIÓN.
O plan anual de lectura recolle todas as actuacións que se van celebrar no centro durante o curso 2011/2012 para acadar a consecución dos obxectivos do Plan Lector de Centro.
2.    OBXECTIVOS.
•    Formar lectores competentes.
•    Fomentar o hábito lector.
•    Mellorar a expresión oral.
•    Potenciar a comprensión lectora.
•    Fomentar o espírito crítico.
•    Promover o uso da biblioteca.
•    Potenciar actividades de escritura.
•    Mellorar a competencia de aprender a aprender.
3.    A BIBLIOTECA ESCOLAR.
A Biblioteca Escolar ten un papel fundamental na consecución dos obxectivos do PLC xa que é a encargada da organización e xestión dos fondos, funcionando como centro de recursos do centro e poñendo estes a disposición de toda a comunidade escolar.
Ademais programa diversas actuacións de dinamización e encárgase das actividades de formación de usuarios e do asesoramento ao profesorado nas tarefas de tratamento da información.
4.    ORGANIZACIÓN – HORARIOS.
a)    Hora de Ler:
En todo o centro dedicarase un tempo diario á lectura, dentro da actividade Hora de ler.
En Ed. Primaria dedícanse 20 minutos diarios, despois da hora do recreo (12:25-12:45). Das cinco sesións dedicadas á lectura, tres serán de lectura silenciosa e dúas dedicaranse a actividades relacionadas con ela: lectura oral, compartida, dramatizada, etc..
En Ed. Infantil serán 15 minutos despois do recreo (11:55-12:15), con diferentes actividades en torno á lectura.

b)    Horario Biblioteca:

5.    ACTIVIDADES.
a)    As aulas:
Todos os ciclos, dentro da programación anual, farán constar as actuacións a realizar para a consecución dos obxectivos do PLC, en relación aos diferentes aspectos que debemos traballar: expresión oral, lectura, comprensión, expresión escrita, aprender a aprender, tratamento da información e competencia dixital.
Ademais todos os niveis establecerán os diferentes Itinerarios Lectores, unha selección de lecturas que se irán traballando durante o curso, dentro da hora de ler ou ben integrados no currículo de cada un.

b)    A Biblioteca:
ORGANIZACIÓN E XESTIÓN:
Durante este curso pretendemos conseguir:
•    O espazo:
Situar un expositor a carón da entrada da BE, para que os nenos e nenas poidan facer as súas recomendacións daqueles libros que leron con agrado ou lles gustaría ler.
Aproveitar os espazos para diversas exposicións temáticas: tema interdisciplinar do centro, Samaín, novidades e outros temas monográficos de carácter literario.
Dispor do espazo á entrada do cole para a exposición dos materiais de produción propia e que estean á disposición de toda a comunidade escolar.
Decoración interior da Biblioteca.
Realizar un cambio na ubicación dalgunhas seccións, sempre buscando a comodidade e a mellor disposición da BE.
Ubicar o que imos chamar “O rincón de Buli” no que haberá actuacións por parte dos nenos e nenas un día á semana.
Ambientar un recuncho para a casa de Buli, que tamén nos servirá para a lectura.
•    Os fondos:
Continuar co etiquetado dalgúns dos fondos catalogados pola CDU e a literatura de adultos.
Confeccionar un cartel explicativo da CDU para facela máis comprensible a tódolos usuarios.
•    Préstamo:
O alto índice de participación que ten este servizo indícanos que as cousas van polo bo camiño.Tamén gozan de boa acollida as actividades de préstamo colectivo como son as mochilas viaxeiras e a hora de ler, polo que imos mantelas e se é posible potencialas un chisco máis.
Respecto ás tarefas dos axudantes da biblioteca pretendemos darlles un pouco máis de responsabilidade facendo que vaian aprendendo a manexarse autonomamente no préstamo e devolución de fondos..



 DINAMIZACIÓN:
Entre as actuacións que pretendemos levar a cabo destacamos:
•    Promover actividades para traballar o proxecto interdisciplinar do centro: “Cangas”.
•    Exposicións temáticas de libros, relacionadas co proxecto, con datas sinaladas, novidades, día das letras galegas, día do libro, monográficas,...
•    Animación coa mascota.
•    Programar charlas e visitas, tanto para tratar o proxecto, como encontros con animadores, autores ou ilustradores, para todos os ciclos.
•    Deixar os recreos dos xoves para actividades de dinamización: lectura de produción propia do alumnado.
•    Creación dun club de lectura no 2º ciclo
•    Celebración en abril do mes dos libros. O día do libro queremos repetir  unha actividade cos alumnos e alumnas do 2º e 3º ciclo que se encargarían de apadriñar lectores entre os pequenos na hora do recreo.
•    Preparar un recuncho  dedicado á personaxe homenaxeada no día das letras galegas.
•    Actividades de colaboración coas bibliotecas do entorno.

 FORMACIÓN DE USUARIOS-EDUCACIÓN DOCUMENTAL:
•    Formar ó profesorado e ó alumnado no uso do OPAC Meiga.
•    Preparar actividades de formación de usuarios de distintos niveis e poñelas en marcha en todos os ciclos.
•    Preparar visitas a outras bibliotecas escolares.

EDUCACIÓN DOCUMENTAL:
•    Recompilar material e documentación, informar e asesorar ó profesorado.
•    Fomentar o uso das novas tecnoloxías como fonte de información e aprendizaxe.
•    Promover actividades de educación documental, relacionadas co tema do noso proxecto.
•    Poñer todos os recursos da BE á disposición da comunidade educativa.
•    Continuar coa actividade de “A preguntiña curiosa”.
FOMENTO DA LECTURA:
•    Elaboración de guías de lectura e recomendación de libros.
•    Confeccionar un boletín de información ás aulas sobre as novidades e recursos dispoñibles na BE.
•    Continuar cos cadernos de lectura.
•    Continuar coa entrega de incentivos ós alumnos máis lectores: diplomas, medallas, condecoracións,...
•    Continuar coas mochilas viaxeiras, distribuíndoas entre todas as aulas do colexio para aqueles que a queiran recibir e traballar nas súas casas.

INTEGRACIÓN NAS ACTIVIDADES DO CENTRO:
•    Preparar a BE para que actúe como centro de recursos para desenvolver o proxecto interdisciplinar do centro.
•    Apoiar a todo o profesorado nas actuacións necesarias para a consecución das competencias básicas.
•    Facer o seguimento do Proxecto Lector.
•    Levar a cabo o seguimento e avaliación da hora de ler.
•    Elaboración do Plan anual de lectura e dos itinerarios lectores.
•    Servir de apoio e soporte material de fondos ás bibliotecas de aula.

 BLOG “A MORADA DE BULI”:
•    Recoller no blog todas as actuacións levadas a cabo na BE.
•    Difundir o noso blog entre toda a Comunidade Escolar e promover a participación e colaboración de todos no seu funcionamento.

AVALIACIÓN:
A avaliación é continua, con reunións periódicas do equipo para coordinar e valorar as actuacións que se vaian realizando.
Faise tamén un seguimento do préstamo con estatísticas mensuais proporcionadas polo programa Meiga.

c)    O proxecto interdisciplinar.
As actuacións a realizar para traballar o proxecto deste curso: Cangas, inciden na consecución dos obxectivos do PLC, axudando a mellorar todas as competencias e favorecendo a participación e colaboración de toda a comunidade educativa.

6.    RECURSOS.
Os recursos céntranse fundamentalmente na Biblioteca Escolar, tendo unha sección de fondos didácticos ubicados na sala do profesorado.
Ademais a Biblioteca proporciona fondos ás aulas para que dispoñan dunha biblioteca de aula axeitada a cada nivel.
Tamén se utilizan todos os recursos dispoñibles en Internet.

7.    IMPLICACIÓN DAS FAMILIAS.
As familias teñen unha boa disposición para participar e colaborar nas actividades do centro.
Contamos con elas para:
Colaboración na lectura en Ed. Infantil.
Participación nas actividades da Biblioteca: mochilas viaxeiras, blog, …
.
Participación nas actividades do Proxecto Interdisciplinar: exposicións, festivais, …
Participación e colaboración nas diferentes celebracións: Samaín, Magosto, Entroidos, …

8.    AVALIACIÓN.
Para facer un seguimento e avaliación do Plan Anual de Lectura teremos en conta o seguinte:
•    Elaborar unha memoria final recollendo as actividades realizadas.
•    Valorar a participación de todos os niveis nas actividades propostas.
•    Analizar a repercusión na competencia lectora do alumnado.
•    Valorar as actividades e as estatísticas da Biblioteca.