O TEMPO MADE IN BUEU

INVESTIGANDO SOBRE O CLIMA

Como cada ano, o alumnado de sexto realizou investigacións sobre diferentes temáticas.

Aproveitando a experiencia que temos no cole sobre meteoroloxía, unha das temáticas escollidas foi O CLIMA.

Despois dunha coidadosa selección da información e da elaboración da presentación en formato dixital, o alumnado gozou da exposición do traballo e aprendeu moito sobre os diferentes tipos de climas, tipos de nubes, os diferentes tipos de paisaxes segundo o clima… Unha gran aprendizaxe para tod@s!

 

O TEMPO EN BUEU

Nas dúas primeiras semana de abril, tocounos por segunda vez neste curso ir a recoller os datos á caseta meteorolóxica, e esa experiencia sempre nos emociona!

Ademáis, os de 3ºA, aproveitamos para realizar un recopilatorio de refráns meteorolóxicos e outro de instrumentos de recollida de datos. Tamén comparamos o tempo deste mes de marzo de 2022 co mesmo mes do ano pasado cuns climogramas, feitos por equipos.

Ollade o seguinte vídeo!

 

E os de 3ºB realizaron un traballo sobre os diferentes instrumentos meteorolóxicos:

 

 

O TEMPO EN 5º INFANTIL

Deixamos aquí unha mostra do traballo sobre meteoescolas que fixemos este curso nas aulas de 4 anos.

Cada día rexistramos o tempo atmosférico no noso calendario e ao rematar o mes analizamos os datos recollidos. Desta forma practicamos tamén o conteo e a numeración.

Foi unha actividade moi enriquecedora!

OBSERVANDO O CEO EN PRIMAVERA

Durante os meses de abril e maio, ao alumnado de 2º tocoulle recoller de novo os datos da estación meteorolóxica e anotalos no rexistro diario da escola. Para completar esta actividade, o profesorado invitou ás familias a observar o ceo de primavera e tratar de inmortalizar algúns dos fenómenos que se producían.

Posteriormente, nas aulas, clasificamos esas imaxes segundo os fenómenos observados. Con toda a información recollida creamos un VÍDEO que podedes ver premendo nesta imaxe:

Gozade do ceo de Bueu!

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NOS VISITA!

Onte tivemos no Bibliocastelo unha visita moi moi especial:
Antonio García Teijeiro, o autor de VENTO, VENTIÑO, VENTEIRO!!!

Previamente a esta visita, na escola, estivemos traballando con este libro de poemas tan bonito. Aprendemos moitos deles, os recitamos de distintos xeitos (cantando, levando o ritmo, movéndonos...) e incluso nos atrevemos a completar un que lle faltaba o último verso de cada estrofa. Deixámoslle boquiaberto con todos os poemas que sabiamos!!!

Con este libro ampliamos o noso vocabulario sobre os distintos ventos que existen e a súa maneira de soprar. Así, pouco a pouco, vamos completando o noso léxico meteorolóxico...

Xunto con Antonio recitamos e escoitámoslle recitar, creamos un poema novo, axudámoslle a completar outros e finalmente, coñecemos a Martiño, o seu monicreque que é pescador de palabras. Tamén lle recitamos o seu poema Unha paxariña feita de papel con lingua de signos. Ademais contounos que a el fálalle o mar e, se o escoitamos con moita atención, quizais a nós tamén nos chive algún poema tan fermoso coma os seus.

Agradecémoslle a Antonio García Teijeiro a súa visita na que, ademáis, aproveitou para asinarnos os libros. Moitas grazas tamén a Miguel Roma, de Xerais, que fixo posible esta xornada tan fantástica.

Lede moita poesía!!!

Ademais, o propio poeta colgou unha reseña no seu facebook. Deixámosvos o enlace por se o queredes visitar...

FACEBOOK Antonio G. Teijeiro

ALGUNHAS ACTIVIDADES INTERESANTES QUE CONTINUAMOS REALIZANDO

 

       Volvemos coller a testemuña da caixa meteorolóxica. O

cal foi estupendo para traballar o tema dos climas, porque

fixemos a práctica de recoller a información dos elementos

climáticos como: as temperaturas interior e exterior

(máxima e mínima), a cantidade de precipitacións

rexistradas, a presión atmosférica...

 

 

  

 

 

     Elaboramos climogramas de diferentes lugares de España

e Galicia. Tamén realizamos exposicións de traballos de

búsqueda de información sobre como se forman e que tipos

hai de precipitacións, ventos e nubes.

 

 

 

 

 

 

  

 

    A finais de marzo, puxémoslle as trampas ás vespas

velutinas:

    Por cada cinco litros de auga mesturamos 1kg

de azucre e media pastilla de lévedo, que os/as

rapaces/as foron repartindo en cada botella. Algunhas

destas botellas levámolas á escola de Infantil e Ramón

axudounos a colocalas.

 

 

 

 

 

                                                       Moitas grazas Ramón!

 

 

 

 

 

ENQUISAS

Estas últimas semanas o alumnado de sexto está a traballar “a enquisa” .

Seguindo as fases de elaboración, primeiro centrándonosen elixir os temas, neste caso, vinculados cos proxectos do cole (a meteoroloxía, a alimentación e a escola de hai 50 anos).

A continuación, elaboramos as enquisas para posteriormente facer o noso traballo de campo no centro da vila.

Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que compartimos moitas e divertidas experiencias cos veciños de Bueu.

 

 

 

 

 

 

 

PROXECTO METEOESCOLAS 4º B

Esta semana do 21 ao 25 de marzo de 2022, volveunos tocar a caixa meteorolóxica. Xa estivera con nós a semana do 22 ao 26 de novembro de 2021, e quixemos esperar, para facer unha comparativa entre o rexistro do tempo en outono e en primavera.

Cal foi a nosa sorpresa ao comparar os datos recollidos, que as medicións son moi similares. Agora tócanos rematar o traballo, facendo dous climogramas que o representen, tarea na que o alumnado está metido de cheo.

Como resumo podemos destacar os seguintes datos:

                                                                L         M          Me.        X           V

Do 22-26 Nov.     T. máx. ºC                    22,3     14,4     16,6       16,6      15,3

                          T. mín. ºC                       7         8,4        8,7        7          6,5

                          Humidade %                 55        54         58        70         55

                          Precipitacións ml             0          0           0          4           0

Do 21-25 Marzo.  T. máx. ºC                    23        20          16        20,1      24,7

                          T. mín. ºC                      7,7      11          10          8,3       8,3

                          Humidade %                 60         52          55        57        57

                          Precipitacións ml            0          0             4          0          0

 

Como podedes observar subiron un pouco as máximas e as mínimas, pero a chuvia foi a mesma.

Xan non se pode un fiar dos cambios das estacións!!!

 

     

DÍA DA METEOROLOXÍA

O pasado 23 de marzo celebrouse o DÍA DA METEOROLOXÍA. Este tema non é novo para nós, xa que o noso cole participa no programa METEOESCOLAS. Por iso cando nos toca, imos medir á nosa caseta meteorolóxica a temperatura, as precipitacións, a humidade... un montón de datos que nos axudan a saber como foi o tempo o día anterior.

É por isto, que dende VALORES decidimos conmemorar este día construindo un MEMORY con palabras relacionadas co tempo en galego. Primeiro o alumnado agrupouse en parellas, repartimos tarxetas en blanco, e cada parella plasmou nas mesmas unha destas palabras, acompañándoas dun bonito debuxo. 

Agardamos que vos guste!

 

UN FENÓMENO METEOROLÓXICO ESTRAÑO...

Esta semana tivemos a ocasión de coñecer un fenómeno meteorolóxico estraño... O martes 15, o alumnado da nosa escola comezou a preocuparse cando notaron que a néboa que cubría o ceo, era algo diferente á habitual, pois case semellaba ser de cor laranxa!!!

As mestras nos explicaron que efectivamente, o ceo non estaba cuberto de nubes, senón dunha nube de po que viña do deserto do Sahara. A borrasca Celia invadiu a Península Ibérica enchéndoo todo de area!

Ao principio nos parecía raro e mirabamos moi sorprendidos, pero despois descubrimos que efectivamente o Sol estaba no ceo querendo saír tras esa capa rara de area que as mestras dixeron se chama CALIXE SECA!!!

Despois, puidemos ver vídeos e fotos doutros lugares de España que se levantaron cunha boa capa de area, menos mal que en Bueu só caeu unha capa finiña...

Aínda así, as imaxes dende a nosa caseta meteorolóxica chamaban a atención e quixemos deixar constancia deste fenómeno meteorolóxico tan peculiar.

Mesmo as familias animáronse a enviarnos fotos da Ría de Pontevedra cuberta de calixe seca!

Non nos esqueceremos deste día tan especial!

Distribuir contido