blogue deAmalia Omil

VISITA AO COMPOSTEIRO MUNICIPAL

 O mércores foi un día dedicado a facernos mellores persoas porque foi saír da charla da protectora de animais do Morrazo, e irnos a visitar o composteiro municipal.

Acordádesvos de Antón? Claro que si, el veu darnos unha charla de concienciación sobre a compostaxe e con el desfrutamos dun obradoiro sobre quen vive dentro dun composteiro. Pois ben, esta vez veunos buscar para ir un dos composteiros municipais.

Alí estaba esperándonos Iria, a mestra composteira, que nos ensinou todos os segredos das 6 portas que compoñen esta planta. Falounos da importancia de medir a temperatura para saber se os descompoñedores están facendo ben o seu traballo. 

Comprobamos a importancia que, na cadea trófica,  teñen os descompoñedores para que os ecosistemas funcionen á perfección

Antes de ir para o cole desfrutamos do parque está cerca. como molan os últimos días do curso!

 

A ESCOLA PÚBLICA EN BUEU. CHARLA DE ARTURO SÁNCHEZ CIDRÁS

Este blog fíxose eco durante  este curso de todas as actividades desenvolvidas arredor do 50 aniversario do nosos colexio.

 

Pero, como todo na vida, o mellor déixase para o final. Este martes, 31 de maio, O MESTRE DE MESTRES, Arturo Sánchez Cidrás, veu ao noso cole para transmitirnos o froito dunha rigorosa investigación sobre a escola pública en Bueu.

Esta investigación pronto verá a luz de forma gráfica grazas á publicación dun libro, do que amosamos imaxe da portada en primicia (co permiso do autor).

Estamos desexando poder lelo!

 

Imos tratar de facer un resumo da charla. Arturo contounos que antes de edificarse os colexios A Pedra de Bueu, Montemogos de Beluso e  Torre de Cela, a nosa vila estaba chea de pequenas escolas, nas que adoitaban estar separados os nenos das nenas.

 

Explicounos, por exemplo,  que non tiñan aseos e que se o alumnado tiña que facer a súas necesidades, ían de campo, aínda que as modernas xa poesían uns baños como os que está na foto.

Relatou que non tiñan cadernos porque o papel era moi caro, así que usaban pizarras na que se escribían cun pizarrín.  Máis tarde empezouse a escribir en papel con lapis de carbón ou con tinta e tinteiros, para o que eran imprescindibles as plumas de ganso. 

 

Arturo falounos da miseria na que se vivía e que, moitxs nenxs, non podían ir a escola porque tiñan que traballar. A maioría  ían descalzos. As escolas estaban ateigadas de rapazada de todas idades. Nunha escola podía haber máis de 100 alumnxs, que eran atendixs por un só mestre ou mestra. 

 O profesorado estaba moi mal pagado, e as mulleres cobraban moito menos que os homes. A educación que recibían as nenas tamén era diferente á dos nenos.

Non había vacacións. Había escola todos os días, os domingos ían as persoas adultas. Co tempo empezouse a descansar os xoves pola tarde.

Fíxonos concienciar da sorte que temos de ter a escola que temos.

Non temos palabras para agradecerche Arturo que compartas os teus coñecementos con nós! E sobre todo que o fagas con tanta amabilidade.

Debes saber que medramos xuntos e moi ben Na Pedra grazas en gran parte a ti!

QUERÉMOSTE MOITO!

 

 

 

 

OBRADOIRO DE SOPORTE VITAL BÁSICO

Como colofón final ao proxecto que o alumnado de cuarto, fixemos sobre a saúde no segundo  trimestre,  recibimos o pasado martes, 24 de maio, un curso obradoiro, sobre Soporte Vital Básico (SVB), da man de Iván Novas, enfermeiro de reanimación  coa axuda de Tere, estudante de medicina.

 

 

Iván tamén formou parte da comunidade escolar, pois é o pai dunha excelente exalumna,  Antía Novas, polo que a súa estadía enmárcase tamén dentro da conmemoración do 50 aniversario.

Unha serie de siglas axudarannos a entender todo o que aprendemos:

 

VOS: Se atopamos unha persoa no chan debemos Ver, Oír e Sentir para comprobar se está consciente  se respira.

 

PLS : Se está INCONSCIENTE pero SI RESPIRA, debemos proceder a poñer a vítima na  Posición Lateral de Seguridade para liberar a vía aérea.

 

RCP: Se ademais de estar INCONSCIENTE, NON RESPIRA debemos proceder a Reanimación Cardio Pulmonar. Para practicar, Iván trouxo dous bonecos, un dun neno e outro dun adulto.

OVACE: Tamén aprendemos como actuar se alguén ten unha Obstrución da Vía Aérea por Corpo Estrano. Quedounos claro que se tuse hai que animar a que siga tusindo, pero se non o fai e se asfixia debemos proceder á manobra de Hemlich.

Foi unha experiencia moi formativa. De xeito moi entretido practicamos, nin máis nin menos, como salvar a vida dunha persoa.

Moitísimas Grazas Iván, ten por seguro que este día ímolo lembrar sempre. Grazas tamén por ter tanta paciencia con nós.

 

Grazas tamén a Tere por volver compartir con nós os teus coñecementos.

Nestes vídeos podedes ver o moito que aprendemos e como practicamos e de paso tamén nos divertimos.

 

 

 

ANDAINA POLA CONTORNA CON ARTURO SÁNCHEZ CIDRÁS

Canto temos que agradecerlle a Arturo! A admiración por este gran mestre é infinda! Aparte de ser unha enciclopedia andante é unha belísima persoa, sempre disposto a axudar e a acudir ás nosas demandas.

Este martes, 3 de maio, o alumnado de cuarto, tivemos a sorte de saír pola nosa vila, baixo a súa batuta. O obxectivo era observar os ecosistemas de río e costa (perfecto para o último proxecto deste curso), visitar algún lavadoiro ou fonte ( colofón ao proxecto da auga do trimestre anterior) e coñecer parte da historia de Bueu.

Antes no cole díxonos que íamos ir por lugares que, aínda que xa coñeciamos, iamos ver, oír e incluso ulir sensacións que antes non apreciaramos.

Empezamos por percorrer a beira do río Bispo. Observamos cal era a vexetación da contorna e falamos da fauna. Escoitamos algún merlo cantar.

Despois andamos pola vila, lavadoiros , xardíns, salga do museo Massó …

Chegamos ás praias, primeiro a de Petis, logo a de Loureiro, onde merendamos; e rematamos na de Agrelo. Observamos as algas, as rochas, caranguexos, caramuxos, gaivotas, lapas, …

Neste vídeo poderedes ver imaxes deste día tan entretido e instrutivo.

 

 

MILLÓNS DE GRAZAS ARTURO

 

 

DÍA DO LIBRO 2022: VISITA DE SABELA NÚÑEZ SINGALA

O alumnado de 4º celebramos  O DÍA DO LIBRO recibindo a vista de Sabela Núñez Singala, autora de O AGASALLO DE ANYA.

Tiñamos moitas ganas de coñecela porque o libro, non só nos gustou, nos REQUETEENCANTOU.

O máis importante é que nos fíxo reflexionar, e que rabuñou nas  nosas entrañas ao comprobar que a vida de moitxs nenxs é moi difícil e que nós temos, moitísima sorte de vivir onde vivimos.

O agasallo de Anya  trata da vida dunha nena de UCRANIA. Cando lle pedimos este libro aos Reis Magos, non sabiamos que ía a haber unha guerra, pero pouco antes de comezalo a lelo estalou, así que a nosa motivación foi aínda maior.

Sabela contounos que escribiu este libro porque ela estivo alí, xa hai 10 anos e que coñeceu á rapazada que vivía nos orfanatos e que comprobou que a pesar de faltarlle moitas cousas que nós temos, eran felices.

Agora está moi preocupada por esta maldita guerra que están sufrindo.

Sabela contestou a todas as nosas preguntas e asinou e dedicou os nosos exemplares do libro.

Ao final agasallámola co lapiseiro do 50 aniversario.

 

 

Se pinchades aquí para ver o que Sabela publicou no seu blog, desta visita ao noso cole.

No seguinte vídeo poderedes ver imaxes desta visita.

 

 

VISITA DE Mª VITORIA OGANDO VARCÁRCEL E ANXO GONZÁLEZ GUERRA

 

Que mellor forma de comezar este primaveral mes de abril, que recibir a vista destas dúas persoas tan importantes para a nosa lingua!

Vitoria e Anxo son a avoa e avó de Aldán, alumno de 1º de primaria do no noso cole, e aínda que ese é un título que lle fai sentir moi orgullosxs, non viñeron visitarnos por iso, senón porque son os autores da páxina web OGALEGO.EU,  que contén infinidade de recursos de LINGUA E LITERATURA GALEGA. Clicando no seguinte enlace poderedes acceder.

https://www.ogalego.eu

Ambxs colaboran, de xeito moi activo, tamén na GALIPEDIA, que é como poderedes imaxinar, a wikipedia en galego. Igualmente clicando no seguinte enlace poderedes acceder: 

https://gl.wikipedia.org/wiki/Portada

Contáronnos moitas anécdotas da súa vida, pero sobre todo nos falaron do amor pola lingua galega. Tanto Vitoria como Anxo foron mestres de galego en instiitutos de Pontevedra.

Anxo contounos, que actualmente tamén colabora no programa LUAR da TVG, facendo, precisamente de mestre.

Ao final da charla, agasallámolos co vaso conmemorativo do 50 aniversario do noso colexio.

Estas fotos recollen algún dos agradables momentos vividos este pasado venres.

 

Un auténtico pracer coñecervos!

ANA ALONSO VISITA O NOSO COLE

O pasado venres, 25 de marzo, o alumnado de cuarto, tivemos a sorte de recibir a visita de Ana Alonso. Estabamos supermotivadxs, pois, como vos contamos nunha entrada anterior, neste segundo trimestre,  estivemos lendo o libro de poemas OLOR A MAR, SABOR A CHOCOLATE.

A escritora, contounos que sempre lle gustou ler. Díxonos que a súa casa estaba chea de libros e que cando tiña, máis ou menos a nosa idade empezou a escribir poesía. Era unha nena moi tímida e escribir permitíalle desfogar todas as súas emocións. Escribía para ela, ata que un día se atreveu a presentarse a un concurso e gañou. Iso doulle seguridade en si mesma.

Ana, leunos algún dos seus poemas, pero cando se entrou que nós tamén recitabamos e que fixeramos un recital de poesía pediunos que foramos nós quen llo fixeramos a ela. 

Contestou, moi amablemente á infinidade de preguntas que lle fixemos.

Aquí queda unha galería de imaxes desta visita inesquecible.

DÍA DA POESÍA

O alumnado de 4º traballou, durante este segundo trimestre, un fermoso libro titulado "Olor a mar, sabor a chocolate".

Para conmemorar o día da Poesía, realizaron un recital cos poemas do texto.

Como non cabían todos nas instalacións da emisora, fixérono en tres pases:

 

O próximo venres, recibirán a  visita de Ana Alonso, autora do poemario, e de seguro que se vai sentir orgullosa de escoitalos!

 

 

CHARLA SOBRE HIXIENE BUCAL

O alumnado de cuarto seguimos medrando en coñecementos sobre a saúde.

Esta semana recibimos na nosa clase a Cris, que recentemente, no día da Muller Traballadora, contounos na entrevista radiofónica que era hixienista bucal.

A nosa querida mestra de prácticas falounos de que eran as placas dentais, o sarro, as caries, a xenxivite ou a periodoncite. Explicounos como podemos previr estas enfermidades, ou como tratalas se xa as temos.

Estivemos todxs moi atentxs e  fixémoslle infinidade de preguntas.

Canto aprendemos destas exalumnas! Dende logo debemos celebrar este 50 aniversario! Porque destas aulas saíron persoas tan boas e competentes como a nosa admirada Cris!

PINTANDO A ROSALÍA CON ESTEBAN TARABELOS

Acordádevos do contacontos do día de Rosalía? Pois, despois de escoitar como Esteban, nos facía unha fermosa versión de "Vidal O Sinventura", historia incluída dentro de Cantares Gallegos, lembrade que fomos para as nosas aulas e pintamos o conto. 

As nosas mestras entregáronllo os nosos debuxos a Esteban, e este plasmounos no muro da pista de baloncesto e invitounos a colorealos!

Tivemos que esperar, porque xusto foi chover o día que nos tocaba, pero o pasado luns por fin puidemos facelo.

Mirade neste vídeo un resumo en fotos desta actividade tan chula!

 

Distribuir contido