Desde hoxe contamos no centro con un PUNTO LARANXA contra o acoso e o ciberacoso escolar.
É un punto físico, ben identificado, que funciona como unha caixa de correo a través da cal o alumnado poderá comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou que perciban en terceiros.
As familias desempeñan un papel fundamental para a prevención do acoso e o ciberacoso e, polo tanto, neste plan cobra unha especial relevancia a súa contribución para a prevención de conflitos e a resolución pacífica destes. De aí que se promova unha estreita colaboración entre as familias e os centros educativos habilitando liñas de comunicación coa escola para traballar de maneira conxunta.
Para asegurar a súa participación fluída, crearase unha canle dixital para as familias que inclúa información, contidos formativos e materiais que axuden á detección temperá de condutas de acoso. Isto é, que as familias tamén dispoñan de ferramentas que as axuden a identificar cambios nos seus fillos que poidan derivar desas situacións.
Para iso potenciarase o papel das asociacións de nais e pais con accións formativas desenvolvidas por profesionais da Consellería de Sanidade, e seguiranse ofrecendo obradoiros específicos para familias tanto nos centros como en concellos e asociacións deseñados pola Consellería de Política Social e Xuventude a través dos profesionais dos centros Quérote+.