Iniciar sesión: Acceso

Novas do Equipo de Convivencia e Mediación

Obradoiros de Convivencia e Mediación en 1º e 2º ESO - curso 22/23

 

A Educación ten como obxectivo promover a formación integral alumnado co fin de garantir o pleno desenvolvemento da súa personalidade. Isto fai preciso que na escola se potencien, non só as capacidades cognitivas ou intelectuais, senón tamén as que fan referencia ao equilibrio persoal e afectivo, ás relacións interpersoais e á inserción social.

Para contribuír á potenciación destas capacidades no noso alumnado, o Equipo de Mediación e Convivencia do IES Val do Tea, en colaboración coa asociación Alicce, vén desenvolvendo desde hai tres anos diferentes obradoiros que se centran principalmente no acoso escolar e na formación en competencias socioemocionais do alumnado de 1º e 2º da ESO, respectivamente.

 

Previr o acoso escolar representa un gran desafío porque as situacións de acoso prodúcense moitas veces de maneira escondida, encuberta e silenciosa fóra da aula e do alcance do profesorado e das familias. Ademais é habitual que se actúe despois de darse previamente algunha situación. Por iso é tan importante a posta en marcha de medidas proactivas e preventivas. Daquela, a sensibilización e formación neste eido co alumnado faise imprescindible, xa que é quen primeiro detecta estas situacións e quen non ten ferramentas para actuar, ben porque está sendo vítima e non sabe como enfrontalas, ou ben actúa como espectador sen impedir que o acoso pare. A importancia de que se decate que o acoso é responsabilidade de todas e todos, a importancia de que vexa que os espectadores teñen un papel relevante e que empreguen as novas tecnoloxías de xeito respectuoso e responsable é fundamental á hora de frear este tipo de situacións.

Por outra banda, tamén é imprescindible o uso e desenvolvemento da Intelixencia Emocional, entendida como a capacidade de recoñecer as emocións propias e as dos demais (Conciencia emocional) e a capacidade de xestionar e modificar as emocións de forma apropiada ao contexto e ás relacións (Regulación emocional). Ademais, a Intelixencia Emocional tamén abrangue competencias como a asertividade, estratexias para a resolución de conflitos, empatizar cos demais e favorecer un clima relacional óptimo, tolerar a frustración, afrontar os medos, maior flexibilidade mental...

Así pois, co desenvolvemento destes obradoiros, o Equipo de Mediación e Convivencia do IES Val do Tea pretende detectar, previr e erradicar este tipo de condutas no noso Centro, crear un clima de aula que favoreza as relacións sociais entre o alumnado e que este adquira e desenvolva competencias socioemocionais que favorezan o seu benestar emocional e social.

 

 

O alumnado de 1º da ESO participou no Obradoiro de Formación en Prevención do Acoso Escolar traballando o acoso escolar, o comportamento asertivo, a empatía e o bo uso de internet e das redes sociais coa finalidade de conseguir os seguintes obxectivos: fortalecer a confianza en si mesmos/-as, desenvolver o estilo asertivo nas relacións sociais, identificar as emocións nos demais (empatía), tomar conciencia da importancia de manter relacións interpersoais positivas e satisfactorias cos iguais, coñecer e identificar situacións de acoso escolar, fomentar unha actitude crítica e de rexeitamento cara á violencia, proporcionar pautas de actuación e intervención ante posibles situacións de acoso escolar e fomentar valores como a tolerancia, o respecto e compañeirismo.

 

 

O alumnado de 2º da ESO participou no Obradoiro de formación en competencias socioemocionais traballando as habilidades intrapersoais e interpersoais que integran a intelixencia emocional (a valoración persoal,a conciencia emocional, a xestión emocional e a resolución de conflitos) coa finalidade de conseguir os seguintes obxectivos: favorecer o autocoñecemento, fortalecer a confianza en si mesmos/as, fomentar un maior coñecemento e xestión das propias emocións, aprender estratexias de xestión emocional e flexibilidade mental, identificar as emocións nos demais (empatía), desenvolver a comunicación emocional nas relacións sociais e aprender a resolver conflitos de forma pacífica e equilibrada.

Distribuir contido

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG