Iniciar sesión: Acceso

Saídas didácticas

Información, imaxes e vídeos relacionados coas saídas didácticas.

"Coñece as túas institucións". Visitamos o Parlamento Galego e a Xunta de Galicia

O pasado martes 31 de outubro, o alumnado de 3º ESO tivo a oportunidade de visitar o Parlamento galego e a Xunta de Galicia grazas ao programa "Coñece as túas institucións" e á iniciativa do Departamento de Xeografía e Historia. Ben se ve que foi unha visita moi interesante!

Coñecemos de preto o servizo do 112

O pasado 25 de setembro o alumnado de 1º ESO tivo a oportunidade de achegarse ata o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Estrada, para coñecer de primeira man o funcionamento do servizo 112. 

Despedimos o curso 2022/23 na Freixa!

Nada mellor nesta última xornada lectiva que unha saída á Freixa! Todo o alumnado da ESO, xunto con boa parte do profesorado, fomos pasar esta mañá de mércores, 21 de xuño, á Freixa, onde as alumnas e alumnos tiveron oportunidade de practicar actividades deportivas, disfrutar dun baño (ben fresco!) e pasar unhas horas de convivencia antes de despedir o curso de xeito definitivo. Agardamos que fose unha xornada agradable para todas e todos vós!

Pasade moi boas vacacións, pero lembrade vir o luns recoller as notas!

Álbum: Curso 2022-23 -> Saída á Freixa (21/06)

Encontro clubs de lectura

Para despedir o curso 22/23, o noso Club de lectura da ESO xunto co Club de lectura do CEIP Fermín Bouza Brey mantiveron un pequeno encontro a carón do río, no que compartiron lecturas e unha pequena sesión de convivio. Agardamos que fose unha xornada interesante e que volvan o vindeiro curso con ganas de seguir vivindo aventuras a través das lecturas!

Onde o mundo se chama Celanova...

Aí vén o maio

de flores cuberto...

O pasado luns 22 de maio, o alumnado de 3º ESO achegouse a Celanova para coñecer máis de preto a terra de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro.

Tiveron a oportunidade de achegarse ao fermosos Mosteiro de Celanova e acceder á cela na que estivo preso o escritor, feito que inspiraría o famoso poema "Longa noite de pedra". Visitaron tamén a casa natal de Curros Enríquez, máis coñecida como a Casa dos poetas. Alí aprenderon un pouquiño máis sobre a interesante vida deste autor, fundamental na historia da nosa literatura.

Finalmente, remataron a xornada en Vilanova dos Infantes, onde ademais de visitar este fermoso lugar, puideron subir á súa famosa torre e ver a réplica da Virxe de Cristal que alí se conserva.

Sen dúbida, foi unha xornada ben aproveitada.

Visitamos a Feira dos Minerais de Guláns

O pasado venres 5 de maio o alumnado de 1º ESO visitou a Feira dos Minerais que se organiza cada ano en Guláns. Alí puideron participar nun obradoiro de identificación de minerais, impartido pola Escola de Minas e Enerxía de Vigo; e noutro de Mineraloxía, levado a cabo polo Grupo Mineralóxico e Xeolóxico Galego. Sen dúbida, foi unha visita moi didáctica.

Pontevedra, con Castelao e María Casares

Este xoves 20 de abril, ao remate da xornada de mañá, o alumnado de Reforzo Lingüístico e de Artes Escénicas de Bacharelato colleu un autobús con destino Pontevedra para ter a oportunidade de coñecer un pouquiño máis da vida e obra de dúas referencias da cultura galega: Castelao e María Casares.

Para comezar a tarde, no Museo da cidade puidemos visitar a exposición "Os mundos de Castelao" e revisitar unha vez máis os álbums e cadros deste artista, figura central da nosa cultura e da historia de Galicia do s. XX, que nos deixou unha fonda aprendizaxe en cada unha das súas obras.

 

Unha vez rematada a visita, o alumnado percorreu as distintas prazas de Pontevedra, coñecendo con máis detalle a historia da cidade, para finalmente rematar no Teatro Principal ás 21h, onde asistimos á representación Continente María, da compañía "A quinta do cuadrante". Unha obra na que Melania Cruz nos presenta a protagonista como un continente que ansiamos percorrer, establecendo unha cartografía emocional en base ás súas vivencias, pensamentos e recordos, viaxando a través dun diálogo entre o presente e o pasado para tratar de entendernos mellor como seres humanos creadores e habitantes dun mundo no que non hai tantos anos, as exiliadas eran as galegas que defendían a democracia.

Porque "actuar é vencer o medo".

Circuíto da Ciencia e da Comunicación

O pasado xoves 20 de abril o alumnado de 1º ESO realizou o Circuíto da Ciencia e da Comunicación da Semana das Ciencias que organiza o Concello de Ponteareas. Tiveron a oportunidade de aprender sobre reloxos, na Casa do Reloxo; de achegarse ao mundo da imprenta, da man de AceroPlus, desde Si Radio explicáronlles como editar os seus audios cun pequeno obradoiro de Audacity; visitaron a exposición da radio no Auditorio Municipal e finalmente xogaron ao xogo das "Once Torres", creado polo profesor Xabier Prado. Sen dúbida foi unha mañá ben aproveitada!

Coñecemos a Domus e a Casa das Ciencias

Este luns o alumnado de 2º ESO tivo a oportunidade de viaxar á Coruña para visitar dous museos interactivos ben coñecidos: a Domus e a Casa das Ciencias. Foi un día moi ben aproveitado no que tiveron a oportunidade de ampliar coñecementos sobre ciencia fóra da aula e dun xeito diferente.

 

Visitamos o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las

O pasado venres 14 de abril o alumnado de 1º ESO tivo a oportunidade de visitar o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, onde participaron en diferentes obradoiros. Todo apunta a que foi unha mañá moi ben aproveitada!

Distribuir contido

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG