Iniciar sesión: Acceso

Novas da Biblioteca

Viaxamos con Exeria

O luns da pasada semana, 13 de novembro, chegou Exeria para explicarnos detalles da súa viaxe e para convidarnos a seguir camiñando con ela polo seu libro, camiño das palabras...

O alumnado de 1º de Bacharelato tivo a oportunidade de charlar con Marisa Vidal Collazo, autora de Eu son Exeria, lectura feminista dunha viaxe no século IV, sobre a vida desta interesante muller pioneira do seu tempo.

Grazas, Marisa, pola túa visita.

 

Despedimos o club de lectura de Bacharelato e profes ata setembro!

O club de lectura do alumnado de Bacharelato e profes despídese por este curso 22/23 coa lectura da peza teatral As alumnas, de Paula Carballeira. Volveremos en setembro con novas lecturas!

Feliz verán a toda a comunidade educativa!

 

Última sesión do club de lectura de familias

Na última sesión deste curso 22/23 do club de lectura de familias tivemos connosco a Sara e Noa, alumnas de 1º Bacharelato, que viñeron falar de María Casares. As persoas participantes leron con anterioridade a biografía da actriz  (María Casares, a célebre refuxiada, a descoñecida) de Arancha Estévez e tamén tiveron a oportunidade de asistir á obra de teatro Continente María no mes de abril.
Con esta exposición das nosas alumnas poñemos o ramo a un ano de lecturas compartidas. Volvemos en setembro!
 
 

Encontro clubs de lectura

Para despedir o curso 22/23, o noso Club de lectura da ESO xunto co Club de lectura do CEIP Fermín Bouza Brey mantiveron un pequeno encontro a carón do río, no que compartiron lecturas e unha pequena sesión de convivio. Agardamos que fose unha xornada interesante e que volvan o vindeiro curso con ganas de seguir vivindo aventuras a través das lecturas!

LETRAS GALEGAS 2023

No IES Val do Tea celebramos as Letras Galegas os 365 días do ano!

E con motivo deste 17 de maio, 60º edición do Día das Letras Galegas, non esquecemos conmemorar a figura de Francisco Fernández del Riego, grande intelectual e defensor da lingua e a cultura galega (e fundador ademais da celebración do Día das Letras Galegas!). 

"Na lingua, sáibano ou non os indiferentes, está o máis íntimo e san do noso espírito". Francisco Fernández del Riego.

24 de abril, celebramos o Día do Libro

Este 24 de abril celebramos o Día do Libro! 

O EDLG, como vén facendo nos últimos anos, organizou un amig@ invisible entre o alumnado de 2º Bacharelato e o profesorado que tivo unha moi boa acollida e no que se agasallaron lecturas realmente interesantes!

Ademais, desde a Biblioteca organizouse un pequeno posto de intercambio/agasallo de libros no que podedes coller o libro que vos apeteza ler, do mesmo xeito que compartir aquel que teñades por casa e xa non precisedes, para que outra persoa teña ocasión de lelo. A que agardades para pasar por el?!

"Para viaxar lonxe, non hai mellor nave ca un libro", Emily Dickinson.

Día do libro 2023

Neste Día do libro, alumnado e profesorado do IES Val do Tea compartimos convosco unha serie de recomendacións que podedes atopar na nosa Biblioteca.

Por 365 días de boas lecturas!

Revisitamos o mito de Circe e Penélope da man de Begoña Caamaño

Nunha nova sesión do Club de lectura de profesorado e alumnado de Bacharelato tivemos a ocasión de comentar a novela Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño. Unha novela que nos permitiu falar de mitos e de feminismo, achegándonos ao mito da Odisea, e do tan recoñecido Ulises, desde o punto de vista das mulleres da historia, tantas veces relegadas a un segundo plano, Circe e Penélope. 

Vémonos en xuño cunha nova lectura! 

O mes da poesía

Neste mes de marzo estase a desenvolver unha exposición de poesía no eirado e nas árbores medraron follas e poemas.

 

A semana de Poesía e do Teatro

Desde o día 21 ata o 27 celebramos no instituto a Poesía e o Teatro. Primeiro convocounos, de sorpresa, a poesía. O mércores 22 Leti Breijo, Arancha Nogueira e o chío dun paxaro entraron nas aulas de 3º da ESO, sen previo aviso, e con dozura e arroubo para recirtar os seus versos. Quince minutos de poesía condensada. Ademais, ao longo da semana, os alumnos e alumnos do citado nivel recibiron audios de poemas recitados e creados polos integrantes do obradoiro de poesía “Arquitecturas do poema” desenvolvido pola editorial Apiario. Rematamos a semana “turrando polo poema como por un becerro”, xa que venres tivemos a sorte de ter no centro a Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2022 polo seu poemario FelizIdade, libro que lemos este mes no Club de lectura de familias. Arredor da súa poesía e dun venres fermoso, “aprendemos a ladrar”.

E para poñer fin ás actividades poéticas destes días, tivemos un encontro poético e on line con Dores Tembrás, que falou coa rapazada de 3º da ESO (con elegancia e cariño) do feito poético e do oficio de escribir versos, que é seu.

Está claro que nos gusta celebrar, por iso, non quixemos esquecernos do teatro e da súa festa. Para poñer en valor a súa importancia, lemos, cos versos de Olga Novo, o texto dramático “O senso da floración” da dramaturga Laura Porto, ex alumna do centro, e lectora de Olga Novo. Por iso as fixemos coincidir no tempo e na literatura e tamén asistiu ao encontro do venres. Di Laura que “O senso da floración” foi escrito con Olga Novo. Del bebeu e nós quixemos achegarnos ás dúas autora simultanemente. O teatro saíulle ao encontro á poesía.

Que gusto facelas coincidir esta semana no noso insti!

Foi un gusto verdadeiro recibirvos ás catro. Grazas por deixardes aquí as vosas miradas.

 

Distribuir contido

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG