Iniciar sesión: Acceso

Novas do EDLG

Orgullo Galego visita o Val do Tea!

Na tarde de onte, luns 8 de maio, dentro das actividades previstas para a conmemoración do Día das Letras Galegas, contamos coa presenza de Orgullo Galego. O alumnado de 1º Bacharelato tivo a oportunidade de charlar con Borxa sobre o galego e a súa presenza nas redes sociais.

Grazas, Orgullo Galego, pola vosa visita!

 

Correlingua 2023

Onte, mércores 3 de maio, o alumnado de 1º ESO participou, xunto con outros centros de Ponteareas, Tui, As Neves e O Porriño, no Correlingua 2023.

O Correlingua é unha celebración en prol dos dereitos da lingua galega que organiza a Asociación Cultural Correlingua e que cada ano percorre as distintas comarcas de Galiza. Este ano, ao seu paso por Ponteareas, o alumnado do Val do Tea non podía faltar! 

 

24 de abril, celebramos o Día do Libro

Este 24 de abril celebramos o Día do Libro! 

O EDLG, como vén facendo nos últimos anos, organizou un amig@ invisible entre o alumnado de 2º Bacharelato e o profesorado que tivo unha moi boa acollida e no que se agasallaron lecturas realmente interesantes!

Ademais, desde a Biblioteca organizouse un pequeno posto de intercambio/agasallo de libros no que podedes coller o libro que vos apeteza ler, do mesmo xeito que compartir aquel que teñades por casa e xa non precisedes, para que outra persoa teña ocasión de lelo. A que agardades para pasar por el?!

"Para viaxar lonxe, non hai mellor nave ca un libro", Emily Dickinson.

Pirolíticos, de Mofa e Befa

O pasado mércores o alumnado de 4° ESO tivo a oportunidade de asistir á peza Pirolíticos de Mofa e Befa, na Sala Ártika. Un pouco de teatro sempre está ben!

Pirolíticos é esencialmente unha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades de sempre e conseguir (no caso dos homes) unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos. Ao igual que os fornos modernos, é necesario conseguir un estado de “baleiro total” para poder comprender e asumir os novos conceptos que o feminismo achegou nas últimas décadas. Reflexionar sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, recoñecer a súa posición de privilexio, e amosar as contradicións que estas influencias provocan no noso día a día, poñendo o foco en todo momento sobre un home que simpatiza coa teoría feminista e aspira a vivir en consonancia con ela, pero que ten que enfrontar unha cultura machista profundamente instalada.

   

Iria e Diego no Concurso de Recitado Poético "Rosalía sempre viva"

O IES Val do Tea non puido ter mellor representación o pasado sábado, 11 de marzo, no Concurso de Recitado Poético "Rosalía sempre viva" que organiza a Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei).

Demostraron decisión e moitas ganas nas súas intervencións. Iria M. (4º ESO), co seu recitado de "San Antonio Bendito", de Rosalía de Castro; e Diego V. (1º Bach.) con "A fala", de Manuel María.

Parabéns, rapaces, polo voso traballo!

  

 

Venres de Entroido

Non todos os días son venres de Entroido, pero ben podían! Parabéns a todas as persoas que participastes e axudastes a facer desta pequena celebración un gran día!

Álbum: Curso 2022-23 -> Entroido 2023

Día mundial da radio 2023

Con motivo do Día mundial da radio, parte do noso alumnado participou un ano máis na Canle "Onda Raia Pedras Rubias", do IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas). Nesta ocasión participaron Sara, Carmen, Noa e Mª Isabel, de 1º Bacharelato, cun interesante debate sobre "obra e autor".

Festexando o magosto! V Xincana de xogos populares

O pasado venres disfrutamos das castañas, xogamos, competimos e sobre todo pasamos un tempo fantástico celebrando o Magosto!

Álbum: Curso 2022-23 -> Magosto

Saboreando o Samaín

Grazas a todas as persoas que participastes cos vosos terroríficos (e saborosos!) doces no concurso Toca cociñar! Nos próximos días comunicaremos as persoas gañadoras! 

Álbum: Samaín -> Concurso "Toca cociñar"

Concurso Portas do terror

Neste enlace podedes ver as "Portas do terror" participantes no concurso organizado polo EDLG. Nos próximos días coñeceranse as persoas gañadoras!

Álbum: Samaín -> Concurso "Portas do terror"
Distribuir contido

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031

Calendario de exames de Bacharelato

Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Equipo de Convivencia e Mediación

Contratos-Programa

CIUG