Os alumnos de primeiro da ESO participan no programa "Mares de cultura, os nenos e o mar"

Os alumnos de primeiro de ESO participaron a pasada semana nas actividades desenvolvidas polo programa "Mares de Cultura, os nenos e o mar". Durante a xornada do martes 18 de abril asistiron a unha charla sobre recursos mariños e biodiversidade do entorno de A Mariña-Ortegal. As actividades completáronse cunha saída o xoves 20 de abril para descubrir a natureza da ría do Masma e a actividade do porto de Burela, en concreto a labor das redeiras.

Durante a xornada, realizaron un pequeno percorrido pola ría do Masma, onde os escolares levaron a cabo un censo de aves. Equipados, en diferentes equipos de mostraxe, con prismáticos, fichas de identificación e caderno de notas, os diferentes grupos puideron recoñecer varias especies de aves características dos entornos de humidais costeiros como as píllaras, garzas, garzotas, mazaricos, gaivotas e bilirucos entre outras observacións. O día era complicado para as observacións, xa que soplaban ventos moi fortes do nordés, aínda así tiveron a sorte de avistar individuos de diferentes grupos que fixeron que os alumnos mostrasen un enorme interese pola fauna local.

A xornada completábase, nun plan inicial, cunha dinámica de especies invasoras na zona das praias e sistemas dunares de Rapadoira e Llás, pero que por motivos dos fortes ventos se tivo cancelar. Realizaron no seu lugar unha visita ás redeiras de Burela, onde os participantes coñeceron as diferentes artes de pesca guiados por María Jesús. Durante esta visita os escolares tamén entenderon a importancia dunha correcta xestión pesqueira e os posibles impactos que poden causar diferentes artes e aparellos de pesca nas aves.

http://maresdecultura.es/natureza-na-ria-do-masma-e-redeiras-en-burela/