Skip to Content

Premios para o IES Perdouro de traballos por proxectos e de convivencia e benestar emocional

Esta semana recibimos as noticias de que o labor do IES Perdouro foi premiado no IX Concurso de Traballos por Proxectos e no I Premio ConVivimos, ambos convocados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

No contexto do PLAN LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) convocouse o IX Concurso de Traballos por Proxectos 2022-23 baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar. A finalidade do proxecto, de carácter interdisciplinario, foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? - Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?”

O proxecto comezou analizando as necesidades de crear un espazo para o cultivo de vexetais durante o período escolar no centro educativo, de xeito que se puidera levar a idea a outras persoas que quixeran facer o mesmo (DIY) e seleccionar cultivos para distintos fins. Neste proxecto o estudo das estruturas xeodésicas e dos tipos de cultivo foron o medio para acadar o fin. Tralo estudo das estruturas xeodésicas, comezouse a elaboración dun proxecto técnico que supoñía: deseñar e realizar o cálculo da estrutura xeodésica, deseñar a disposición das macetas/mesas de cultivo, elaborar os detectores de temperatura interior e os detectores de humidade para controlar o regado das plantas. Investigouse sobre os cultivos que se ían realizar, completando o traballo coa información facilitada polas familias, empregáronse as formas da natureza (coliflor, brócoli, col romanescu e suculentas) para estudar os fractais e utilizáronse as plantas aromáticas (lavanda, menta etc) para elaborar distintos tipos de xabón. Finalmente, procedeuse á difusión do proxecto e á realización de agasallos cos cultivos conseguidos e produtos elaborados.

A contía que recibiu o centro foi de 2000 € como se pode comprobar na resolución que fai pública a relación de centros premiados. 

Por outra parte, co fin de recoñecer o esforzo realizado polos centros educativos na mellora da convivencia e do benestar emocional, convococouse o I Premio ConVivimos 2023 de convivencia e benestar emocional, para recoñecer aquelas actuacións e proxectos de carácter individual e/ou colectivas que implicaran un alto grao de compromiso coa mellora da citada convivencia escolar e benestar emocional. Para esta convocatoria presentouse un proxecto de todas as actividades relacionadas coa educación emocional que se realizaron no centro durante o ano pasado. Nestas actividades participou alumnado de todo o centro (ESO, BACH, FP) e colaboraron diferentes departamentos grazas á formación recibida no PFPP e á coordinación das profesoras Yolanda Fernández e Montserrat Seco, esta última a través do Programa de Educación Responsable. O alumnado recibiu sesións de Educación Emocional, realizou un estudo sobre emocións no IES Perdouro, construíu unha estrutura suspendida, redactou relatos e poemas, o Coro das Emocións interpretou varias cancións etc.

Ao IES Perdouro outorgóuselle polo proxecto #EmociónsNoPerdouro un áccesit, quedando no 4º posto dos 50 centros da comunidade autónoma que se presentaron nesta primeira convocatoria como consta na relación de premiados

O alumnado de 1º ESO enviou cartas aos xeriátricos para felicitar o Nadal

Un ano máis, o alumnado de 1ESO do IES Perdouro participou na actividade de elaboración e envío de cartas a distintos xeriátricos da Mariña para felicitar as festas aos nosos maiores e arroupar a aqueles que poidan sentirse sós.  

Agardamos ter sorte e, que á volta das vacacións de Nadal, algúns se animen a respondernos!

Felicitación de Nadal do alumnado de Literatura Universal

Moitos parabéns polo voso traballo e moitas grazas pola vosa orixinal felicitación! 

Entrega de premio Concurso Taboleiros de Nadal

María José, Andrea e Sandra foron entregar esta mañá uns detalliños aos premiados do concurso de Taboleiros de Nadal.

- 1º Premio: 4º ESO PDC 
- 2º premio: 1º ESO B e 2º Bacharelato B (empatados a puntos) 
- 3º premio: 4º ESO B Moitos parabéns a todas as clases que participaron. 

Houbo moita calidade e creatividade. 

Accede ao álbum de fotos da entrega de premios AQUÍ.

Entrega de premios Certame Postal de Nadal 2023

Hoxe fallamos o concurso de Postal de Nadal e entregamos os diplomas do certame.

O dpto. de Educación Plástica e Visual traballou co seu alumnado de 1º de ESO sobre como aproveitar un elemento da vida cotiá para a partir del facer unha creación artística.
 
As premiadas son :
  • Eva Núñez Lago -> 1° premio
  • Lucía Otero González -> 2° premio
  • Antía Domínguez Piñeiroa -> 3° premio
O debuxo de Eva representará a tarxeta institucional do IES Perdouro.
 
Accede ao albúm de fotos da entrega de premios AQUÍ.
 
Parabéns ao alumnado de Andrea e Sandra pola súa creatividade.
 


 

Felices Festas!

 

 

 

Fallo do concurso Taboleiros de Nadal 2023

 Nesta edición do concurso Taboleiros de Nadal os grupos gañadores foron: 

- 1º Premio: 4º ESO PDC

- 2º premio: 1º ESO B e 2º Bacharelato B (empatados a puntos)

- 3º premio: 4º ESO B

O traballo en equipo dá os seus froitos. Todo o alumnado de cada grupo recibirá un pequeno agasallo e como equipo obteredes un diploma conmemorativo. Grazas por contaxiar as aulas de ambiente de Nadal. 

Moitos parabéns!

Xa temos árbore de Nadal 2023-24

Este curso a árbore vén chea de sorpresas: casiñas, ourizo cachos, renos e unha morea de orixinais adornos. 

Con ela, o IES Perdouro deséxavos un feliz Nadal!

 

Amplíase o prazo para os taboleiros de Nadal

 

Mes da ciencia en galego: obradoiro "A ciencia dentro dunha pompa de xabón"

O xoves 30 de novembro de 2023, a quinta hora da mañá, o alumnado de 3º da ESO A do IES Perdouro de Burela, foi á biblioteca para encontrarse con Marga, quen máis tarde lles explicou moitas curiosidades sobre as pompas de xabón. 

A actividade comezou cunha breve explicación sobre que é o xabón e de que está formado, e máis tarde falaron sobre como se facían as pompas e tamén sobre a tensión superficial. Tras a explicación leváronse a cabo varios experimentos. 

• O primeiro experimento consistiu na fuxida de materiais que flotan na auga ó estar en contacto co xabón: 

◦ Para isto puxéronse tres escarvadentes nunha cunca de auga formando un triángulo e tamén había que mollar un dedo en xabón; ó tocar o centro do triángulo co dedo enxabonado, os escarvadentes fuxían do xabón desfacendo así a forma xeométrica.

◦ O mesmo pasou á hora de botar pementa na cunca de auga. Ao tocar o líquido co dedo cheo de xabón, a pementa que estaba situada ó redor dese punto fuxía e, neste caso, afundíase debido ó pouco peso. 

Tras o experimento, chegamos á conclusión de que isto era producido porque o xabón desfacía a tensión superficial que había na auga. Esta é producida pola atracción de moléculas de H2O entre si e provoca que algúns materiais estean na súa superficie sen afundirse (como o exemplo da pementa) e que outros materiais ao formar formas xeométricas, sexan atraídos cara ao seu propio centro impedindo a súa separación (como os escarvadentes). 

• O segundo experimento consistiu en meter dúas láminas ou placas cadradas unidas entre si con parafusos nun recipiente con xabón. Os parafusos facían formas xeométricas visualmente, como cadrados, triángulos... Entón, cando as láminas saían do caldeiro con xabón podíase apreciar como se facían figuras que tocaban sempre nos parafusos. Estas figuras representaban a área mínima das dúas láminas xuntas. Isto podía explicar que as películas de xabón sempre intentaban facer a súa área mínima para que ao formarse, a enerxía que necesitan fose mínima. Por exemplo, as pompas de xabón sempre son redondas debido a que esa é a forma que representa a súa área mínima sempre coa mesma cantidade de aire. 

• Por último, como terceiro experimento, Marga permitiunos observar como diferentes figuras 3D (feitas por ela mesma manualmente con arames de cobre) formaban no seu interior pompas de xabón ao metelas no recipiente indicado anteriormente. As diferentes figuras sempre tiñan unhas liñas de xabón que unían os vértices das figuras coa pompa que se formaba no medio; estas liñas sempre formaban ángulos de 120º coa pompa. Marga tamén nos explicou que un dedo seco pode romper unha pompa ou unha película de xabón. Pero un dedo mollado en xabón non pode romper a pompa ou película e permítenos atravesala completamente. Sobre isto comentounos que se tes unha figura semiaberta pechada cunha corda que se pode manipular, o dedo mollado en xabón, pode aumentar o tamaño da película tirando da corda. Aínda así, hai que facer un pouco de forza para manipulala, porque como xa expliquei anteriormente, a pompa sempre fai forza cara ao seu interior para manter sempre a superficie mínima.

Foi un obradoiro moi interesante e entretido!

Podedes acceder ás imaxe AQUÍ

Xosé Riveira Alonso - 3º ESO A



by Dr. Radut