Skip to Content

Semana da muller: encontros literarios con Andrea Maceiras

O mércores 6 de marzo Andrea Maceiras conversará co alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato sobre o proceso de creación das súas novelas e sobre a súa vocación como escritora. 

Profundará, concretamente, sobre Que me pare o corazón se te esquezo. Hai moitas razóns polas que o corazón está no título desta novela que trata temas como os retos nas redes sociais, a saúde mental, a amizade e o amor na adolescencia. Agardamos que nos vaia debullando os motivos que a levaron a tratar estas cuestións para así coñecer mellor o corazón da súa novela. 

Semana da Muller: obradoiro de escrita creativa e encontros literarios con Antía Yáñez

Este luns 4 e martes 5 de marzo Antía Yáñez estará no IES Perdouro para comezar cos actos da Semana da Muller con motivo de conmemorar o 8M. 

O alumnado de 1º ESO participará nun obradoiro de escrita creativa, o de 4º de ESO analizará a novela Non penses nun elefante rosa e o de 1º de Bacharelato, profundará no tratamento da muller en Senlleiras
 





Semana do 8M 2024

 

 

19 de febreiro: Día Internacional da LGTBIfobia no deporte

O 19 de febreiro é o Dia Internacional contra a LGTBIfobia no deporte. Elixiuse esta data para facer referencia ao día de nacemento de Justin Fashanu, o primeiro xogador de fútbol que falou da súa orientación sexual de maneira pública. Isto foi en 1990 e, naquel momento, foi vítima de acoso, tivo que acabar a súa carreira prematuramente e rematou coa súa vida oito anos despois. 
 
Para que sexamos conscientes de que está nas nosas mans acabar con estas inxustizas, o alumnado de 2º ESO A e de 1º ESO A e B elaboraron algúns traballos. Se pinchades AQUÍ, accederedes aos murais de 1º ESO e a continuación mostrámosvos a presentación de 2º ESO A. Se clicades no nome dos deportistas, coñeceredes a súa biografía. 
 

Maratón de lectura Día de Rosalía

Todo o alumnado de 2º ESO participou no maratón de lectura do Día de Rosalía organizado en colaboración do Concello de Burela. 

Aquí tedes as imaxes das rapazas e rapaces que leron de forma entusiasta poemas rosalianos durante 45 minutos seguidos. Coa coordinación do seu profesor, Noé Vázquez, o alumnado recitou algunhas das composicións intimistas, sociais e costumistas máis coñecidas da autora da que se conmemoraba o día do seu nacemento. 

 

Obradoiro de Banda Deseñada con Cristian F. Caruncho

O xoves 22 e o venres 23 de febreiro o alumnado de 1º ESO e o de 4º ESO de Proxecto Competencial participará nun obradoiro de banda deseñada impartido por Cristian F. Caruncho. 

Cristian Fojón Caruncho (Ortigueira, 1997) gañou a edición do ano 2011 do concurso de Banda Deseñada na Mariña convocado pola Asociación Cultural Os Matos e a biblioteca do IES Perdouro na categoría aberta. A obra gañadora foi a primeira parte de O home que liberou a fraga, a cal se incluíu na terceira revista Banda desexada. 

Recibiu, entre outros recoñecementos, o premio Carlos Casares-Kristina Berg en 2020 e o premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña en 2023. 

Este historietista, faneditor e ilustrador ten publicado xa numerosas obras de banda deseñada e participado en campañas gráficas e clips musicais

Semana dos afectos igualitarios

AVISO ESPECIAL: Ábrese o servizo postal para enviar cartas de agarimo a quen queiras, compañeirxs, noivxs, profesores, persoal non docente. 

Os emisarios de Cupido pasaron polas aulas a semana pasada para avisar que o seu servizo de mensaxería estará operativo a partir do xoves 15.

Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o nome completo do/a destinatario/a e o seu curso e envíao nun sobre.

Poderanse dirixir as cartas a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.

Tes ata o día 19 para mandar versos afectuosos a quen queiras.

Entrega de premios do Campionato San Xoán Bosco 2024

Esta mañá, mércores 31 de xaneiro, Día de San Xoán Bosco, patrón do ensino profesional,  a Asociación Cultural Os Matos fixo entrega  de premios aos campións e subcampións na modalidade de xogo individual. Felicitamos aos gañadores así como a todos e todas aquelas que participastes no campionato. O resultado foi o seguinte:

Xadrez 

  • 1° premio: Alexandre García Pousa / 1º Bac
  • 2° premio: Saúl Rodríguez Rodríguez / 1º Bac

Damas 

  • 1° premio: Ramón Real González / 2º Bac
  • 2° premio: Maite Candia Bazrreiro / 3º ESO

Cubo de Rúbik

  • 1° premio: Hugo Gorgojo Basanta / 1º Bac
  • 2° premio: Jorge Neira Cociña / 2º Bac

Os campionatos de fútbol sala e balón cesto están a celebrarse nos recreos. No mes de marzo está prevista a gran final.

Accede ao álbum de fotos dos medallistas AQUÍ.

Campionatos San Xoán Bosco 2024

 

No gran día da festividade de San Xoán Bosco, faremos entrega dos premios aos campións e subcampións das modalidades de Xadrez, Damas e Rubik. 

 
Será na biblioteca o 31/01/2024 ás 11h.

Viaxe a París Nadal 2023

O trece de decembro de 2023, os alumnos/as de francés de 3º ESO embarcámonos nunha viaxe a París en autobús. Despois de 16 longas pero amenas horas, os 35 alumnos chegamos ao hotel para deixar as maletas e iniciamos o que ía a ser unha grande experiencia vital para todo o grupo.

O primeiro día, collemos o metro e empezamos polo barrio bohemio de Montmarte. Visitamos a basílica de estilo bizantino de Sacré-Coeur, paseamos pola praza de Tertre para finalizar o noso percorrido diante do mítico cabaré, o Moulin Rouge. Xantamos no Bouillon, un restaurante típico parisiense onde probamos pratos tradicionais ata algún compañeiro atreveuse cos "Escargots". Pola tarde, navegamos polo Sena nun Bateau-Mouche e vimos o monumentos máis emblemáticos da cidade. Fíxose de noite axiña e deambulamos para admirar as decoracións e iluminacións especiais natalicias paseando pola elegantísima praza Vendôme, a praza da Concordia, os Campos Eliseos ata chegar aos grandes almacéns Les Galeries Lafayette e asombrarnos coa xigantesca árbore de nadal colocada debaixo da cúpula de estilo Art Déco.

O segundo día, madrugamos para subirnos ata o terceiro andar da Tour Eiffel e contemplar a precisas vistas. Sen dúbida foi unha das mellores experiencias. Pola tarde, tocou ruta museística polo museo de Orsay onde coñecemos as principais obras dos impresionistas e do Art Nouveau. Xa no Louvre, vimos a famosa Mona Lisa, a Vitoria de Samotrace, o escriba sentado así como a espectacular colección do antigo Exipto. Antes de cear polo barrio, tivemos tempo para estar no mercado de Nadal e atraccións dos xardíns das Tuileries.

O terceiro día collemos rumbo a Versailles. Visitamos o castelo do rei Sol, Louis XIV, e os pazos do Grand et Petit Trianon e a aldea da raíña, Marie Antoinette. Rematamos o día cun baño de luces, primeiro diante do Estadio do Paris-Saint-Germain, logo na Torre Eiffel iluminada e finalmente no pico do Arco de Triunfo vimos como brillaban as máis de 400 árbores dos Campos Eliseos engalanados cun manto dourado mirífico simulando burbullas de champaña.

O cuarto día entramos nunha xoia gótica, la Sainte Chapelle, con máis de mil vidreiras espectaculares. Vimos a catedral de Notre Dame e acabamos en Beaubourg onde xantamos. Pola tarde puidemos gozar dunha tarde de compras e paseos movéndonos en metro e así explorar libremente todo o que París tiña que ofrecer.

Como broche final da estancia, mergullámonos nos mundos máxicos de Disneyland. Foi a mellor excursión e das mellores experiencias que non esqueceremos nunca.

Albúm de fotos AQUÍ.

Alumnado de 3º ESO BC



by Dr. Radut