Saltar navegación

Saber máis: os globos meteorolóxicos

Saber máis

As cápsulas da NOSA, as MarumaSat, ascenden até a estratosfera impulsadas por un globo sonda ou meteorolóxico e levan incorporada unha radiosonda. Que son ambas cousas? Onde se empregan? Para que?

Antes da que existisen os satélites meteorolóxicos (o primeiro foi o Meteosat en novembro de 1977) os meteorólogos facían as predicións a partir fundamentalmente dos datos obtidos nas estacións meteorolóxicas terrestres.

A única tecnoloxía capaz de proporcionar datos sobre o estado da atmosfera eran as radiosondas colocadas a bordo de globos, cometas e aeronaves. 

Un globo sonda ou globo meteorolóxico ascende na atmosfera levando un equipo que subministra datos da presión atmosférica, a temperatura, a humidade e a velocidade do vento. Este equipo denomínase radiosonda.

Para o ascenso da radiosonda emprégase un globo de latex cheo de helio, de aproximadamente 1,2 m de diámetrocando está inflado.

O globo ao ascender, a unha velocidade entre 4 e 7 m/s, vai acadando presións cada vez máis baixas que fan que aumente de tamaño e acabe por estoupar a unha altura aproximada de 25 km, regresando de novo a terra. A velocidade de caída está aminorada por paracaídas.

GPS sonde readyCambridge Bay Weather. Commons WikimediaCC BY-SA 4.0 Subindo o globo. NOSA. Commons Wikimedia. CC BY NC-SA 4.0

A radiosonda transmite os datos a través dunha antena de radiofrecuencia e son recibidos nas estacións terrestres cos equipos adecuados para seren decodificados e interpretados.

Aínda hoxe seguen a facerse estes lanzamentos;en concreto, Meteogalicia realiza un único lanzamento semanal, desde Santiago,os martes ás 10:00 AM; mentres que a AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía) da Coruña faino dúas veces ao día, aproximadamente ás 12:00 AM e ás 12:00 PM, con variacións dependendo do horario de inverno ou verán.