Física e Química

Departamento de Física e Química

O departamento de Física e Química para o curso 2019-20 está integrado pola profesora Susana Rúa Fernández, que imparte a materia de Física e Química en 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO. Ademais imparte a materia de Cultura Científica en 4º ESO. 

Nos documentos adxuntos poden consultarse as programacións didácticas referidas ás materias impartidas polo departamento.

 

Información segunda avaliación

Estimadas familias e alumnado,

Como titora de 2º ESO e xefa do Departamento de Física e Química, gustaríame achegarvos certa información sobre a segunda avaliación que considero importante que coñezades.

A situación que estamos a vivir como sociedade pola pandemia da COVID-19 dista moito da normalidade, polo que todas as actuacións deberían ser consecuentes e proporcionais a esta excepcionalidade.

Con data de 27 de marzo, a Consellería de Educación ditou as instrucións para concretar as medidas en relación coa avaliación do segundo trimestre, especificando que se debería formalizar o seu peche antes do 3 de abril.

Na mesma data, a dirección do IES Lamas de Castelo fixou a segunda avaliación para o día 1 de abril.

Persoalmente, non considero que sexa adecuado nin xusto avaliar ao alumnado nesta situación, xa que se obvia parte do esforzo do alumnado de cara ás últimas semanas do trimestre e, a nivel emocional, non creo que poida aportar beneficio algún na situación que estamos a vivir, senón incluso xerar angustia e desasosego entre alumnado e familias.

Pero estou na obriga de poñer unha nota numérica na segunda avaliación, aínda que non dispoña de tódolos instrumentos necesarios nin de que se poidan levar a cabo as deliberacións habituais das xuntas de avaliación.

Por todo isto, gustaríame remarcar que as calificacións das materias do Departamento de Física e Química son meramente informativas, xa que as considero parciais e incompletas, non mostrando a evolución real do alumnado. Por iso, temos que darlle a importancia necesaria e non máis, tendo claro que o que realmente importa é a evolución do alumnado ao longo dun curso e non nun momento puntual.

Non me queda máis que desexarvos o mellor nesta situación de incerteza que nos tocou vivir e espero que poidamos volver vernos o antes posible.

Quedo a vosa disposición para o que poidades precisar.

Atentamente,

Susana Rúa Fernández.

Actividades corentena

A declaración do estado de alarma polo COVID-19 provocou o peche de todos os centros educativos, coa conseguinte suspensión da actividade lectiva presencial. Antes de proceder a explicar as actividades que se proporán durante este período, gustaríame transmitirvos algunhas mensaxes, aínda que sexa dende a distancia.

En primeiro lugar, tranquilidade. Comprendo que esta situación é descoñecida para todxs e que non temos claro como se vai a desenvolver, pero con paciencia todo será mellor. E tranquilidade tamén dende o punto de vista académico. Isto é un parón, cando todo volva á normalidade xa se decidirán os aspectos máis formais, de momento a prioridade é outra.

En segundo lugar, desfrutade. Desfrutade deste tempo nas vosas casas, coas vosas familias. Desfrutade dese libro que vos encanta pero con tanto “estudar para o exame” non o estabades a facer. Desfrutade do tempo coa vosa familia, desas conversas que noutros días “normais” ao mellor non podiades ter. Desfrutade dunha película, dunha serie ou de calquera cousa que vos apeteza. Desfrutade, en resumo, do tempo. Aproveitade para facer aquilo que queredes pero nunca tiñades tempo e de coñecer un pouco máis a quen vos rodea e incluso, a vós mesmxs.

E en último lugar, sede responsables. Sede responsables quedando na casa, porque é tarefa de todxs axudar nesta situación. Sede responsables coa hixiene das vosas mans, non só por vós, senón por todas as persoas coas que compartides o fogar. Sede responsables coas tarefas da casa, con aquelas cousas que podedes facer vós e faga que as vosas familias poidan estar mellor.

Unha vez dito todo isto, deixovos o meu correo, por se tedes algunha dúbida sobre algunha actividade ou, de maneira excepcional (xa sabedes que non é o seu fin), queredes contarme que tal levades estes días na casa: susanarua.fq@gmail.com

Agora vouvos explicar a dinámica que imos seguir este días para as actividades propostas. Recordade que non son avaliables.

Imos seguir o horario normal de clase ¿que quere dicir isto? Que cada día que nos tocara clase no instituto vai ser o día que teñades a tarefa aquí colgada, tratando de seguir a mesma dinámica que en clase.

En principio, todas as actividades estarán na aula virtual

Tedes que ir ao Departamento de Física e Química e buscar o voso curso. Para o alumnado de 2º ESO e 3º ESO, as aulas virtuais correspondentes estarán abertas, é dicir, non precisades nin usuario nin contrasinal para acceder. O alumnado de 4º ESO accederá co seu usuario coma sempre.

Calquera dúbida ou problema, mandade un email.

Espero que levedes ben este tempo na casa.

Unha aperta,

Susana.

 

 

n/d
Distribuir contido